A crise asiática

A grave crise financeira que se vive en Asia dende hai varios meses está a provocar grandes convulsións de carácter económico, social e político. Os primeiros sintomas xurdiron no verán de 1997 en Tailandia pero rapidamente se propagaron pola maior parte dos países do Sudeste asiático. Unicamente China semella capaz de manterse á marxe. A crise enquistase e profundizase cada mes que pasa, mentres a opinión pública e as organizacións sociais, de Indonesia a Corea do Sul, rebelanse contra as terapias ideadas polo Fondo Monetario Internacional baseadas nunha profunda aceleración da desregulamentación. Pero os efectos da crise fanse sentir inevitablemente no resto do mundo. O déficit comercial de Estados Unidos, por exemplo, aumenta sen cesar. No primeiro trimestre deste ano ascendeu a 36.800 millóns de dólares, un 26% máis que no mesmo período do ano anterior.

Aínda asumindo globalmente a amplitude da crise, as interpretacións e opinións arredor do seu significado e consecuencias non son pacíficas. Segundo algúns (optimistas) estes países axiña superarán a presente etapa de inevitable axuste e voltarán a unha dinámica de crecemento. Habitualmente, quen expresa o seu convencimento na capacidade de superación e de adaptación destas economías, interpreta igualmente a crise como unha bendición para Estados Unidos, país que medra en influencia en toda a rexión. De vello, as empresas americanas ansian penetrar nuns mercados tradicionalmente dificiles pola existencia de amplas medidas proteccionistas. Os gobernos da zona veñen priorizando a consolidación das súas novas industrias e mercados antes de favorecer unha apertura a gran escala que poría en perigo a simple supervivencia. Segundo outros (pesimistas), a crise é mais profunda do que se pensa e afecta á propia viabilidade do denominado “modelo asiático”, tradicionalmente asentado nun forte intervencionismo estatal. As interpretacións conflúen nun cuestionado protagonismo do FMI (Fondo Monetario Internacional) que promove sen ambigüedades o modelo neoliberal americano e suscita as naturais resistencias das sociedades locais.

Pase o que pase, nada será igual. En maior ou menor medida, as economías asiáticas non terán máis opción que adaptarse ó novo contexto, establecendo outro equilibrio entre intervención estatal e mercado e cedendo na súa irreductibilidade fronte a entrada de productos americanos e, en menor medida, europeos. Pero quizáis tamén aprendan a lección e aposten pola superación da súa actual vulnerabilidade reforzando os fráxiles mecanismos de cooperación e de solidariedade existentes na zona. No político, haberá que facerse á idea de convivir cun nacionalismo en alza, en boa medida resentido pola presión humillante de Occidente.