A crise de Israel

Apartados xeográficos Oriente Medio ARCHIVO
Idiomas Galego

Inmobilizada e con escasa reacción ante a dinámica de cambios dende o Magreb ata Oriente Próximo con motivo da “Primavera árabe”, o goberno dereitista de Benjamín Netanyahu apréstase a confrontar serios frontes en diversos ámbitos internos e externos, enmarcados nunha crise socioeconómica con claras implicacións na política interna e na xeopolítica rexional.

Nunca antes Israel observara unha serie de mobilizacións populares espontáneas, similar á acontecida en España e Europa co movemento dos “indignados”, que tivo o seu momento clave o pasado 4 de setembro, na considerada “marcha do medio millón”. Esta heteroxénea mobilización da mocidade israelí, traballadores, estudante, clases medias e, incluso, oficiais retirados do Exército, esixiu a renuncia de Netanyahu mentres pedían un audaz cambio do modelo político e económico israelí, avaliado polas organizacións internacionais como “exitoso” pero que, nos últimos anos, revela enormes desigualdades socioeconómicas e un súbito e inesperado incremento da pobreza.

A demanda desta mobilización “do medio millón” (que segundo diversas fontes superou as 300.000 persoas) se cifraban principalmente na obtención de vivendas máis baratas, así como nunha equitativa redistribución dos ingresos fiscais e a consideración de prestacións sociais “comparables aos países da Organización de Cooperación e Desenvolvemento Económico (OCDE)”, segundo fontes israelís.

No fondo, a protesta popular ben pode considerar unha demanda de cambio no modelo político bipartidista entre laboristas e conservadores do Likud, actualmente no poder. Igualmente, estas demandas oriéntanse contra unha clase política larvada por diversos escándalos de corrupción, dos que curiosamente o sector inmobiliario cobra unha importancia clave nun país con dificultades na construción de vivendas, así como o favoritismo na concesión de contratos a empresas e particulares. Desde o primeiro goberno de Netanyahu (1996-1999) e os seus sucesores Ehud Barak (1999-2001), Ariel Sharon (2001-2005) e Ehud Olmert (2005-2009), os escándalos de corrupción veñen sendo unha tendencia importante dentro da política israelí.

Cara un eixe turco-exipcio?

Se a crise socioeconómica e política comeza a evidenciarse en Israel, non menos estratéxico é o novo mapa xeopolítico rexional, que intensifica o illamento do Estado israelí. A ofensiva militar israelí contra Gaza en 2009 e a posterior crise da flotilla internacional cara este territorio palestino en 2010, consumou practicamente a ruptura parcial de relacións entre Tel Aviv e un ata agora aliado estratéxico de importancia como Turquía.

O goberno turco de Recep Tayyip Erdogan, recentemente reelixido no poder, expulsou esta semana ao embaixador israelí en Ankara, suspendeu temporalmente os acordos militares vixentes desde 1996 (que condicionan esa relación estratéxica turco-israelí) e intensificou as demandas contra Netanyahu para pedir desculpas polos civís mortos e feridos pola ofensiva israelí contra a flotilla a Gaza. Paralelamente, Erdogan visitará Exipto a mediados de setembro, a fin de certificar unha serie de pactos militares co novo goberno exipcio, que poden alterar significativamente o mapa xeopolítico rexional.

Precisamente, o goberno de Netanyahu abriu a semana pasada unha importante crise con Exipto tras abater involuntariamente a cinco soldados exipcios na península do Sinaí, durante unha persecución cara militantes palestinos de Gaza. Se ben o primeiro ministro israelí instou ao seu ministro de Defensa a pedir desculpas ao Cairo, o novo goberno exipcio intensifica o seu distanciamento con Tel Aviv para, ao mesmo tempo, reforzar lazos cunha Turquía que está tentando erixirse como un referente para un mundo árabe en plenos cambios políticos.

Tensa espera ao Estado palestino

Finalmente, a intensificación da crise global israelí pode concretarse cando o próximo 20 de setembro, o presidente da Autoridade Nacional Palestina (ANP), Mahmud Abbas, presente na Asemblea Xeral da ONU a petición formal palestina de ser recoñecido como Estado independente.

Ata o momento, 124 países membros da ONU recoñecen a lexitimidade estatal da ANP. Pero Tel Aviv especula coa posibilidade do veto estadounidense ao Estado palestino na ONU, aínda que esta posibilidade estea determinada por unha conxuntura igualmente crítica ante o notorio distanciamento da administración de Obama co respecto a Netanyahu, precisamente polas críticas de do actual goberno estadounidense cara a ampliación de asentamentos israelís en Xerusalén Leste e Cisxordania. Este aspecto podería cobrar vixencia ante as demandas de vivendas por parte dos “indignados” israelís, especialmente no caso de non proclamación do Estado palestino na ONU.

Paralelamente, as Forzas Armadas israelís comezan a prepararse para unha fase de incremento de tensións cos seus veciños. Certificada a crise con Turquía e Exipto e ante a tensa expectativa por observar a posibilidade de recoñecemento da ONU dun Estado palestino, o Exército israelí observa con preocupación o desenvolvemento dos acontecementos en Siria e, en menor medida, en Líbano.

Tel Aviv recea dos escenarios en Siria en caso da caída dun inimigo “cómodo” como o réxime de Bashar al Asad, polo que as elites israelís prefiren o mantemento do actual status quo. Con incertas posibilidades de caída do réxime de Bashar, Israel non espera observar en Siria unha situación similar ao Exipto post-Mubarak, así como un eventual ascenso de alternativas políticas pro-árabes en Damasco (que illarían aínda mais a Israel) ou de forzas políticas pro-xiítas que conformen un novo eixe xeopolítico en Siria, Líbano e Palestina, con maior implicación de Irán, o principal rival israelí en Oriente Próximo.

A aparición dos indignados, a crise con Turquía e Exipto, as tensas expectativas ante a eventual proclamación dun Estado palestino e as incertezas ante os cambios no mundo árabe son factores que condicionan unha crise histórica para Israel. Pode que, dalgún xeito, a Primavera árabe igualmente logre cambiar, aínda que aparentemente non de forma substancial, os resortes tradicionais nos que se asenta o Estado israelí.