Artigo publicado orixinalmente no IGADI ANNUAL REPORT 2023-2024 "Eleccións e guerras perfilando a multipolaridade"
O mondiacult celebrouse entre o 28 e o 30 de setembro do 2022 en México

A cultura, o desenvolvemento sustentábel e o cambio climático

O IGADI Annual Report é o informe anual de relacións internacionais e política global do IGADI. Serve para realizar unha análise da xeopolítica internacional desde Galicia, no obxectivo de achegarse aos acontecementos máis destacados do ano, así como as dinámicas de fondo que modelan a realidade internacional e as perspectivas principais do ano en curso.
Apartados xeográficos Otros

A finais de setembro de 2022 reuníronse na Cidade de México delegacións de 150 Estados para debater sobre a cultura no marco do desenvolvemento sustentábel. Esta Conferencia Mundial da UNESCO sobre Políticas Culturais e Desenvolvemento Sustentábel ou MONDIACULT 2022 —que continúa o legado doutras conferencias antecesoras como a primeira MONDIACULT 1982 ou a Conferencia Intergobernamental sobre Políticas Culturais para o Desenvolvemento 1998— culminou na adopción, por unanimidade, dunha Declaración Final1 que, non sen razón, foi cualificada de histórica. Nesta Declaración Final os ministros e as ministras de cultura reunidos, entre outras cousas, recoñecen a cultura como “un ben público mundial cun valor intrínseco para facilitar e impulsar o desenvolvemento sustentábel”. Un ben público mundial que, como instan ao Secretario Xeral das Nacións Unidas, debe ser integrado como un obxectivo específico na axenda para o desenvolvemento para alén do 2030.

Este recoñecemento e chamamento á acción por parte dos Estados membros da UNESCO chega nun momento crucial. Como sinala a propia Declaración, en todo mundo, o sector cultural enfróntase a numerosos desafíos, entre outros, os conflitos armados, as pandemias como a Covid-19, o retroceso dos dereitos fundamentais e, quizais o máis importante, o cambio climático antropoxénico. Mentres entramos na “era da ebulición global”2, faise cada vez máis visíbel que a crise climática está tendo repercusións de grande alcance e, moitas veces, irreversíbeis no tecido cultural das nosas sociedades. Velaí soamente dous datos: dependendo das futuras emisións, de aquí ao 2050, o número de sitios africanos do Patrimonio Mundial expostos á subida do nivel do mar podería máis que triplicarse3. Asemade, o cambio climático está acelerando a perda da diversidade lingüística, xa que moitas das arredor de 600 linguas en perigo crítico de extinción se atopan nalgunhas das areas máis expostas aos seus impactos4. Basta con estes dous exemplos (de miles) para ver que a crise climática ten unha marcada dimensión cultural.

Emporiso, a cultura está sinaladamente ausente en moitas das propostas para facerlle fronte e lograr un desenvolvemento sustentábel. A Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentábel, por exemplo, adoptada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 2015, aínda que menciona puntualmente o patrimonio cultural, queda corta á hora de recoñecer a cultura como unha das dimensións do desenvolvemento sostíbel. No contexto europeo, xa sexa no marco do Pacto Verde Europeo da Unión Europea ou das políticas nacionais dos Estados membros, o panorama resulta igualmente sombrío5. Esta falta de consideracións culturais nas estratexias de desenvolvemento e acción climática é preocupante por unha dobre razón.

Por unha banda, existe o risco que as medidas encarreiradas a transformar as nosas economías e sociedades cara a sostibilidade acaben prexudicando aínda máis o noso patrimonio e vulnerando os dereitos culturais das comunidades portadoras. Así, o caso da construción do maior parque eólico terrestre de Europa en terras utilizadas polo pobo saami para a súa tradicional cría de renos —estimada pola Corte Suprema de Noruega como unha violación do dereito do pobo indíxena á súa propia cultura6— presenta un exemplo paradigmático de como un modelo neoliberal da transición verde, no que priman os intereses económicos sobre os culturais, ameaza á diversidade cultural. Preocupacións que, dende logo, non resultan alleos ao contexto galego7. Tales violacións dos dereitos culturais en nome do desenvolvemento “sostíbel” non son, por desgraza, casos illados, como mostra claramente un informe da Relatora Especial da ONU na esfera dos dereitos culturais de 20228.

Pola outra banda, a non consideración da cultura tamén pasa por alto o papel que esta pode, e debe, desempeñar na mitigación e adaptación do cambio climático. A cultura e o patrimonio constitúen fontes valiosas de coñecementos, técnicas e creatividade para afrontar este reto definitorio da nosa época. Os coñecementos tradicionais (CT) dos pobos indíxenas —tantas veces ignorados e denigrados—, en particular, están repletos de boas prácticas para modos de vida sustentábeis9. Mais tamén alén do contexto indíxena, a cultura é un facilitador e impulsor do desenvolvemento sostíbel, á par que unha parte inherente do mesmo10

Con este fondo, a Declaración Final de MONDIALCULT supuxo un paso importante ao recoñecer o papel e a transcendencia da cultura no desenvolvemento sustentábel e a acción polo clima. Mais o recoñecemento debe ir seguido dunha actuación correspondente. Neste sentido, no 2023 producíronse varios acontecementos significativos. Así, en novembro, a Rede do Patrimonio Climático lanzou un chamamento á acción, apoiado por un amplo abano de ONGs, particulares e institucións públicas, aos Estados partes da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (CMNUCC) para que adopten unha Decisión de Traballo Conxunta sobre cultura e acción polo clima na Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP)11. Deste modo iniciaríase un proceso consultivo sobre as interseccións entre cultura e cambio climático, co obxectivo de propoñer recomendacións específicas sobre a cuestión para a súa adopción por unha futura COP, posibelmente en 2025. A chamada á acción foi respondida durante a COP28 do ano pasado co lanzamento dun Grupo de Amigos da Acción Climática Baseada na Cultura, integrado por máis de trinta Estados membros da ONU e liderado polo Brasil e os Emiratos Árabes Unidos. O obxectivo desta coalición internacional é reforzar o impulso político para apoiar os propósitos da Rede do Patrimonio Climático e abrir unha vía de integración da cultura na acción climática no futuro12.

En definitiva, nestes últimos anos déronse pasos importantes a nivel internacional para recoñecer a importancia da cultura no contexto do desenvolvemento sustentábel e a acción polo clima. Isto é fundamental para garantir que a necesaria transformación das nosas economías e sociedades sexa sostíbel en todas as dimensións: medioambiental, económica, social, pero tamén cultural. O importante agora, para o 2024 e máis alá, é consolidar este progreso e integrar a cultura, o patrimonio e os dereitos culturais de maneira exhaustiva nas políticas climáticas e de desenvolvemento, tanto a escala internacional como nacional e rexional. A este respecto, aínda queda moito por facer.

Podes descarregar o IGADI Annual Report 2023-2024 “Eleccións e Guerras perfilando a multipolaridade” nesta ligazón


  • 1 UNESCO, Conferência Mundial da UNESCO sobre Políticas Culturais e Desenvolvimento Sustentável – MONDIALCULT 2022, Declaração Final, MONDIACULT-2022/CPD/6, dispoñíbel en: https://unesdoc.unesco.org/ark:/48223/pf0000382887_por.
  • 2 NACIÓNS UNIDAS, “El mes de julio más caluroso de la historia indica que ya estamos en la era del horno global”, 27 de xullo de 2023, dispoñíbel en: https://news.un.org/es/story/2023/07/1523012.
  • 3 VOUSDOUKAS, M. I., CLARKE, J., RANASINGHE, R., REIMANN, L., KHALAF, N., DUONG, M. T., OUWENEEL, B., SABOUR, S., ILES, C. E., TRISOS, C. H., FEYEN, L., MENTASCHI, L. e SIMPSON, N. P., “African heritage sites threatened as sea-level rise accelerates”, Nature Climate Change 12, 2022, 256-262.
  • 4 Véxanse FOLTZ, A., “How climate change is killing languages”, Eco-Business, 14 de agosto de 2023, dispoñíbel en: https://www.eco-business.com/opinion/how-climate-change-is-killing-languages/; MCVEIGH, K., “Lost for words: fears of ‘catastrophic’ language loss due to rising seas”, The Guardian, 16 de xaneiro de 2023, dispoñíbel en: https://www.theguardian.com/environment/2023/jan/16/linguists-language-culture-loss-end-of-century-sea-levels-rise.
  • 5 Véxase COMISIÓN EUROPEA, DIRECCIÓN XERAL DE EDUCACIÓN, XUVENTUDE, DEPORTE E CULTURA, Strengthening cultural heritage resilience for climate change : where the European Green Deal meets cultural heritage, Oficina de Publicacións da Unión Europea, 2022, 5-9
  • 6 CORTE SUPREMA DE NORUEGA, HR-2021-1975-S, (case no. 20-143891SIV-HRET), (case no. 20-143892SIV-HRET) and (case no. 20-143893SIV-HRET), Sentenza de 11 de octubre de 2021.
  • 7 Véxase AMOEDO-SOUTO, C.-A., “O impacto dos proxectos eólicos sobre o patrimonio cultural galego: un estado da cuestión”, 2021, dispoñíbel en: https://observatorio.eolico.webs.uvigo.es/wp-content/uploads/2021/08/Protecci%C3%B3n-do-patrimonio-cultural-e-parques-e%C3%B3licos-Carlos-Amoedo-UDC-xullo-2021-1.pdf.
  • 8 NACIÓNS UNIDAS, ASEMBLEA XERAL, Desarrollo y derechos culturales: los principios, A/77/290, 15 de agosto de 2022, 17-23, dispoñíbel en: https://undocs.org/A/77/290.
  • 9 REGUART SEGARRA, N., “El papel decisivo de los pueblos indígenas en la mitigación y adaptación al cambio climático: evolución y retos pendientes”, AFDUAM 26, 2022, 183-214.
  • 10 NACIÓNS UNIDAS, ASEMBLEA XERAL, op. cit.
  • 11 REDE DO PATRIMONIO CLIMÁTICO, Chamada Global para colocar o Patrimonio Cultural, as Artes e os Sectores Creativos no corazón da Acción Climática, 2023, dispoñíbel en: https://www.climateheritage.org/jwd.
  • 12GRUPO DE AMIGOS DA ACCIÓN CLIMÁTICA BASEADA NA CULTURA, Emirates Declaration on Cultural-based Climate Action, 2023, dispoñíbel en: https://drive.google.com/file/d/1NaQKtEjz9NjIssD2P9VqJf4M_T2df72V/view.