Este artigo fai parte do IGADI Annual Report 2025-2026
O novo mundo: Multipolaridade inestable nun sistema internacional en conflito — IGADI Annual Report 2025-2026

A Diplomacia dos Océanos tras o Fito do BBNJ (Biodiversity Beyond National Jurisdiction) da ONU: Unha Gobernanza Azul en Alta Mar?

Despois de máis de dúas décadas de complexas negociacións, o pasado 17 de xaneiro de 2026, entrou en vigor o comunmente chamado Tratado Global dos Océanos ou Acordo BBNJ (Biodiversity Beyond National Jurisdiction) de Nacións Unidas. Para o secretario xeral, António Guterres, trátase dun fito histórico para o océano e o “multilateralísimo”.

Para comprender a relevancia estratéxica deste novo marco de gobernanza, subscrito por máis de oitenta países, debemos poñer o foco en Alta Mar que ocupa o 64% da superficie oceánica. Ata hai pouco, as augas internacionais funcionaban como unha sorte de «Lonxano Oeste», onde a explotación de recursos, a pesca intensiva e a investigación xenética carecían dunha regulación global coordinada.

Este instrumento xurídico vinculante permite, por primeira vez, a creación de Áreas Mariñas Protexidas en augas internacionais, esixe avaliacións de impacto ambiental para actividades comerciais no leito mariño e establece un reparto equitativo dos beneficios derivados dos recursos xenéticos mariños. Impulsa a creación do Comité Científico Técnico, a cooperación e a transferencia de coñecemento ao tempo que protexe os dereitos dos pobos indíxenas e comunidades locais. Todo isto co obxectivo de acadar a meta 30×30, protexer o 30% dos océanos para 2030.

España comprendeu que o seu peso global xa non reside só no PIB terrestre, senón no valor ecosistémico das súas augas. Foi o primeiro Estado da UE en ratificar o acordo en febreiro de 2025; avoga, coma potencia pesqueira, por converter a sustentabilidade nun activo xeopolítico.

A posta en marcha do Tratado BBNJ bota a andar con varias citas clave xa programadas para este ano e o seguinte. Entre o 23 de marzo ao 2 de abril de 2026 está previsto o terceiro período de sesións da Comisión Preparatoria. Esta é a reunión organizativa máis inmediata para definir as «regras do xogo» antes da gran conferencia. O seu obxectivo e avanzar na elaboración dos documentos centrais que se aprobarán na primeira Conferencia de Partes (COP1)

A COP é o órgano de decisión supremo. Segundo o acordo, esta primeira conferencia celebrarase no prazo dun ano dende a súa entrada en vigor. Previsiblemente antes do 17 de xaneiro de 2027. Aquí, tomaranse as primeiras decisións vinculantes. Entre outras, cal será a sede do tratado; países como Chile, Bélxica e, en última instancia, China, postuláronse para ser os anfitrións.

Tras a candidatura única da Unión Europea focalizada en Bélxica, España está a centrar os seus esforzos en impulsar as primeiras AMP (áreas mariñas protexidas) globais, coa finalidade de que se sitúen en corredores biolóxicos críticos, como a Corrente das Canarias, conectando a protección das nosas augas xurisdicionais co vasto océano internacional.

Este activismo diplomático coincide cun momento de transición institucional crítica na ONU. O mandato do actual Secretario Xeral, António Guterres, remata o 31 de decembro de 2026, o que sitúa o proceso sucesorio no centro da axenda deste ano:

• Xullo de 2026: O Consello de Seguridade comezará as súas votacións e deliberacións para recomendar unha candidatura.

• Outono de 2026: A Asemblea Xeral fará o nomeamento formal.

• 1 de xaneiro de 2027: O novo Secretario/a Xeral asumirá o cargo.

Polo momento, soan nomes con forza como o da ex-presidenta chilena Michelle Bachelet, nun contexto de presión crecente para que, por primeira vez na historia, sexa unha muller quen lidere a organización.

Neste novo panorama xeopolítico, o cambio de mandato xera certa incerteza nun momento delicado. Pode facer que a implantación do tratado perda “foco político” se se priorizan outros temas coma os conflitos bélicos ou a reforma financeira da propia ONU. A elección será unha proba de lume para a prioridade do Tratado.

O fin da «Doutrina do Veto»?

Unha das maiores vitorias deste tratado é que as decisións na COP (Conferencia das Partes) non requiren obrigatoriamente consenso. Se non hai acordo, as medidas pódense aprobar por unha maioría de tres cuartos (ou dous terzos para certos temas). Isto significa que unha soa potencia xa non pode bloquear unha área protexida por si soa. Porén, poden presionar a pequenos estados aliados para que voten con elas, e así, impedir que se chegue a esa maioría.

Para entender como EUA ou China poden influír sen necesidade de usar un «veto» directo (como o que teñen no Consello de Seguridade), hai que mirar a «letra pequena» do funcionamento do tratado:

A postura de EUA: O «Liderazgo sen Firma»

A situación de EUA é complexa, aínda que adoptaron o tratado politicamente en 2023, non o ratificaron. A ratificación quedou conxelada por argumentos de «soberanía e seguridade nacional».

Aínda que non sexan «Parte» do tratado, polo tanto sen voto, EUA ten a maior frota científica e militar do mundo. Poden influír alegando que certas proteccións mariñas interfiren coas súas manobras militares ou rutas comerciais. Se decidise que unha zona protexida pola ONU «non é vinculante» para eles, o tratado perdería moita forza real.

O desafío das «Obxeccións»

O tratado permite que un país presente unha obxección a unha decisión específica (por exemplo, a unha veda de pesca nunha zona concreta). Se unha potencia obxecta, esa norma non é vinculante para ela. Países coma China ou Rusia poderían definir a súa estratexia aceptando o tratado xeral pero obxectar sistematicamente cada área protexida que afecte aos seus intereses pesqueiros ou mineiros, convertendo o tratado nun «queixo queixo suízo» cheo de buratos legais.

A minería submarina: O gran taboleiro de xogo

A moratoria da minería submarina segue sendo un punto de fricción. China domina a tecnoloxía mineira en augas profundas. A súa presión non é só diplomática, senón económica. Pode condicionar axudas a países en desenvolvemento a cambio de que estes non apoien normas ambientais demasiado estritas que limiten a extracción de minerais estratéxicos.

O Desafío da Gobernanza Multinivel

Aínda que a competencia é estatal, na práctica existe unha tensión consultiva. A Consellería do Mar exerce influencia a través da Xunta de Galicia que traslada ao Goberno central a necesidade de integrar os datos socioeconómicos da frota antes de pechar zonas de pesca.

O principal temor da flota galega é que a creación das Áreas Mariñas Protexidas poidan limitar o acceso a caladoiros tradicionais baixo presións políticas e sen criterios científicos claros. Fronte a isto, Galicia propón unha Gobernanza Dinámica: que as fronteiras de protección non sexan estáticas, senón que sigan os movementos migratorios das especies provocados polo cambio climático.

A nivel internacional, España utiliza a experiencia galega na xestión de recursos para asesorar a nacións de África Occidental e América Latina, reforzando o noso soft power a través da cooperación técnica

Conclusións: Un Mar de Oportunidades

A análise xeopolítica revela unha tensión constante entre a conservación ambiental e a soberanía económica. Malia representar un fito histórico, o seu éxito enfróntase a obstáculos estruturais profundos coma a desconfianza histórica entre o Norte – Sur Global; fragmentación de autoridade, fenda da capacidade de inspección e vixilancia con sistemas satelitáis; perigo de desconexión das realidades rexionais ou traslado de dinámicas de bloqueo.

O horizonte actual está marcado pola procura dunha presidencia cun peso diplomático capaz de mediar entre os intereses mineiros de China, os pesqueiros da UE e as demandas de xustiza climática do Pacífico e África.

España xoga un papel dual e complexo potencia pesqueira vs conservación. Compite por liderar o desenvolvemento tecnolóxico e científico vencellado ao acordo.

Galicia é onde o tratado atopa a súa tradución máis complexa e real. A rexión enfróntase ao dobre reto de ser gardián da biodiversidade e garantir a soberanía alimentaria mediante unha pesca sustentable. O desafío é transformar unha posible ameaza reguladora nunha oportunidade estratéxica.

Coñece o IGADI Anual Report 25-26 «O novo mundo: Multipolaridade inestable nun sistema internacional en conflito«