O seu carácter imprevisible é o factor máis salientable da crise iraniana. Imprevisible nas orixes, no desenvolvemento e mesmo no desenlace. Ningunha variable, tomada de forma illada, logra explicar a intensidade da crise e soamente pode entenderse pola conxunción de diferentes dificultades: sociais, políticas e tamén exteriores. A consecuencia directa desa tripla converxencia é o illamento do tándem Jamenei-Ahmadineyad, se ben esa tendencia de progresiva laminación dos seus apoios non fixo mela no control do aparato policial e de seguridade, visiblemente fiel ás súas ordes. Pero ninguén pode predicir como evolucionarán as cousas nas próximas semanas. Sen dúbida, Jamenei e Ahmadineyad, que sempre desprezaron a significación política e as posibilidades do candidato Musavi, deben ser os primeiros sorprendidos pola dimensión da protesta. E mentres non se proclame oficialmente o vencedor das eleccións do 12 de xuño, as espadas seguirán en alto, uns á espera da desactivación da rebelión e outros esperanzados con abrir maiores aberturas nos impenetrables muros do réxime.
No máis que previsible suposto de confirmarse a vitoria de Ahmadineyad ábrese en Irán un período de considerable inestabilidade. Nada será como antes e o cuestionamento da lexitimidade da autoridade pública afectará ao propio Jamenei, o seu, ata agora, máis firme valedor. Doutra banda, na axenda podería coller cabida a opción temporal dunha mínima liberalización para reducir a cohesión opositora, mesmo con facilidades para o diálogo exterior a propósito dos litixios pendentes, en especial a cuestión nuclear. Non obstante,.a opción de reforzar o liderado na rexión, en disputa permanente con Israel, é un propósito do que non poden abdicar os conservadores, e para iso precisan estimular a tensión e beneficiarse dos réditos internos que lle pode procurar.
Os riscos de ruptura entre os sectores que cohabitan na clase dirixente do país auguran un tempo seguro de turbulencias. Será unha carreira de fondo que asegura a persistencia da crise sen mais saída que a reedición do pacto interno entre as elites ou novas eleccións. Esa mobilización continua, difícil pero non imposible de manter, pode levar a sacrificar ao propio Ahmadineyad en aras do interese supremo da revolución islámica. Se despois diso pode abrirse camiño un “islamismo de rostro humano” é o que nos resta por esculcar. Pero polo momento, todo indica que Ahmadineyad leva as de gañar.