Austria, Bulgaria, Dinamarca, Holanda, Hungría e Suecia son países europeos nos que en moi poucos anos a ultradereita acadou representación parlamentaria. É natural que o fenómeno preocupe aos demócratas e que as explicacións do mesmo difiran ou se opoñan. E noutros –Suíza, por exemplo- danse manifestacións ultra preocupantes.
As medidas de Sarkozy contra os xitanos, apoiadas pola metade dos franceses, teñen aparencias de política de extrema dereita. E en Italia, a Liga do Norte, que apoia a Berlusconi, propón medidas moi semellantes ás francesas, incluída a prohibición do uso público do burka.
É claro que as distintas medidas de Sarkozy, máis que a unha ideoloxía de ultradereita, son debidas a unha estratexia electoral ao ver que a súa popularidade mingua. É un problema de recadación de votos, non unha ideoloxía política. En Italia a política é Berlusconi, e con iso está todo dito.
¿Hai hoxe risco en Europa de que a extrema dereita chegue ao poder ou que haxa que contar con ela para formar goberno? Trátase, en xeral, de partidos moi pequenos, e, nalgúns casos, van parar á ultradereita votos que pertencen a outras opcións políticas, que os emiten como protesta.
Parece fóra de dúbida que a UE conta con institucións e cun marco xurídico aos que están sometidos os gobernos que a integran que nos levan a responder negativamente á pregunta do parágrafo precedente. Por agora, pensamos que é así. Mañá será outro día.