O artigo fai parte do Informe Nós No Mundo 2023-2024 "Conectar á Diáspora á Acción Exterior de Galicia"
Nós no Mundo 2024

A Galiza Global e a Acción Exterior de Galicia

Agradecenos ao IGADI polo convite realizado ao BNG nun tema tan importante para Galiza, xa que vivimos nun mundo no que xa nada nos é alleo e todo está comunicado e nós como Pobo, temos unha realidade diaspórica que debemos de aproveitar como Nazón.

No BNG temos moi claro que o noso non é un Pobo que fique no espazo territorial de Galiza. A nosa emigración no mundo fai que a presenza de galegas e galegos esté en moitos lugares do planeta, nesa que foi definida por esta asinante como a «Galiza Global» facendo as súas vidas noutros lugares más con profunda identidade coas raiceiras da orixe, do vivido ou do transmitido. Un País como Galiza ten que recoñecer á súa diáspora e proporcionar mecanismos de participación política, cultural e social para as galegas e galegos no Mundo.

A igualdade ten que ser a base e nesa base é moi necesario actualizar os mecanismos de participación, de comunicación e de información. No BNG consideramos que hai moitos anos perdidos na xestión do Goberno do PP e que as e os emigrantes non poder ser usados como «mercadoría eleitoral» nin lembrarse delas só cando son as eleccións, senon contar con elas e eles activamente e con visión estratéxica, humana e non só atendendo aos momentos electorais, senón garantindo unha participación, información e asistencia de xeito permanente.

Para iso hai que partir de diversas situacións que existen na diáspora, xeracións máis antigas, fillos e netos noutras latitudes e continentes e unha emigración actual de fuga de profesionais que segue existindo e que fai que na actualidade, por exemplo en Europa, teñamos unha realidade de moitas persoas entre 20 a 55 anos marchando de novo ao exterior a traballar, ou formarse, ou ambos; ou profesionais que traballaron en Galiza e que se ven obrigados a marchar por razóns económicas, aumentando este fenómeno despois da pandemia. Por iso é tan importante aproveitar como País que esas pontes persoais e da colectividade, organizada ou non, sexan instrumentos de interacción entre Galiza e outros territorios e organizacións, entre o noso Pobo espallado polo Mundo.

A acción exterior de Galiza debe conectarse sen dúbida coa emigración. Como fan outros Estados Europeos como Irlanda, como fan outras nazóns. Recentemente no BNG desenvolvemos unha visita a México con motivo da investidura da Presidenta dese País e sen dúbida, contamos cos lazos do noso exilio e as familias fillas dos exiliados e exiliadas, cos emigrantes que ali residen da emigración tradicional, ou por exemplo, o caso do festival «Emigrason» de Bruxelas no que un grupo de activa máis cidade galega leva organizado dende hai dous anos un festival de música galega que deu moito que falar e fixo tamén alertar que a mocidade no exterior quere participar na nosa vida cultural. E que decir da ponte internacional, de recoñecemento e orgullo que foi ter a un alcalde de orixe galega, de Corme, como alcalde de Xenebra como é o caso de Alfonso Gómez Cruz, nun País como Suiza no que tantos galegos marcharon, viven e ainda emigran nesa vaga de profesionais que continúa.

As pontes de conexión coa emigración exterior poden ser culturais, económicas, creativas, tecnolóxicas, de movimentos sociais ou loitas. Estámolo a ver coas reaccións que está vendo a respeito do proxecto de Altri, un exemplo é que recentemente no programa de radio «Galiza emigrante» da «Federación de Asociacións Galegas de Arxentina», foi tratado. A nosa xente son voceiros, son divulgadores. O mesmo coa língua, que orgullo da chegar a lugares onde hai cursos de galego (malia o esmorecemente que provocou o Goberno actual anulando moitas axudas e evitando promover o Celga con leitores e leitoras polo mundo), que orgullo que se fale de Galiza e que a través de moitas persoas no mundo, podan estreitarse lazos económicos, culturais, de investigación e de moitas áreas.

Cómpre revisar e adecuar esta oportunidade, preparando unha estratexia de País para a interacción entre a emigración e acción exterior, como fan outros Pobos, sen complexos e como xanela desta nosa Galiza Global. Por iso no BNG apostamos por esta relación e ponte de acción exterior. Dende Bruxelas a Bos Aires, dende Xenebra a Cuba, Nueva York, Montevideo ou Salvador, en todos os continentes. Para iso é necesario primeiro modificar os sistemas de participación reformando a Lei de Galeguidade, actualizándoa ás novas realidades que van alén dos Centros (que por suposto xogan o seu papel con gran esforzo), máis a realidade mudou moito. Xa hai terceiras e cuartas xeracións, que non os visitan nin participan, e logo, hai lugares que non contan con centros.. Por esa razón, hai que contar con novas formas desa participacion tan necesaria para a interacción exterior.. Realizar un censo actualizado, programas de divulgación da lingua e cultura galega, creacion do Instituto Rosalía de Castro no exterior como centro de acción exterior en todos os eidos. Só cun cambio político en Galiza poderemos acadalo… Pois como comentaba ao principio, hai moitos anos perdidos do Goberno do PP cara a consolidación desta ponte entre emigración e acción exterior. Restaurar o Consello de Acción Exterior e realizar unha modificacion no organigrama da Xunta unindo relacións coa diáspora galege con acción exterior.

A Galiza Global de todas e todos os galegos no Mundo.

O artigo fai parte do Informe Nós No Mundo 2023-2024 “Conectar a Diáspora á Acción Exterior de Galicia”