A gravitación rusa de Alemaña

Apartados xeográficos Europa ARCHIVO
Idiomas Galego

Camiña moi de vagar a recuperación de Alemaña.  Os estragos do réxime totalitario, que despois de todo non durou máis que doce anos, de 1933 a 1945, metade deles na guerra que lle puxo remate, foron moitos e moi fondos. Nos anos inmediatamente seguintes á desfeita de 1945 foise impondo unha solución que ía forzosamente cara ao federalismo europeo, un proxecto que entón era tamén o do grande vencedor occidental da guerra, Estados Unidos de América.  Unha parte da Alemaña de antes da guerra quedou na esfera da Unión Soviética.  Esa situación durou tanto como a guerra fría.  No terreo do pensamento e a creatividade, a Alemaña occidental, fruto da conxunción dos intereses trasatlánticos e a ideoloxía católico-renana de Adenauer e os seus demócratacristiáns, sofreu unha triste seca.  A consolidación do proxecto federalista europeo levóu a un achairamento lamentabel das culturas dos países desa Europa.  No caso alemán a conciencia de culpabilidade contribuiu a esa esterilidade, abultada polo contraste coa espléndida presencia xermana no pensamento e as artes antes da traxedia hitleriana.  Por motivos dunha dinámica política diferente, non foi moi ricaz a creatividade na Alemaña do Leste, pero ese achairamento europeísta non a afectou.

Coa unificación alemana perdeu forza o tabú ruso nas relacións diplomáticas da Alemaña unida. Alemaña, hoxe un xigante anémico, vai comezando a sentirse incómoda na Unión Europea ampliada.  Non pode deixar que o ancoramento na Unión, da que se dí que é motor económico, peche outras posibilidades políticas de moita tradición e, seguramente, moito futuro.  Voltan a sentirse imperativos xeopolíticos que potencian a Mitteleuropa.  E á anemia espiritual poderían virlle ben inxeccións dun pensamento eslavo turbulento pero vital.

Falar de proxectos alemáns orientados cara o Leste arpa as sensibilidades dos alemáns demócratas con memorias da invasión de Polonia, o racismo antieslavo e os excesos das tropas rusas en Berlín ao final da guerra iniciada por aquela invasión.   Escomasí, vese nada menos que ao que foi chanceler alemán, Gerhard Schröder, presidindo desde 2005 o consorcio ruso-alemán de xigantes enerxéticos para construir o gasoduto baixo o Mar Báltico que levaría gas natural directamente a Europa central, marxinando a Ucrania e Polonia.

Seguramente o asunto económico ruso-alemán que máis vai a influir nas eleccións xerais alemanas de dentro de menos de un mes é a venda da gran manufactura de automoveis Opel.  Opel pertence a General Motors e a falencia dese xigante estadounidense, rescatado polo sector público, levou a que fose posta á venda.  O goberno de Merkel apoiou na puxa a un consorcio austro-canadiano, Magna, sustentado financeiramente polo Sberbank, banco estatal ruso. O goberno federal de Alemaña e os dos catro länder en que hai instalacións da Opel aportarían 4.500 millón de euros como garantía de préstamos.  As fábricas non pecharían, pero os despidos serían menores que en calquera das outras ofertas. Daí o interese electoral para Merkel.

A General Motors decidiu non aceptar polo de agora ese oferta. Unha certa recuperación financeira lle pemitiría talvez manter a propiedade de Opel e procurar financiamentos que esixirían peches e despidos moito maiores. O presidente Obama afirmou que non faría presión sobre GM, ainda que o goberno estadounidense ten a maioría das accións da empresa.
Un forte motivo do rexeitamento norteamericano é o temor a perder a planta de Rüsselsheim, avanzadísima en investigación e tecnoloxía de vehículos de propulsión eléctrica. E tamen o medo a que a Magna aumente a participación no mercado do Canadá, e que, por outra banda, OAO GAZ do oligarca Oleg Deripaska, e asociada con Sberbank, aproveite o contrato para modernizar a industria rusa do automóvil cós recursos tecnolóxicos da Opel.

En todas esas evolucións, vanse perfilando trazas do que podería significar a cooperación ruso-xermana.  E non sería descabido pensar que a anemia do xigante tal vez cure se actúa máis despegado de Bruxelas.