A hora dos relevos

Apartados xeográficos Oriente Medio ARCHIVO
Idiomas Galego

A pesar da súa intensidade, os procesos de globalización en curso no mundo actual non son quen, aínda, de opacar as particularidades e problemas de comunidades, países ou zonas do planeta que, de vello, están no epicentro de conflictos que acaparan a atención da opinión pública internacional. Asi acontece no Oriente medio. A
inestabilidade permanente, alentada por un interminable pulso que debe dilucidar a hexemonía entre árabes e non árabes, é o seu sinal de identidade. Toda victoria pasa inexcusablemente por asentar un férreo liderato entre viciños e por situar baixo o seu control os principais recursos da zona (hídricos e petroleiros). Aquí, o control do territorio segue a ser unha cuestión vital, especialmente dalgunhas zonas consideradas clave dende o punto de vista xeoestratéxico.

O evoluír da rexión está condicionada por diversos factores. Un deles é o xogo diplomático no que participa Occidente de maneira destacada. No fundamental, a súa intervención mediatizase da man dos Estados Unidos e, en menor grado, da Unión Europea. Tamén Rusia pugna por recuperar parte da influencia perdida. O intento de influír dende o exterior provoca como reacción nacionalismos de diferente signo, moderados uns, radicais outros, que asentan nunha identidade cultural propia e ben diferenciada.

A relixión é outro factor a ter en conta. En Oriente Medio, contrariamente ó que á veces se imaxina en Occidente, a gran diversidade de cultos relixiosos é un dos problemas que dificultan a convivencia. O gran número de sectas e de etnias non facilita en absoluto a consistencia dos gobernos.

Pero a pesar destas e outras dificultades, a precaria estabilidade da zona vense mantendo dende hai unhas décadas froito dunhas complicadas alianzas persoais entre os gobernantes. Este proceso, vertebrado de forma lenta e minuciosa, pode estar a punto de derrubarse como un castelo de naipes se non se arbitran a tempo alternativas ós procesos sucesorios abertos.

Os dirixentes árabes caracterizanse por unha longa continuidade no poder. Polo xeral, as alternancias non se producen como resultado da observación dun proceso institucionalmente establecido. Unhas veces son consecuencia da intervención terrorista na vida política como aconteceu en Exipto e máis recentemente en Israel co asasinato de Rabin. Estes relevos repentinos implican un grave perigo cando non se garante a continuidade política que, ó estar tan personalizada, non sempre resulta doado. En Israel, por exemplo, a irrupción dun novo dirixente que non participou directamente no proceso iniciado en Oslo case transforma en fracaso un dos maiores éxitos diplomáticos das últimas décadas: sentar a negociar xuntos a palestinos e israelís.

Outras veces a sucesión é provocada por mortes naturais como a do Rei de Xordania ou a do Jalifa de Bahrayn. Este último tiña xa un herdeiro designado, o seu fillo primoxénito, para garantir tanto a continuidade da súa política como as alianzas cos seus viciños árabes. Esa mesma continuidade é a clave perseguida por Hussein de Xordania ó establecer como sucesor ó actual Rei Abdallah.

Pero os problemas sucesorios non fixeron máis que comezar. A grave enfermidade do Rei Fahd de Arabia Saudí, e a identidade do seu sucesor, son parte deste enigma. Igualmente a dúbida afecta a Kuwait. A ANP (Autoridade Nacional Palestina) anuncia a proclamación dun Estado propio para este mesmo ano pero resulta difícil aventurar quen será o seu Presidente dada a precaria saúde de Arafat. En Siria, as recentes eleccións confirmaron a continuidade do presidente Al-Asad, pero a súa idade tamén é moi avanzada. En Irán, por razóns diferentes, vivense situacións de conflicto entre os partidarios de certa apertura do réxime e os defensores do fundamentalismo relixioso. Iraq tamén abanea.

En suma, ás portas do novo milenio, os dirixentes da zona deben asumir a hora dun relevo que debería producirse non como consecuencia de procesos oscuros pilotados total ou parcialmente desde o exterior, senón posibilitando un maior protagonismo das respectivas sociedades. Tamén aquí O alargamento da democracia é a maior garantía para a estabilidade e a paz en toda a zona.