Este artigo fai parte do IGADI Annual Report 2025-2026
O novo mundo: Multipolaridade inestable nun sistema internacional en conflito — IGADI Annual Report 2025-2026

A iniciativa Cities4Cities: mobilización de instrumentos internacionais para a resiliencia urbana durante o conflito

Aínda que a literatura sobre diplomacia de cidades tende a representar as autoridades locais como mediadoras pasivas do diálogo transnacional en contexto bélico, a práctica revela unha dinámica ben distinta: as urbes constrúen nós activos de resiliencia, activando redes e oportunidades transnacionais que sosteñen o desenvolvemento local no día a día á vez que proxectan horizontes de futuro.

Ese é o papel desenvolvido pola iniciativa Cities4Cities – United 4 Ukraine, unha organización paraugas que favorece os proxectos locais en Ucraína na perspectiva da cooperación internacional e da entrada deste país na Unión Europea.

Esta plataforma componse de dúas estruturas que traballan en sincronía: Cities4Cities, baseada en Sindelfingen (Alemaña) e United4Ukraine, baseada en Lviv (Ucraína). Mentres que a primeira se especializa nos asuntos do eido loxístico, como os envíos de axuda humanitaria a segunda favorece e promociona os partenariados entre cidades de Ucraína e cidades europeas, ademais de servir de vector de preparación para a integración na UE.

A través deste dispositivo, as cidades ucraínas teñen acceso a instrumentos de desenvolvemento local de dimensión transnacional como os irmandamentos de terceira xeración, os programas de axuda internacional ou o lobby ante as institucións comunitarias.

Un irmandamento intelixente

Ademais dunha rede composta por mais de 600 socios potenciais, o sitio web de Cities4Cities conta cunha base de datos de tipo SIG onde mais de 100 autoridades locais ucraínas presentan as súas proposicións e demandas de cooperación. A partir desta base de datos e dunha profunda mobilización en rede, Cities4Cities acadou, nestes últimos catro anos, a sinatura de mais de 80 acordos de partenariado.

Estas iniciativas non se limitan aos discursos simbólicos arredor de valores comúns, senón que se trata de accións conxuntas en temas especializados de defensa a nivel urbano. Por exemplo, como di a coordinadora da iniciativa, Svitlana Blinova “as localidades da nosa rede xa están a ensinar aos europeos como prepararse para apagóns, a xestión de crises e a seguridade infantil nas escolas” ; temas que resultan innovadores para as cidades contraparte e favorecen situacións de enriquecemento mutuo.

Do mesmo modo, estes irmandamentos percuran resultados concretos no terreo. Como afirma Aliona Shkrum, primeira viceministra para o Desenvolvemento das comunidades e dos territorios de Ucraína, “estamos a lanzar a seguinte fase: implicar ás empresas na cooperación intermunicipal. Porque a recuperación non consiste só en escolas, estradas e refuxios, senón tamén en investimento, novas oportunidades e responsabilidade compartida.”

Cómpre salientar tamén que esta estratexia de irmandamento intelixente se basea nun mecanismo de efecto multiplicador. No canto de animar a cooperación entre cidades parella por parella, Cities4Cities traballa con organizacións homologas noutros países en Europa, como a Asociación romanesa de xerentes municipais ou a sección internacional da Asociación de autoridades locais de Suecia. Neste senso, o papel dos alcaldes como embaixadores é fundamental. Martin Aßmuth, o líder de Hofstetten en Alemaña apoiou dez partenariados xermano-ucraínos.

Axuda internacional especializada

Dende a súa fundación, Cities4Cities traballa co programa alemán SKEW. Esta Axencia é o principal punto de referencia institucional para a cooperación municipal ao desenvolvemento en Alemaña. Financiada polo Ministerio Federal de Cooperación Económica e Desenvolvemento (BMZ) e por varios estados federados, apoia ás entidades locais que participan en iniciativas de cooperación internacional. A través de recursos técnicos e financeiros e de plataformas de intercambio, acompaña a municipios e actores da sociedade civil no deseño e implementación de proxectos vinculados a retos globais como a sustentabilidade, as migracións ou o cambio climático.

Igualmente, esta plataforma colabora estreitamente coa Axencia sueca de cooperación internacional, xa que esta incluída no programa Polaris (Apoio a gobernanza multinivel en Ucraína.) O Programa Polaris apoia o establecemento de partenariados entre municipios ucraínos e europeos e promove un apoio sostido das entidades locais da UE ás comunidades ucraínas. O programa ofrece apoio a curto e longo prazo para reforzar a capacidade do sistema de gobernanza multinivel, mellorar a prestación de servizos públicos e facilitar a participación directa das comunidades nos procesos de recuperación e reconstrución, en consonancia co proceso de adhesión á Unión Europea. Ademais, combina o traballo con actores e políticas de ámbito nacional co apoio directo ás administracións locais e desenvolve iniciativas formativas en cooperación internacional —como Cities4Cities Academy e Residence of Ideas— nas que xa participaron máis de 4.000 persoas.

Incidencia política multinivel

Cities4Cities tamén fai labores de representación perante os diversos organismos e iniciativas europeas que traballan na cuestión ucraína. Neste contexto, resulta interesante observar a presenza local ucraína no Comité Europeo das Rexións, órgano comunitario que serve de caixa de resonancia das autoridades locais e, como se ve neste caso preciso, de sala de benvida subnacional durante os procesos de ampliación da UE.

Así, podemos atopar o Grupo de traballo sobre Ucraína do Comité Europeo das Rexións foi creado para coordinar o apoio da institución ao autogoberno local ucraíno durante a guerra. Aínda que está integrado por membros do propio Comité, funciona tamén como plataforma de intercambio con alcaldes ucraínos, asociacións de autoridades locais, representantes da Comisión Europea e expertos en gobernanza territorial. Este espazo permitiu trasladar ás institucións europeas as necesidades concretas das comunidades ucraínas e contribuíu a situar na axenda europea cuestións clave para o nivel local, como o acceso das municipalidades aos fondos do Ukraine Facility e a necesidade de que os recursos destinados á reconstrución cheguen tamén directamente ás comunidades e territorios.

Ademais dunha presenza significativa na Semana europea das Rexións e das Cidades, esta ambición de incidencia política reflíctese tamén noutras iniciativas do Comité Europeo das Rexións, como a Alianza Europea de Cidades e Rexións para a Reconstrución de Ucraína, unha rede aberta que reúne a 85 membros, ou o programa TIPS4UA, que promove estadías de prácticas para persoal das administracións locais ucraínas en municipios da Unión Europea.

O caso de Cities4Cities evidencia os límites da noción de diplomacia de cidades para explicar a acción municipal en contextos de guerra. Máis que exercicios simbólicos de representación internacional, a resiliencia urbana constrúese a través de instrumentos e redes transnacionais que permiten ás cidades actuar directamente e de maneira autónoma para mobilizar recursos, compartir capacidades e preparar a reconstrución.

Coñece o IGADI Anual Report 25-26 “O novo mundo: Multipolaridade inestable nun sistema internacional en conflito