LIÑA DE INVESTIGACIÓN EN ECONOMÍA: COORDINA DIEGO SANDE VEIGA
Artigo publicado orixinalmente en Nós Diario, o 30 de setembro do 2024
descarga

A innovación medioambiental nas empresas e o sector público

O crecente interese social e empresarial pola sustentabilidade é o punto de partida para o desenvolvemento das teorías de innovación ambiental. A evolución do corpus teórico ao longo do tempo deu lugar á existencia de diferentes definicións de innovación ambiental. A maioría delas refírense ao uso de procesos, produtos e formas administrativas ou de xestión para reducir o impacto ambiental. Pero a día de hoxe aínda non existe un consenso total sobre o  concepto, aceptándose xeralmente que as innovacións ambientais diferéncianse do resto en, como mínimo, dous aspectos: 1) Resultan en reducións do impacto ambiental, 2) O seu alcance vai máis aló dos límites da organización innovadora, incluíndo fenómenos sociais que posibilitan cambios nas estruturas institucionais e regulacións existentes.

Cando falamos de melloras, estas poden ser meramente incrementais -intensifican o desempeño de algo que xa existe- ou radicais –promoven algo totalmente novo-, pero o seu obxectivo principal é reducir os impactos ambientais da empresa. Más controvertido é o caso do impacto sobre o emprego. Mentres que algúns estudos non detectan resultados positivos da innovación ambiental neste indicador, outros atopan resultados moderadamente positivos cando se trata de innovacións de produto e de proceso, neste último caso grazas a melloras de competitividade. Para algúns autores, as diferenzas en canto aos resultados da innovación medioambiental en materia de emprego podería explicarse porque o tamaño das empresas modera o papel positivo da ecoinnovación no crecemento do emprego. Ademais, as empresas novas non pertencentes ao grupo de ecoemprendedores contribuirían máis ao crecemento do emprego que as empresas antigas pertencentes a unha empresa matriz.

descarga 2 1

Desde o punto de vista da innovación tecnolóxica e das estratexias de comercialización, os resultados das innovacións medioambientais das empresas poden verse influídos por, cando menos, dous factores: o tipo de innovación que se introduza no mercado e o nivel de risco comercial. En canto ó primeiro, cómpre diferenciar entre innovación disruptiva, descontinua e secuencial. A innovación disruptiva é a aquela que afecta a unha industria específica provocando cambios drásticos e radicais; por innovación descontinua enténdese aquela que engade algo ou unha nova función a un concepto existente; a secuencial refírese a innovacións que requiren desenvolver varias invencións previas. No que respecta ao risco comercial, cabe diferenciar entre riscos de custo (incertezas que poden afectar aos custos), riscos de produto (relacionado con aspectos como a calidade, idoneidade, etc.) e riscos de mercado (variacións que se produzan no mercado).

Pero a consecución das innovacións ambientais está condicionada non só polas posibilidades tecnolóxicas das empresas e pola súa capacidade para apropiarse dos beneficios da actividade innovadora, senón tamén por outros factores como a demanda dos clientes e a demanda social. Non é de estrañar, por tanto, que os enfoques evolucionistas defendan a importancia de coordinar aos axentes innovadores e de desenvolver condicións sistémicas que favorezan o intercambio de coñecemento para promover as innovacións. Así, para este último enfoque, a xeración de innovacións ambientais requirirá cambios nos patróns de produción e consumo apoiados nunha contorna social e tecnicamente favorable. Unha tarefa esta que corresponde a todos os axentes que conforman o ecosistema innovador, mais cuxa coordinación e competencias corresponden -sen eximir de responsabilidade ao resto de axentes- ás administracións: á autonómica no caso do sistema galego de innovación, e á estatal cando falamos do sistema español de innovación. Iso confire a estas administracións a posibilidade de influír non só nos resultados de innovación das empresas, senón tamén en aspectos como a sustentabilidade dos modelos produtivos, podendo reforzar necesidades territoriais como a limpeza das rías, a recuperación de especies autóctonas, ou influír incluso en negativo, como na eucaliptización do país.