A intervención en Kosovo, campo de probas da nova orde internacional

Apartados xeográficos ARCHIVO Balcáns
Idiomas Galego

O estudo e a análise dos conflictos bélicos levan-nos a afondar, aínda máis, no noso convencementeo antimilitarista e solidário. Quero adicar este artigo á bravura dos insubmisos e, neste momento, todo o meu apoio para Emilio Romero.

O 3 de xuño de 1999, o Parlamento Serbio ratificaba a Acta de Capitulación pola que se poñía fin á intervención armadada OTAN contra a República Iugoslava. Dende un punto de vista pacifista a visión do panorama desolador no que se atopa Kosovo, a catástrofe humana que significan as mortes, as povoacións enteiras derruidas e a situación dos milleiros de refuxiados, abrigan-nos a afirmar que o cese dos disparos non significa o fin da guerra. Este non chegará ata que se perda a memoria do horror.

A superación do conflicto armado na República Iugoslava, permite-nos analisar con certa distáncia cal foi a utilidade desta paisaxe que antes describiamos. Dividirei en dous grandes apartados as dimensións de análise do conflicto: internacional e local-rexional. Ao tempo farei omisión dunha explicación completa ao respecto das causas do conflicto. As motivacións oficiais da intervención xa están suficientemente manidas e non é propósito deste artigo facer relato dunha visión crítica das mesmas.

Dende o momento no que o dirixente da OTAN, J. Solana, declaraba a condición da súa organización como “suprema representante dos intereses da Comunidade Internacional en Kosovo”, facia-se oficial o novo status que a organización militar pretendía desempeñar no contexto das relacións internacionais e o certificado de morte do sistema de Nacións Unidas para o Mantemento da Paz e a Seguridade Internacional coma orde lexitimada de carácter universal. Morría de ineficacia pola subversión dos principios fundamentais que a sustentaban e que tiñan que ver co común anceio de acadar un mecanismo estable de resolución pacífica dos conflictos internacionais.

As poténcias mundiais renunciaban ao xa vello anceio de creación dunha Orde Internacional que garantira a Seguridade Colectiva. No novo proxecto estratéxico mundial a vontade da Alianza vai confundir-se coa vontade Universal, o principio da soberanía dos pobos e dos Estados perde vixéncia en beneficio dunha vontade impune a toda legalidade e, por tanto, susceptible de estar suxeita á arbitrariedade dos desexos da poténcia hexemónica.

A esta conclusión chegase, de xeito oficial, na Conferéncia de Washington celebrada no mes de Abril de 1999. Neste encontro dos magnates mundiais dabase un formato específico ao requerimento de reformas que se viña manifestando dende a superación da Guerra Fria e que consistia no paso dunha natureza militarista e defensiva a unha nova formulación na que se insistía na ampliación cara outros aspectos políticos e de carácter ofensivo. O novo obxectivo é o de garantir un entorno de Seguridade estable para as potencias Occidentais e, para este fin, faise necesaria a ampliación da área de interese xeopolítica, a que se daría en chamar Zona Euroatlántica, que inclue sen dúbida a Europa Central e Oriental.

No aspecto funcional, a organización militar quere dar unha dimensión máis global ao seu traballo de xeito que cuestións políticas e económicas que atinxan aos Estados Membros e ás súas áreas de influencia, pasan a formar parte dos obxectivos prioritários da Organización. Entre estas novas actividades estarían o control da distribución dos recursos e as cuestións xurídicas referidas á seguridade dos Estados. Ao tempo vaise levar adiante un redeseño do aparello militar, segundo o cal mudará a participación dos continxentes militares dos países membros, así como o seu grado de compromiso. Se ben, por unha banda, os aspectos civís cobran maior relevancia esto non se traduce nunha reestructuración organizativa, as próprias decisións tomadas na Conferéncia, que afectaban directamente ao ámbito da soberanía dos Estados, tomabanse por unanimidade carecendo de calquer tipo de lexitimidade democrática. Ao mesmo tempo, a vontade de decisión segue a repousar no corpo militar e nos dictados da potencia hexemónica.

Outro aspecto preocupante das reformas é o compromiso tácito que se establece entre a OTAN e a UE e polo que, a PESC, sitúase ó servicio dos intereses da Organización Militar. Este é un xeito de extender indirectamente o seu intervencionismo cara a áreas tan importantes como o control das relacións con Rusia, a acción no Mediterráneo ou os posicionamentos no proceso de paz en Oriente Próximo. Esta estratexia permite aos USA consolidar a sua influéncia e control a nível planetário. A sutileza de non facer declaracións formais a este respecto permitelles non provocar o recelo doutras poténcias mundiais, especialmente Alemania e Francia, a non ver desposuida á UE do seu instrumento de defensa colectiva, e as outras potencias, polo feito de que formalmente a OTAN non ve ampliado o seu ámbito de poder.

Ese compromiso constata-se na articulación das Forzas Operativas Coordinadas Conxuntas; este é un novo mecanismo de colaboración que permite á UE superar a asignatura pendiente que significaba carecer dun Exército común próprio e participar en accións ofensivas. A elección de Solana como representante da PESC no Consello Europeo de Colonia non fai máis que confirmar a estreita colaboracion entre as duas organizacións.

Seria dificil entender o cambio no concepto estratéxico unicamente en base á búsqueda dunha estabilidade internacional; por suposto en Kosovo dabanse circunstáncias polas que se facia necesária esa intervención e que responde aos intereses de tipo xeopolítico na zona dos Balcáns. É necesário ter en conta a importáncia que ten a área como cruce de camiños das rutas do petróleo que subministran a Europa e que permiten o acceso ás reservas da CEI e de Oriente Meio. Ademáis este é un lugar estratéxico para o dominio e control da Europa do Este e, por tanto, dos futuros mercados e das reservas de matérias primas e de man de obra cualificada e barata.

A intervención tamén permite consolidar un muro de contención para os posibles anceios expansionistas de Rusia, deixando claros os límites xeográficos e políticos das áreas de influéncia. A OTAN reforzará a súa presencia na zona mediante un sistema de bases militares que se establecen todo ao sur de Europa no que xa están incluídos a práctica totalidade dos países (falta a República Serbia). O proxecto pretende incluir tamén a participación dos países da Europa Central e Oriental, así como o entorno Mediterráneo non europeo, Síria, Irán e Irak, de xeito que se complete o cerco que garanta as comunicacións de Occidente con Oriente Medio.

En un última orde de cousas debemos destacar o impulso que esta intervención tivo para a industria armamentística, “a guerra como medio de dominio pero, tamén, como fonte de beneficios”. A utilización no conflicto de parte do armamento con tecnoloxía máis avanzada, serviu como campo de probas do perfeccionamento da arte da guerra ao tempo que daba saída aos stocks de armamento e reactivaba o sector armamentístico. Outra fonte de beneficios económicos serán os investimentos que dende os países ricos, se efectuarán para a reconstrucción da Iugoslavia que permitirán o dominio dunha zona rica en recursos e materias primas, así como unha nova fonte ingresos polo cobro da débeda externa.

Segundo estas obsevacións, a intervención en Kosovo é a demostración da necesidade de interpoñer garantías á estabilidade no entorno das potencias occidentais. Unha saida negociada ao conflicto tería que pasar por artellar mecanismos orientados ao recoñecemento do dereito de autodeterminación, nun momento no que a UE atópase inmersa nun ambicioso proceso de integración supranacional. Non é admisible, por tanto, o desenvolvemento de movementos secesionistas que ben poderian ser extensibles a outros territorios fronteirizos coa zona. O resultado, como xa sabemos, foi o de optar pola liña ofensiva con consecuéncias a nível local-rexional que foron xustificadas coa demonización dos conflictos interétnicos, á que tanto contribuiron os meios de comunicación que informaban sobre a guerra.

No tocante ao contexto internacional, a intervención serve para reforzar ese novo papel da OTAN como garante da orde mundial mediante a delegación, por parte da ONU e da UE, da capacidade de recurso á forza na resolución dos conflictos aínda que estes sexan de carácter interno.

Se a paz de Dayton apenas contribuiu á estabilidade nos Balcáns, hoxe podemos afirmar igualmente que o conflicto segue sen se resolver. A capitulación do goberno serbio fixose de xeito tal que nen sequera se acadaban as condicións que as poténcias occidentais impuñan meses antes en Rambouillet. As forzas da KFOR non consiguen manter o control da represión que agora os grupos paramilitares da UCK exercen contra a poboación serbia e outras minorías. A resolución do conflicto, lonxe de acadar o horizonte dunha nova fórmula política para a convivencia interétnica na zona, amosa un proceso de ósmose que fai perigar a estabilidade das fronteiras: Albania, Grécia, Bulgaria, Bosnia-Herzegovina e Macedónia están na lista de posibles víctimas de novas crises. A posibilidade de restaurar a orde democrática na República Iugoslava frustrouse dende o momento no que o bombardeo agravou a represión contra intelectuais, políticos e sindicalistas do movemento de oposición acusados de falta de lealdade á República.

Algúns analistas falan dunha reconversión da aínda nova democrácia liberal nun réxime de pluralismo totalitário, asentado na ideoloxía do populismo e o etno-nacionalismo sérbio, situación que dende logo esta lonxe de poder solventarse, a falta dun movemento crítico forte que reivindique a normalidade democrática.

Mentres, o protectorado constitúese nun instrumento de dominación que toma o xeito dunha nova forma de colonialismo. A evolución da situación na rexión probablemente acabará con moitas similitudes co acontecido na República de Bosnia-Herzegovina, é dicir, a depuración étnica co exilio e a represión nos territórios, para acadar unha construcción político-social artificial con fronteiras definidas dende o criterio occidental.

Aos problemas derivados das fórmulas políticas escollidas engadiremoslle os humanitarios, derivados da reinserción social das povoacións trasladadas, do sofremento causado pola penúria económica nunhas sociedades que xa antes non eran ricas, e que agora terán que facer fronte á reconstrucción do país, á inflación descontrolada e á condena que suporá a amortización da débeda co exterior.

En canto ás posibles solucións, a idea de levar adiante un proceso de autodeterminación que revertira na criación dun Estado-nación incidiría unha vez máis na búsqueda da pureza étnica reflictida a nível institucional. A estructura social de Kosovo está constituida pola preséncia de sete agrupacións étnicas, entre as que ademáis existe a pluralidade confesional. É por esto que á hora de definir a nova oganización territorial e administrativa habería que contemplar algún tipo de modelo alternativo superador, incluso, das propostas do modelo democrático baseado na vontade das maiorías, de xeito que os dereitos das minorías fiquen garantidos. En calquera caso, a superación dos problemas de convivéncia, agravados coa represión sérbia e coa intervención militar da OTAN, ten dificil solución neste novo contexto unha vez finalizado o bombardeo aéreo.