A maioría contra o estado de benestar

Apartados xeográficos Europa ARCHIVO
Idiomas Galego

E agora tamén Portugal. Tamén o futuro dos portugueses está nas mans dos acredores, das fracasadas políticas económicas do FMI e dos “mercados”. Seguindo o mesmo camiño –o da ruína- de Irlanda e Grecia, camiño ben coñecido en todo o mundo polos seus contundentes fracasos.

Seguindo aos economistas críticos, os problemas de Portugal, e os Grecia e Irlanda, lonxe de se resolveren, van agudizarse: son tan fortes as condicións impostas que non poderá pagar as responsabilidades que lle esixen os “rescatadores”, á par que non haberá posibilidades de crecemento da economía.

¿Que pasa para que a dereita, en Portugal e fóra de Portugal, se impoña con tanta claridade sendo unha opción que beneficia aos que máis teñen e prexudica aos máis desfavorecidos, aos que van pagar, en proporción, máis impostos, aos que máis van padecer as consecuencias dos “recortes” que os acredores impoñen?

¿Por que esta clara dereitización de Europa, unha dereita que defende que o capital se impoña á política, que santifica a acción das axencias de cualificación e dos “mercados”, que se obsesiona co déficit e non co paro e que refuga o que máis debe importar á sociedade (saúde, vivenda, educación, pensións…)?. ¿A onde nos está levando tanta cegueira?

Por suposto que nos leva, como é ben sabido, á liquidación do chamado Estado de benestar, que será substituído, como quere a dereita, pola beneficencia; pero –e isto é o que máis nos desconcerta- co apoio e co beneplácito dos beneficiarios daquel Estado de benestar. ¿Van ser –ou non están sendo xa?- as clases máis populares ou máis directamente afectadas as que, non só en Portugal, senón en toda Europa, se volvan contra os seus propios intereses e amparen, á par, os da dereita máis feroz?