Artigo publicado orixinalmente no Faro de Vigo, 29 de setembro do 2024
75 742546058 stock illustration set 75th anniversary national day

A Nova China fai historia

A China Popular está de aniversario: 75. Ainda así, esta segue a ser a Nova China, a diferenza daquela imperial que alongou o feudalismo ata o século XX cando a modernidade xa levaba dous séculos abrindose paso entre as principais potencias de Occidente.
Apartados xeográficos China y el mundo chino
Palabras chave China

Cando pensamos no transcurso histórico da China, son comúns os sentimentos encontrados. Na percepción dende fóra temos pasado da compaixón á admiración e agora, a certo abraio. Os máis comparten a súa sorpresa ante a vertixinosidade e profundidade da longa transformación experimentada por este país, inmenso en tantos aspectos, dende 1949 en diante. E hai temor polos impactos que isto pode ter. Se antes todos pensaban no seu mercado como paradigma da oportunidade empresarial, agora é o seu éxito o que fai tremer os nosos mercados. A mediados dos anos oitenta apenas producía algo máis de 5.000 autos, hoxe representa o 21 por cento da produción mundial que será o 30 por cento en 2030. Tomou a dianteira en moitos ámbitos e noutros, en dez anos, as empresas chinesas contan con superar ás súas rivais occidentais. O da copia sistemática das tecnoloxías occidentais é un mito que non se corresponde xa coa realidade. A idea de que os rigores do seu sistema político afogan a innovación tampouco se sustenta.

De China seguimos sabendo pouco e o que sabemos acostuma a ser moi superficial, xeneroso en tópicos e carente dos vimbios básicos. Nese contexto, é ben doado deixarse levar sen moito criterio, algo que acontece a dereita e esquerda do escenario político.

Nas dereitas, por exemplo, substituiuse a abominación ante o maoísmo polo aplauso ante o rumbo seguido trala morte de Mao porque daba a entender que se encamiñaban cara o capitalismo. Na China sempre se negou tal cousa pero pensaban que se trataba dunha máscara máis da súa famosa ópera de Pequín para que o Partido Comunista seguira usufrutuando o poder. Cando se decataron de que todo formaba parte dunha mera estrataxema e que non aceptaría someterse ás redes de dependencia de Occidente, as dereitas saíron en tromba contra o que antes era un mercado proveitoso e agora é unha ditadura terrible.

Nas esquerdas tamén hai moito prexuizo arredor de China. Antes era por arredarse da URSS e arrimarse aos EUA, mesmo cando un quedaba desconcertado polo “romanticismo” da revolución cultural; despois, por supostamente abrazar o capitalismo con Deng Xiaoping e, agora, por un modelo cualificado de ambigüo e pragado de contradicións que suscita reservas.

Como en case todo, é conveniente pisar terreo. E mesmo así, xa se sabe o que contan: cando un leva unha semana na China, quere escribir un libro; cando leva un mes, xa se conforma cun ensaio breve; e cando leva un ano, custa pasar da primeira liña. China é o imperio dos matices.

Comprender o significado e as intencións estratéxicas de China é cuestión principal. Non é o mesmo que un crea que existe ánimo de vinganza pola humillación histórica inflixida por Occidente no século XIX ou que ten propósito de expandir o seu modelo sistémico ca se interpretamos o seu proceso como unha expresión do dereito a perseguir o progreso e o desenvolvemento polo vieiro que libre e soberanamente decida e que dese novo estatus, coa incorporación dunha sociedade xigante á comunidade desenvolvida global, poden derivarse oportunidades para todos. Se nun caso optaremos, preferentemente, polos aranceis, a coerción tecnolóxica e industrial e as alianzas militares, noutro optaríamos por ir facéndolle un oco na gobernanza dos asuntos globais de forma progresiva e negociada. ¿Realistas fronte a inxenuos ou hexemonistas fronte a multipolaristas? Pensar que o mundo pode prescindir de China é tan absurdo como crer que China pode prescindir do mundo.

Que a China non é perfecta é cousa sabida. O políticamente correcto é que esa categoría só estea ao alcance das democracias liberais. Non obstante, ao celebrar os seus 75 anos, calquera pode concluir que o seu percorrido histórico recente non ten parangón. Baste un exemplo: a finais de 1949 só había 129 cidades en China, cunha poboación total de 39,49 millóns de habitantes. O número de cidades alcanzou 694 a finais de 2023, con cidades a nivel de prefectura ou superior que acollen 673,13 millóns de persoas. A taxa de urbanización aumentou en 55,52 puntos porcentuais desde finais de 1949 ata alcanzar o 66,16 por cento a finais de 2023.

E grazas ao acontecido nestes lustros, a pesar dos sensabores e traxedias e mesmo dos límites de todo tipo do seu presente, se os chineses están hoxe onde están é, moi especialmente, por teren recuperado a autoestima, un valor que os galegos temos pendente de sanar.