A negociación para a Declaración de Dublín iniciouse en xuño do 2021 concretándose o pasado mes de novembro

A nova Declaración de Dublín sobre Educación Global para 2050

A educación en Europa e no mundo está a vivir unha transformación sen precedentes acelerada polas complexidades e desafíos globais que afrontan a Humanidade e o Planeta. Uns retos, e mesmo ameazas, que demandan respostas en man común a nivel planetario onde a educación pode actuar como panca esencial para o cambio positivo, tal e como destaca a Axenda 2030 de Desenvolvemento Sustentable. 

Apartados xeográficos Cooperación al desarrollo
Idiomas Galego

Hai xa dúas décadas, a comunidade educativa europea consensuou un marco compartido que orientase as políticas públicas e as actuacións do conxunto de axentes públicos e privados comprometidos cunha educación global de calidade para todas as persoas. En novembro de 2002 aprobouse a Declaración de Maastrich sobre Educación Global no marco do Congreso Europeo sobre Educación Global. Aliñada cos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio das Nacións Unidas, o seu obxectivo era desenvolver unha estratexia común para mellorar e incrementar a educación global en Europa de cara ao 2015. 

Transcorridos vinte anos, os pasados 3 e 4 de novembro celebrouse en Dublín un novo Congreso Europeo sobre Educación Global organizado pola Rede Europea de Educación Global (GENE) coa encomenda de actualizar e renovar a Declaración de Maastrich. Despois dun amplo e inclusivo proceso de diálogo e participación, ministerios, axencias públicas, organizacións da sociedade civil, gobernos locais e rexionais e organizacións internacionais consensuaron aprobar a nova Declaración de Dublín sobre Educación Global para 2050.

Pero que se entende por Educación Global? A nova Declaración artellou unha renovada definición: “A Educación Global permite ás persoas reflexionar criticamente sobre o mundo e o seu lugar nel; abrir o seus ollos, corazóns e mentes á realidade do mundo a nivel local e global. Apodera ás persoas para comprender, imaxinar, ter esperanza e actuar co fin de construír un mundo con xustiza social e climática, paz, solidariedade, equidade e igualdade, sustentabilidade planetaria e cooperación internacional. Inclúe o respecto polos dereitos humanos, a diversidade, a inclusión e unha vida digna para toda persoa, agora e no futuro. A Educación Global abrangue un amplo conxunto de actuacións educativas: formais, non formais, ao longo de toda a vida e para toda a vida. E considerámola esencial para a transformación da educación e o desenvolvemento do seu poder transformador”.

Esta definición establece unha serie de elementos centrais. En primeiro lugar, os valores da xustiza social local e global, a paz, a solidariedade, a equidade e igualdade, a sustentabilidade do planeta, a inclusión, os dereitos humanos, a diversidade e a cooperación internacional. En segundo lugar, salienta a interconexión entre as dimensións locais e globais dos problemas que afectan ás persoas, outros seres vivos e o planeta, entre xeracións, entre culturas e entre o pasado, o presente e o futuro. En terceiro lugar, subliña o seu compromiso coas prácticas educativas inclusivas, participativas, inspiradoras e esperanzadoras, orientadas a facilitar o pensamento crítico, a dar protagonismo aos educandos e que desenvolven competencias e habilidades para unha acción individual e colectiva informada, reflexiva e significativa.

A Educación Global arela, logo, que as persoas desenvolvan criticamente as competencias necesarias para realizar as súas vidas nun contexto de crecentes complexidades, interdependencias e con desafiantes incertezas e ameazas. Ante esta realidade, a Educación Global aposta por prácticas educativas emancipadoras e liberadoras onde as persoas se apoderan e se comprometen activamente coa transformación social, económica e ecolóxica positiva, cos dereitos humanos e a democracia. E para conseguilo a Educación Global resulta necesaria, imprescindible e urxente.

Por este motivo, resulta preciso que o Goberno do Estado e a Xunta de Galicia amplíen o seu apoio á Educación Global nas súas políticas públicas, especialmente as educativas e de cooperación internacional. Mais deben facelo dun xeito integrado, coherente e ambicioso en diálogo co conxunto dos axentes educativos públicos e privados para que toda persoa goce do dereito a unha Educación Global de calidade para construír o soño dunha Humanidade emancipada nun Planeta xusto.