A nova proxección exterior de Cuba

O relevante papel de Cuba na escena internacional semella xa terse convertido nun dos sinais de identidade da illa caribeña. Dende finais do século XVI tiña adquirido un valor de primeira orde ao converterse en porto de acollida dos transportes españois e obxecto de desexo para toda caste de piratas subvencionados polas novas potencias emerxentes do norte de Europa; última xoia da coroa española degorada polo novo xigante mundial; causa de disputa entre as grandes potencias durante a guerra fría, etc. A proxección exterior de Cuba sempre foi moito máis importante do que o seu carácter insular, as súas escasas dimensións e poboación ñolladas dende a perspectiva mundial- podían facer pensar. A súa posición xeoestratéxica tena convertido nun punto constante de referencia, agrandado na segunda metade deste século.

O amplo respaldo internacional que a revolución tiña acadado na década dos sesenta e setenta, foise adormecendo nos oitenta e desapareceu nos noventa. Na última década Cuba tivo que refacer a suas relacións internacionais determinadas pola permanente ameaza e o bloqueo dos EE UU e a desaparición da protectora potencia soviética.

Os países europeos serviron de cativo amortecedor do illamento internacional sempre preocupados por non enfadar en exceso a Washington, máis difícil foi o achegamento a China coa que se mantiveran disputas ideolóxicas nas décadas anteriores. A visita papal converteuse nun alivio para as maltreitas relacións exteriores cubanas.

Nos últimos meses dous acontecementos teñen mudado o papel internacional do réxime castrista: a victoria electoral de Pastrana e a sua aposta a prol das negociacións de paz en Colombia e a triunfo nas presidenciais venezolanas de Chávez. Estas mutacións adquiren unha maior relevancia ao circunscribirse ao seu área natural, o Caribe.

Certo que nos dous casos son países sometidos a unha profunda crise económica e, sobre todo, política e moral que non permiten albiscar unha estabilidade nas relacións nin unha espectacular recuperación económica. Mais Colombia, Cuba e Venezuela necesítanse. Pastrana na sua decidida política de pacificación e negociación coa guerrilla necesita o papel de intermediario de La Habana para resolver un conflicto armado crónico e permanentemente agravado por desastres naturais, accións paramilitares e os cárteles da droga. Chávez pretende unha revolución bolivariana dende a presidencia gañada cos votos, pero a construcción da V República e a elaboración da nova constitución semella un camiño non exento de dificultades comezando polos receos que provoca o coronel sublevado fai sete anos que tentou disipar nas recentes visitas a diferentes países-, un sistema de partidos corrupto e unha sociedade sumida nun profunda crise económica. Castro recupera iniciativa internacional na área onde estivo sempre máis isolado, pode manter relacións de amizade cun liberal como Pastrana afastado ideoloxicamente que compensen as que mantén con Chávez máis próximo cando menos en terminoloxía, e sobre todo poder iniciar actividades económicas que permitan reducir a dependencia do turismo "fonte de profundos e preocupantes desaxustes sociais" e solucionar as graves carencias enerxéticas co atractivo petróleo venezolano.

O intenso tráfico diplomático que coñeceu nos últimos meses o aeroporto Martí de La Habana é a mostra máis palpable das mutuas necesidades. A enorme delegación cubana "loxicamente encabezada polo propio Castro" presente na toma de posesión de Chávez é algo máis que un exceso caribeño.