A OTAN e o imperio do mal

A OTAN cumpriu 70 anos e celebrou “felizmente” o aniversario cunha cerimonia en Washington. A OTAN nacera en 1949 para contrarrestar o expansionismo da URSS e os seus países satélites, o imperio do mal, converténdose nunha das alianzas militares mais lonxevas da historia moderna. Disolvida a Unión Soviética, resulta que o expansionismo da OTAN, agora reafirmada como un bloque de seguridade transatlántico, medrou sen que se albisquen con clareza os seus lindes. Macedonia do Norte pronto será o membro trixésimo, pero ata o Brasil de Bolsonaro podería tamén sumarse trala incorporación de Colombia en 2018 baixo a fórmula de “socio global”.

Liñas de investigación Relaciones Internacionales
Apartados xeográficos Estados Unidos
Idiomas Galego

A OTAN cumpriu 70 anos e celebrou “felizmente” o aniversario cunha cerimonia en Washington. A OTAN nacera en 1949 para contrarrestar o expansionismo da URSS e os seus países satélites, o imperio do mal, converténdose nunha das alianzas militares mais lonxevas da historia moderna. Disolvida a Unión Soviética, resulta que o expansionismo da OTAN, agora reafirmada como un bloque de seguridade transatlántico, medrou sen que se albisquen con clareza os seus lindes. Macedonia do Norte pronto será o membro trixésimo, pero ata o Brasil de Bolsonaro podería tamén sumarse trala incorporación de Colombia en 2018 baixo a fórmula de “socio global”.

Paradoxalmente, entre foguete e foguete, case tres décadas despois da caída do Muro de Berlín, o actual goberno estadounidense, cunha economía en declive pese aos alardes do contrario, asegura que está sendo obxecto de estafa polos seus aliados, premendo nos socios europeos para que incrementen o gasto en defensa para un mellor reparto das cargas. A chanceler alemá, Ánxela Merkel, chegou a dicir que “os tempos en que os europeos podían confiar completamente noutros están quedando atrás”...

O certo é que, ao igual que acontece na UE, canto máis se expande a alianza, dende os seus 12 socios orixinarios ata os 29 actuais, mais difícil pode resultar a conxugación dos distintos intereses en tempos en que os desafíos gañan en dispersión e complexidade. A paisaxe xeopolítica atópase en plena fase de mutación, con problemas internos de crecente calado para os que a OTAN carece de fundamentos e mecanismos que axuden nas solucións. Nun contexto de persistencia da crise, de esquilmado da clase media, de deterioro da convivencia e de cuestionamento dos modelos de estabilidade, os limitados recursos imporían outras prioridades.

Ese temor probablemente inflúa no feito de que a OTAN, 70 anos despois, semelle querer voltar ao seu enfoque orixinal de demonizar a Rusia. A súa orientación cara o Leste intensificouse dende a crise de Crimea en 2014 en medio dunha fartura retórica sobre o regreso das grandes potencias. O certo é que a presenza expansiva da OTAN no territorio dos veciños inmediatos de Moscova non deixa de ser unha provocación e un convite permanente a reaccións perigosas.

Un informe recente da Brookings Institution examina 63 das principais alianzas militares dos últimos 500 anos dando conta que 47 delas foron desintegradas. A esperanza dunha disolución da OTAN trala desfeita soviética foi rapidamente descartada. A crise iugoslava nos noventa serviu de coartada para o seu mantemento e reforzamento. Hoxe, sen embargo, lonxe de estar asegurada a supervivencia da OTAN, a súa achega á estabilidade en nome da salvagarda da seguridade non concita unanimidade. E o único que realmente tería verdadeiro sentido é a reconversión deste mastodóntico legado da guerra fría nun organismo multilateral comprometido co desenvolvemento, unha premisa quizais utópica quizais inxenua pero que a afastaría dese tan escuro e lucrativo complexo militar-industrial global que nutre o lado mais destrutivo da humanidade.