A patriótica desfeita de Milosevic

Apartados xeográficos ARCHIVO Balcáns
Idiomas Galego

Quizais fose a comezos de 1987 cando mudou o destino político dun gris burócrata apparátchik da confianza do Presidente da Liga dos Comunistas Serbios, Iván Stambolic. Ese día, en Kosovo Polje, lugar simbólico por excelencia para os serbios, Slobodan Milosevic colleitou os primeiros enfervorizados aplausos da minoría serbia que se sentía perseguida no Kosovo, cando lles dixo "…A este pobo ninguén ten dereito de golpealo…".

Pasarían só dous anos para que o emerxente líder se consagrase. Aconteceu nos arrabaldes da mesma localidade, xusto no lugar onde o príncipe Raska fora derrotado polos turcos 600 anos antes. Para conmemorar este feito histórico, organizou unha magna manifestación de exaltación patriótica na que reuniu a un millón de serbios chegados de todas partes da antiga Iugoslavia, aos que anunciou man dura para defender aos serbios.

O seu discurso estaba en perfecta sintonía co informe da Academia das Ciencias de Belgrado, recollido no seu Memorando de 1986 sobre a "Cuestión Serbia". Intelectuais de escaso espírito tolerante co feito nacional plural, chamaban a recuperar a importancia cultural e política que lle correspondía a Serbia e que, ao seu xuízo, estaba a diluirse dende os tempos da Iugoslavia federal de Tito.

Nunha incomprensible confusión terminolóxica na que tanto recibe a etiqueta de nacionalista un confeso centralista e unionista como Milosevic, un personaxe enclavado na extrema dereita do tipo de Vojislav Seselj, un demócrata da traxectoria pacifista do dirixente albano kosovar Ibragim Rugova ou, mesmo, Hashim Thaqui o líder do grupo armado da UÇK… Milosevic foi, ante todo, un permanente transgresor dos dereitos colectivos e individuais.

Dende calquera prisma democrático son pouco entendibles as simpatías e silencios que Milosevic obtivo de certos sectores da esquerda. Nin siquera como contrapunto ao funesto papel xogado por Occidente no conflicto dos Balcáns, fiel a súa constante histórica.

O esquerdismo de Slobodan foi fráxil e quebradizo. Cogobernou coa ultradereita. Foi o primeiro ladrillo do muro en caer, que premido polo FMI, puxo en práctica a teoría capitalista da "terapia de Choque", propugnada por Jeffrey Sachs, pola que se introducía aceleradamente o liberalismo na economía. A dureza da medicina agrandou os desiquilibrios territoriais e acelerou as tendencias centrífugas na Iugoslavia Federal.

Tampouco pode ser considerado como propio dun integro socialista, convidar para o posto de primeiro ministro ao multimillonario, Milan Panic, que fixo a súa inmensa fortuna bebendo das fontes teóricas do liberalismo e practicando o capitalismo máis duro.

Aínda menos comprensible dende o nacionalismo calquera afinidade con este personaxe. Milosevic fíxose líder exaltando a "pretendida Gran Serbia" e negando dereitos colectivos do resto dos pobos eslavos do sur. Dende 1991 intensifica a represión dos nacionalistas kosovares, suprime os estatudos de autonomía de Kosovo e a Voivodina, pecha escolas, suspende xornais, expulsións, detencións masivas … e blíndase cun pechado e privilexiado entorno de xente fiel..

Cando no referendo de 1990, o 88% da poboación eslovena se pronuncia a favor da independencia do seu país, cousa que tamén aconteceu en Croacía en semellantes termos, dende os círculos intelectuais de Belgrado se respostaba con frases cheas de prepotencia e escasas de tolerancia e respecto cara a vontade popular: " …Para saír de Iugoslavia compre pagar o prezo…e o prezo é a guerra".

No delirio patriótico, foi levando ao seu pobo de sufrimento en sufrimento, con repetidas "gloriosas" desfeitas semellantes á de 1389. Certo que gozou da efémera e elevada popularidade daqueles que irresponsablemente aglutinan á sociedade contra dun inimigo interior (Kosovo, Chechenia, Kurdos…), sen reparar na dramáticas secuelas para convivencia do futuro. A el a historia pasoulle factura adiantada, do mesmo xeito que, algún día, se lle cobrará a Putin pola presidencia acadaba en base á limpeza étnica practicada en Chechenia, sen que ningunha potencia clamase, daquela, pola intervención humanitaria.

Non obstabte sería unha tremenda inxustiza considerar a Milosevic como un elemento illado. Na súa travesía cara á Grande Serbia contou sempre con numerosos e significados compañeiros de viaxe: unha boa parte da intelligentsia serbia . A igrexa ortodoxa, abatida polas ultraxes aos templos e monumentos relixiosos situados no norte do Kosovo, e que non mudou de bando ata o final. E tamén, moitos dos políticos que, dende a coalición gañadora DOS, agora renegan de Solobodan, pero eran e son partidarios de deixar constancia da supremacía Serbia…, o presidente Vojislav Kostunica, un deles.

Por tanto, a política nos Balcáns seguirá centrada na "Cuestión Serbia". Agora ben, el tense definido como patriota, mais, en primeiro lugar, como demócrata. Se mantén este principio elemental, teremos, ¡por fin!, un motivo para o optimismo nos Balcáns. Mentres tanto ¡paciente prudencia!

Un cambio político sempre posibilita novas estratexias e os Balcáns precisan urxentemente delas.