Ata o 11 de setembro eran moitos os sectores políticos e sociais que demandaban unha maior profundidade na construcción da Europa unida. Reclamaban que a integración económica fose acompañada dunha maior integración política e social, mesmo propoñían modificacións substanciais no lexislativo e falaban dunha constitución europea. Eses sectores consideraban que dotar á UE dunha política exterior común sería un bo camiño para avanzar nesa dirección. Aos dous meses dos atentados contra os EE UU as cousas teñen mudado.
Blair convidou a cear a algúns lideres europeos para comunicarlle as informacións que recibira da outra banda do Atlántico. Nun primeiro momento ían acudir Francia, Alemaña, Italia e España. Os dous últimos seica estaban enfadados por que non se lles tiña en conta e desexan fervorosamente participar na campaña do Afganistán. Logo a cousa disimulouse e convidouse, poucas horas antes, a Bélxica (presidencia semestral da UE) e a Holanda; tamén ao "desaparecido" Míster PESC, Javier Solana. O presidente da Comisión Europea, Romano Prodi, non foi nin invitado.
¿Qué dirán os outro nove membros da UE? Polo de agora so Portugal ergueu a voz para dicir que este tipo de actitudes non favorecen a cohesión da coalición antiterrorista nin á unidade europea e que agarda que non senten ningún precedente.
O que quedou claro nestes dous meses é que Washington considera a Londres como o seu interlocutor, o único. Foi Blair quen se reuniu en Gante con Schröder, Chirac e Jospin. Aquela conversa acendeu os quentes ánimos de Berlusconi que se sentiu menosprezado e de paso largou unha descarga de calibre contra a Unión Europea. Blair convidou ao presidente do Milán e este esixiu a presencia do seu amigo español. O resto foi de recheo.
Foi Blair quen andou da Ceca para a Meca coas mensaxes de Bush. É Londres quen transmite á Unión Europea as decisións de Washington. O eixe París – Berlín, decisivo nas décadas de construcción da UE, está a ser substituído por Londres no seu afán de retardar o proceso europeo. A primeira guerra do século XXI ameaza con cobrarse non só víctimas reais senón tamén políticas.