A derrota do Partido Socialista nas eleccións municipais portuguesas do pasado domingo foi case tan espectacular como a inmensa e celebrada vitoria do pasado febreiro. Daquela, Sócrates obtivo a primeira maioría absoluta do PS na historia democrática portuguesa pero, en pouco tempo, todo ese capital de ilusión e de esperanza semellou quedar en entredito. O propio primeiro ministro recoñeceu os pésimos resultados.
¿Tendencia sólida ou ocasión illada? O PS enfrontaba estes comicios coa vista posta na necesidade de asegurar posicións e consolidar boa parte do terreo gañado ao PSD, especialmente forte no poder local, unha empresa accesible pero difícil e complicada nos últimos meses cunha xestión complexa á fronte do goberno, con escasa sensibilidade para acompañar os dramas sociais e ambientais e, pola contra, amosando un inflexible empeño para impor medidas de axuste duro que xeraron amplo repudio en numerosos colectivos que se mobilizaron activamente contra a política do executivo. A extraordinaria ocasión de que dispón o PS corre o risco de converterse nun simple episodio conxuntural que non bote raíces.
O goberno Sócrates foi castigado electoralmente, pero dispón de escasa marxe de manobra para mudar de política. Non obstante, cabería agardar unha moderación dos ritmos das reformas, cando menos ata a celebración dos comicios presidenciais, previstos para xaneiro de 2006. Unha segunda derrota, aínda sen afectar á estabilidade do goberno que semella garantida, situaría ao PS e ao seu líder nunha incómoda posición, condicionando as súas posibilidades de actuación. O PS deberá meditar a súa política e acertar no candidato a presentar, un punto moi controvertido.
O PSD, pola contra, resistiu xenerosamente e sae fortalecido do proceso electoral. Como sinalou o seu líder, Marques Mendes, produciuse o reencontro dos portugueses co seu partido, a penas sete meses despois de ser duramente derrotado. O trunfo do PSD pode animar a Cavaco Silva a candidatarse ás presidenciais de xaneiro, revalidando seriamente as posibilidades de triunfo.
Se ningún dos grandes obxectivos destas eleccións foi acadado polo PS, outra cousa cabe dicir da outra esquerda, a representada pola CDU e o Bloco, que conseguiron manter sólidas posicións, confirmando a existencia dunha base social que acompaña unha xestión difícil pero coherente co seu discurso programático e virada cara a cidadanía.
Aínda a sabendas de que os datos das municipais non son extrapolables, o PS deberá reflexionar sobre a estratexia a seguir nos próximos meses. A sociedade portuguesa demostrou unha vez mais que sabe castigar electoralmente a quen defrauda as expectativas. O PS non soamente debe elixir agora entre Mario Soares e Manuel Alegre, os dous principais candidatos por esta formación para as presidenciais, a sabendas de que sexa un ou outro, van precisar do apoio do Bloco e da CDU, senón que debe repensar a súa política. De non xirar á esquerda, a dereita seguirá recuperando terreo.