unocal corporation

A pugna por Unocal e o medo a China

 Unocal Corporation, clic para aumentar
Unocal, fundada en 1890 e coa súa sede corporativa en El Segundo (California) ten o 73% das súas reservas de gas natural en Asia e as de petróleo concéntranse no Golfo de México, este último constitúe o principal atractivo que lle da valor no mercado. Pero a produción de petróleo e gas de Unocal representa unha pequena fracción do consumo en EEUU (inferior ó 1%), por iso os analistas do sector réstanlle dramatismo a súa posta en mans de CNOOC.
 

Ata hai pouco tempo, a percepción da ameaza china en EEUU estaba prioritariamente relacionada co proceso de modernización militar e os seus efectos sobre a protexida illa de Taiwán ou sobre o cálculo estratéxico global. Non obstante, nos últimos tempos, a ambición china por facerse co control de grandes empresas multinacionais situou na axenda outra variable, polo que parece máis preocupante aínda: o crecemento económico de China está a nutrir un ambicioso programa de adquisicións empresariais que ameaza, din, piares estratéxicos da economía estadounidense.

A última polémica desatada xurdiu despois da proposta de Fu Chengyu (actual presidente da China National Offshore Oil Corporation, CNOOC) de comprar Unocal Corporation, a oitava petroleira de EEUU. Moitos analistas coinciden en sinalar que a Casa Branca non está cómoda coa idea de vender unha empresa dun sector clave a un país competidor como China, argumentando que a enerxía é un asunto de seguridade nacional. Máis de corenta congresistas estadounidenses xa lle pediron a Bush que vixíe de preto a operación. A oferta de CNOOC non é considerada unha sana incorporación de China ás regras da economía de mercado libre nin expresión do bo facer da industria norteamericana que esperta interese no exterior, senón unha simple ameaza.

Polo de agora, a Administración Bush, onde o peso dos sectores partidarios da política de contención con China é crecente, non se pronunciou. As implicacións políticas non axudan a que a compra de Unocal se materialice, xa que en Washington sospeitase que China poida aproveitar a operación para acceder a secretos tecnolóxicos cuxa exportación está expresamente prohibida.

Unocal, fundada en 1890 e coa súa sede corporativa en El Segundo (California) ten o 73% das súas reservas de gas natural en Asia e as de petróleo concéntranse no Golfo de México, este último constitúe o principal atractivo que lle da valor no mercado. Pero a produción de petróleo e gas de Unocal representa unha pequena fracción do consumo en EEUU (inferior ó 1%), por iso os analistas do sector réstanlle dramatismo a súa posta en mans de CNOOC.

CNOOC é un dos grupos petroleiros creados en China trala reestruturación da industria do sector en 1999. O interese da compañía CNOOC en Unocal é a distribución comercial, que non ten que ver coa seguridade enerxética de China e si coa dirección dos beneficios. O desenvolvemento económico bilateral e a cooperación comercial é un interese dos dous países.

Existe unha situación de competencia entre a estadounidense Chevron Corporation e a terceira compañía estatal china CNOOC, se ben a opción de compra desta última é máis beneficiosa cuantitativamente (18,500 millóns de dólares en efectivo) fronte os 16,500 millóns de dólares de Chevron, e sumando un maior número de garantías. CNOOC espera que a súa proposta en efectivo sexa máis atractiva que a mestura de accións e cartos que propón a compañía estadounidense. Os analistas de dous bancos de inversións diferentes coinciden en sinalar que CNOOC reducirá os riscos da operación mediante un crédito respaldado polo propio goberno chino, mentres que as regras do libre comercio da OMC restrinxen os subsidios gobernamentais e outros compromisos estatais nas actividades comerciais.

Por iso, ante a situación de desconfianza suscitada nos EEUU, CNOOC, dirixiu unha carta ó Congreso asegurando que nun momento posterior á fusión manterase practicamente todo o cadro de persoal de Unocal, e que toda a producción de cru e gas venderase en EEUU.

Nun esforzo adicional por deslindar campos, Fu Chengyu asegurou non ser “un líder gobernamental. Ninguén ten que dicirme como levar esta compañía. Nós estamos nos nosos negocios. Eu xa teño un traballo, unha responsabilidade, e consiste en asegurar o crecemento desta compañía”.

Pola súa banda, o goberno chino acusou ó Congreso de EEUU de inxerencia política por querer bloquear a compra da petroleira californiana por parte de CNOOC. ¿Cómo un país que propugna e difunde con tanto énfase o libre mercado impón obstáculos cando se sinte ameazado? Unha nota do Ministerio de Asuntos Exteriores chino sinalou: “Pedimos ó Congreso de EEUU que corrixa a súa forma errónea de politizar os asuntos económicos e comerciais e que deixe de interferir nos intercambios entre as empresas dos dous países”.

Pero ademais de razóns empresariais existe, obviamente, unha estratexia de país. O interese nesta inversión reflicte a crecente demanda de hidrocarburos do “xigante asiático” en plena expansión económica. O goberno de China insta ás compañías a buscar novas fontes de enerxía no globo para limitar a dependencia do volátil Oriente Medio.

A operación, de levarse a cabo, será a maior realizada ata hoxe por un grupo chino no estranxeiro.