A república “erdoĝiana”

A pesar do axustado do resultado electoral (51%), unha lectura preliminar do referendo constitucional en Turquía celebrado o 16 de abril evidencia unha nova vitoria política para o presidente Recep Tayyip Erdoĝan. Non obstante as denuncias de presuntas irregularidades no escrutinio, da brutal e intensa represión post-golpe e dos obstáculos gobernamentais para o acceso das organizacións internacionais (principalmente europeas) á hora de verificar a transparencia do proceso electoral, Erdoĝan avanza decidido a preservar a súa hexemonía a través dun proxecto absolutista laminado por unha enorme polarización social, que pode resultar contraproducente a mediano e longo prazo por mor da crise socioeconómica e da frustración das expectativas políticas. Así e todo, e tras este referendo, pódese falar da asunción dunha república “erdoĝiana” e do eventual final da república “atatürka” herdeira do seu fundador, Mustafá Kemal Atatürk?

Liñas de investigación Relacione Internacionales
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave Turquía Erdogan
Idiomas Galego

A pesar do axustado do resultado electoral (51%), unha lectura preliminar do referendo constitucional en Turquía celebrado o 16 de abril evidencia unha nova vitoria política para o presidente Recep Tayyip Erdoĝan. Non obstante as denuncias de presuntas irregularidades no escrutinio, da brutal e intensa represión post-golpe e dos obstáculos gobernamentais para o acceso das organizacións internacionais (principalmente europeas) á hora de verificar a transparencia do proceso electoral, Erdoĝan avanza decidido a preservar a súa hexemonía a través dun proxecto absolutista laminado por unha enorme polarización social, que pode resultar contraproducente a mediano e longo prazo por mor da crise socioeconómica e da frustración das expectativas políticas. Así e todo, e tras este referendo, pódese falar da asunción dunha república “erdoĝiana” e do eventual final da república “atatürka” herdeira do seu fundador, Mustafá Kemal Atatürk?

Formalizada a reforma constitucional tras un proceso de corte plebiscitario, o contexto luce proclive para que Erdoĝan afonde nas súas expectativas históricas de converterse no líder turco con maior permanencia no poder, superando así ao creador da República turca, Atatürk.

Non obstante, ese mesmo contexto afróntase complexo e incerto para Europa, tomando en conta os recentes roces, cada vez mais intensos, que comezan a separar a Ankara da UE. Neste apartado destacan a finalización de feito das negociacións de admisión turca (paralizadas durante unha década), a adopción vía referendo de instrumentos represivos (pena de morte) inaceptables para Bruxelas, e as inquietudes europeas sobre o futuro do acordo sobre os refuxiados (abril de 2016).

E aquí asúmese como variable estratéxica a aposta “erdoĝiana” de trazar unha reorientación xeopolítica de carácter euroasiático para Turquía, compatibilizándoa con novos aliados e socios (Rusia, China, Irán), alterando así a histórica orientación “atlantista” vía OTAN, herdanza de Atatürk e dos seus sucesores. Esta viraxe euroasiática gravitará igualmente en temas sensibles para a seguridade nacional turca, como a guerra en Siria, a cuestión kurda e o terrorismo xihadista, que albiscan unha maior radicalización no distanciamento turco co respecto aos intereses estratéxicos occidentais, ou ben un “aggiornamento” motivado polas circunstancias.

En quince anos de mandato, Erdoĝan e o seu gobernante partido islamita AKP lograron acicalar un novo establishment de poder obviamente instrumentalizado para alterar os cimentos da república “atatürka”. Penetrando en todos os estamentos do Estado e da sociedade, esta hexemonía de natureza cada vez mais autocrática aséntase nun sistema político “post-moderno” de carácter plebiscitario, onde a división de poderes da democracia liberal e representativa non tiña cabida.

Así e todo, este establishment “erdoĝiano” logrou igualmente sosterse grazas ás doses de calculado pragmatismo do propio Erdoĝan, principalmente visibles nos contextos de crise e turbulencia política. Para afianzar a lexitimidade do AKP e a consolidación deste establishment, Erdoĝan non dubidou en neutralizar e incluso cooptar apoios tácticos por parte dos seus mais encarnizados inimigos, en particular a casta militar, a extrema dereita nacionalista e o Partido Republicano do Pobo (CHP) creado por Atatürk. En certo sentido, este establishment “erdoĝiano” reproduciu cabalmente varios dos parámetros estruturais do sistema “atatürko”, un aspecto que igualmente provoca síntomas de animadversión entre unha mocidade cada vez mais contestataria.

Velaí que a viraxe autocrática de Erdoĝan reproduciu ó mesmo tempo o ascenso de novas manifestacións opositoras nunha sociedade civil turca notoriamente globalizada, pero polarizada nos seus canais da representatividade política. Paralelamente, a brutal represión post-golpe, con especial incidencia contra a rede islamita Gülen que Erdoĝan  observa como o seu rival mais perigoso, ameaza igualmente con provocar erosións políticas dentro do AKP.

Esas raíces contestatarias tamén estiveron presentes nos resultados do referendo constitucional turco:  un 49% de votos para o “non” definen unha multiforme oposición a Erdoĝan que pode subir en intensidade se a crise económica fragmenta as expectativas políticas. Unha cifra elevada de votantes en contra sumamente importante, que ilustra a polarización sociopolítica turca e que poden complicar as expectativas hexemónicas establecidas nesta república “erdoĝiana”.