Entrevista de Marcos Pérez Pena á colaboradora en Colombia do IGADI, Diana Andrea Gómez (Universidade Nacional de Colombia)
www.praza.gal

“A vitoria de Petro é o triunfo dos indíxenas, os afro e os campesiños, é o triunfo da periferia en Colombia”

"Ganó Colombia". Baixo esta mensaxe Gustavo Petro e Francia Márquez agradeceron na noite do pasado domingo os apoios recibidos na segunda volta das eleccións presidenciais colombianas, nas que a fórmula obtivo o 50,44% dos votos e derrotando ao candidato da dereita populista Rodolfo Hernández, que fora apoiado polas forzas conservadoras tradicionais do uribismo. Gustavo Petro, ex-alcalde de Bogotá, liderou baixo o nome de Pacto Histórico unha coalición de forzas da esquerda e do centroesquerda de Colombia, que por primeira vez acadan a Presidencia do país. Entrevista dispoñible en Praza.gal
Liñas de investigación Relacione Internacionales
Apartados xeográficos América Latina
Idiomas Galego

“Ganó Colombia”. Baixo esta mensaxe Gustavo Petro e Francia Márquez agradeceron na noite do pasado domingo os apoios recibidos na segunda volta das eleccións presidenciais colombianas, nas que a fórmula obtivo o 50,44% dos votos e derrotando ao candidato da dereita populista Rodolfo Hernández, que fora apoiado polas forzas conservadoras tradicionais do uribismo. Gustavo Petro, ex-alcalde de Bogotá, liderou baixo o nome de Pacto Histórico unha coalición de forzas da esquerda e do centroesquerda de Colombia, que por primeira vez acadan a Presidencia do país. Entrevista dispoñible en Praza.gal

Fíxoo da man de Francia Márquez, que se converte na primeira afrocolombiana que ocupa a Vicepresidencia do país, todo un símbolo do cambio social e político que significan estas eleccións e que tivo un papel fundamental na activación electoral de moitos sectores ata agora excluídos. O triunfo de Petro, que en 2018 caera derrotado fronte a Iván Duque na segunda volta dos comicios presidenciais, asentouse en boa medida na mobilización do voto das xeracións máis novas (moi numerosas neste pais de 50 millóns de habitantes en rápido crecemento), das mulleres, das persoas afro e indíxenas e dos habitantes de moitas rexións afastadas das grandes capitais, en especial dos departamentos do Caribe e do Pacífico. Tamén veu precedido dun estoupido social que nos anos 2019 e 2020 levou a grandes protestas e enfrontamentos nas rúas.

Gustavo Petro, que se presentou apostando por converter Colombia nunha “potencia mundial da vida” e propoñendo “un novo contrato social para o bo vivir e o vivir saboroso” pechou o discurso no que anunciou a súa vitoria facendo un chamamento a “berrar liberdade” para que “nunca máis o masacre alague o territorio” e para que “nunca máis un goberno asasine os seus mozos, para que nunca máis unha política económica lle quite a comida ás crianzas, liberdade para que os soños se poidan cumprir e unha democracia se poida construír”.

Falamos con Diana Andrea Gómez, profesora de Estudos Políticos e Relacións internacionais da Universidade Nacional de Colombia, e colaboradora do IGADI, sobre as razóns e o significado do triunfo electoral de Gustavo Petro e Francia Márquez e sobre os retos que deberán enfrontar no seu mandato.

Nos últimos días estase a repetir que a vitoria de Petro é un triunfo “histórico”, en boa medida por ser a primeira vez que a esquerda acada a Presidencia de Colombia. Pero que cambios implica? Por que estamos ante un momento “histórico”?

É unha vitoria histórica porque dende o inicio da República a tendencia en Colombia sempre foi valorar máis o foráneo que o local. Iso tivo sempre consecuencias negativas para moitos grupos que son considerados ‘minorías’ aínda que en realidade representan unha maioría social. A pesar do exterminio que houbo durante séculos, en Colombia subsiste moita poboación indíxena e a poboación afrocolombiana é moi numerosa e estes son os sectores máis marxinados. A vitoria de Petro representa o triunfo destas minorías: os indíxenas, os afros, os campesiños…, é o triunfo da periferia nun país que é moi tradicional dende o punto de vista político e no que respecta ás distancias enormes que existen entre clases sociais. Ademais, nunca antes unha persoa de orixe afro ocupara un cargo coa importancia do que vai ocupar Francia Márquez. No outro lado, os grandes derrotados son os sectores tradicionais, conservadores e os grandes medios de comunicación.

O triunfo de Petro significa o acceso ao poder de sectores que sempre ficaran excluídos?

A diferenza de países de América Latina como México ou Perú, un país como Colombia non se identificou nunca por ter unha grande identidade cultural, porque o seu pasado non foi o de grandes civilizacións coma os maias, os incas ou os aztecas, senón o de pequenas comunidades indíxenas, moitas en conflito entre si. Polo tanto o noso proceso de construción nacional estivo sempre pouco arraigado. Pero cando agora estes sectores negros, indíxenas, campesiños e periféricos comezan a ver que hai persoas como eles que lideran estas voces, estamos ante un proceso necesario dun autorrecoñecemento que nin sequera existía. Unha cousa é buscar o recoñecemento por parte destes sectores, pero que estes sectores se autorrecoñezan é un gran logro, que eles mesmos sexan os protagonistas deste cambio.

Que papel xogou Francia Márquez no triunfo da candidatura?

Tivo un papel central e protagónico. Había sectores que na primeira volta non estaban tan convencidos con Petro pero que votaron por Francia. Porque Francia Márquez encarna en primeiro lugar á muller, en segundo lugar á muller negra, en terceiro lugar á muller pobre e en cuarto lugar á muller das rexións, da periferia. Son factores cos que moita xente se identificou, xente que ata agora non tivera unha voz que os representase. A isto súmase tamén o liderado ambiental e tamén o apoio dos sectores da xente máis nova. Colombia está vivindo un cambio xeracional moi importante, é un país con moita poboación nova, que nestas eleccións votou por esta opción e non polas forzas tradicionais que ata agora gobernaran.

A dereita uribista nin sequera accedeu á segunda volta, aínda que apoiou nesta a Rodolfo Hernández, que se presentara como un candidato contra as elites e a corrupción. Significa isto que estes sectores tradicionais están derrotados ou manteñen un gran poder?

Eses sectores tradicionais perderon moitos votos, pero iso non quere dicir que estean mortos. Nestas eleccións Rodolfo Hernández encarnaba teoricamente a figura dun outsider, pero no fondo representaba a reafirmación dun pensamento conservador, tradicional e latifundista. O principal reto de Petro é como enfrontar esta oposición dos sectores tradicionais, que xa están iniciando unha campaña negra dende os medios de comunicación, acusando a Petro de ter un pasado “narcoterrorista e marxista” e anunciado consecuencias económicas negativas para o país. Utilizan un discurso efectista e simplista que non recoñece a transformación que se produciu no país.

Hai catro anos Petro caeu derrotado na segunda volta das eleccións presidenciais. Que cambiou para que agora obtivese a vitoria? Cambiou Petro ou cambiou o país?

Creo que ambos cambiaron. É a terceira vez que Petro se presentaba como candidato e no 2018 xa conseguira chegar á segunda volta. Pero neste último mandato o goberno de Duque exacerbou os ánimos e o estalido social que se viviu en 2019 e 2020 foi unha mostra diso. Había un gran malestar que foi encamiñado por un candidato como Petro, que era moi consciente desas realidades. Nestas eleccións Petro tivo tamén un discurso máis aberto que nas anteriores e con iso conseguiu atraer a amplos sectores do centro, que foi o gran perdedor da primeira volta.

Que implica o triunfo de Petro para o proceso de paz, que resultou danado nos últimos anos pola derrota do Plebiscito de 2016 e as políticas de Iván Duque?

O triunfo de Petro é finalmente o triunfo do ‘si’ do plebiscito de 2016. Iso implica volver poñer sobre a mesa de maneira protagónica os acordos de paz. É o primeiro gran reto que vai ter que enfrontar o novo goberno, un reto que está asociado con todo o tema da terra: quen son os donos da terra e quen exercen control sobre ela. O 1% da poboación de Colombia posúe o 40% das terras e hai 24 millóns de hectáreas de terras de cultivo que son improdutivas. Por iso o tema da terra é unha prioridade, fundamental para o desenvolvemento dos acordos de paz. O proceso de paz é criticado por moitos sectores conservadores, pero estes esquecen que estamos ante un proceso complexo que vai tardar anos e probablemente xeracións en completarse.

Un reto engadido do novo Goberno é como enfrontar os grupos que están á marxe da lei. É certo que hai voces na guerrilla que están a buscar o diálogo, coma o ELN, pero hai disidencias, hai grupos de delincuencia organizada, están os cárteles mexicanos, sobre todo nas rexións máis afastadas da capital. As políticas sociais que se poñan en marcha nestes lugares e que ata agora estiveran ausentes, van ser clave para reducir o impacto destes grupos.

Que outros grandes retos ten por diante o novo Goberno?

O segundo gran reto que debe enfrontar o novo Goberno é o económico. Colombia é unha sociedade con grandes desigualdades, altos niveis de desemprego e de subemprego. Por iso mellorar esta situación é unha prioridade, sobre todo para as rexións periféricas. A educación é outra das grandes eivas do país; unha parte importante das persoas que traballan neste sector apoiaron a Petro e esperan que haxa un recoñecemento do sector educativo, que sofre moitos problemas: apenas o 30% dos nenos de 0 a 5 anos poden acudir a unha gardaría e, por exemplo, só o 24% da poboación rural ten acceso a Internet.

E en política exterior, que cambios podemos esperar, sobre todo en relación con Venezuela e, en xeral, co resto da rexión?. Sobre todo tendo en conta o contexto de xiro á esquerda que semella estar vivindo América Latina, despois dos triunfos de Boric en Chile, de López-Obrador en México e da posibilidade dunha vitoria de Lula da Silva en Brasil…

Si, outro dos grandes cambios que vai ter que enfrontar Colombia refírese á súa política exterior. Colombia é un país moi pechado, moi endogámico. O Goberno de Duque marcou un retroceso nesta materia e espérase que o Goberno de Petro signifique grandes cambios, comezando pola apertura das relacións con Venezuela, o seu veciño e que tradicionalmente fora o seu gran socio comercial. E tamén co resto da rexión, tendo en conta a empatía que existe entre Petro e outros presidentes de esquerda en América Latina, coa posibilidade ademais dunha vitoria de Lula da Silva en Brasil. Así mesmo, hai que pensar no vínculo de Colombia con Europa, onde varios países que se implicaran moito no proceso de paz amosaran a súa preocupación ante as políticas aplicadas nos últimos anos. E, finalmente, Petro quere tamén ampliar as relacións con Asia e cos países do Pacífico, particularmente o sueste asiático.

Vai haber resistencias ou conflitos neste senso cos Estados Unidos?

Eu teño a esperanza de que a relación non vai ser tan tensa co goberno estadounidense; neste sentido xa houbo unha conversa telefónica de 20 minutos entre Petro e Antony Blinken e un recoñecemento da vitoria electoral. Penso que é máis o temor interno e as ameazas dos sectores tradicionais que a propia animadversión do Goberno dos Estados Unidos.