Este artigo fai parte do IGADI Annual Report 2025-2026
O novo mundo: Multipolaridade inestable nun sistema internacional en conflito — IGADI Annual Report 2025-2026

A xeopolítica do algoritmo

A xeopolítica xa non se analiza en mapas de papel nin se define exclusivamente a partir do control dos estreitos marítimos ou os xacementos de cru. Na segunda década do século XXI, a política global é dixital, polo cal é necesario examinar como esa dixitalización modifica o tempo e o espazo da política contemporánea.
Liñas de investigación Relaciones Internacionales
Apartados xeográficos Otros

Baixo esta mirada, a plataformización e o Big Data non se comprenden como ferramentas tecnolóxicas, senón que son novas infraestruturas de poder que definen quen inflúe, quen vixía e quen domina a gobernanza global. Neste texto interesa identificar os desafíos da xeopolítica que transita dunha mirada territorial a unha algorítmica.

A plataformatización e a emerxencia de comunidades políticas que se invisibilizan

No século XXI, a plataformatización xa non é unha tendencia tecnolóxica, senón que se converteu no modo que domina a organización política e social das sociedades contemporáneas.

Estas modificacións reformulan os cimentos fundamentais da gobernanza global e a vida social na súa cotiandade, que se organiza a partir de sistemas dixitais. Corporacións como Google, Amazon ou Meta están a evolucionar dende ser plataformas dirixidas ao comercio ata converterse en entidades que encadran e condicionan como as persoas cren, deciden e actúan. Esta transformación desafía a autoridade dos estados-nación e opera de maneira transnacional.

Desta maneira, as plataformas definen as regras a través dos algoritmos que, frecuentemente, evitan ou suplen as regulacións locais. Estas dinámicas producen un certo tipo de «gobernanza invisible» da vida dixital, que se expresa, polo menos, de dúas maneiras: a) as plataformas teñen unha capacidade non monitorizada que pode moderar, silenciar ou priorizar posicións ou actores políticos e sociais, o cal inflúe nas percepcións, decisións e accións de quen recibe esa información; b) ao seleccionar que voces se amplifican ou suprimen, as plataformas moldean a información publicada e inflúen na percepción sobre a política. Esta transferencia de poder a un mundo político invisible xera un sometemento infraestrutural que relega aos estados-nación tradicionais a un papel periférico e subordina tanto a gobernanza económica como a deliberación cidadá aos intereses e pautas das corporacións tecnolóxicas globais.

O algoritmo como instrumento

Hoxe en día, os algoritmos actúan como instrumentos de poder e non como ferramentas tecnolóxicas neutrais. Neste sentido, representan sentires codificados que establecen como se prioriza unha información. Na política global, o control dos algoritmos é similar á influencia histórica que tiveron as sinais de radio e televisión, pero o seu impacto e alcance debe ser comprendido a partir da súa especificidade e precisión. A influencia dos algoritmos na xeopolítica é particularmente evidente en contextos como a guerra híbrida e na polarización social, que se radicaliza. Os algoritmos deseñáronse para maximizar a implicación do usuario por medio do fomento de contidos emotivos que poden chegar a posicións extremas e xeradoras de división.

Ao difundir intencionalmente narrativas hostís, as plataformas poden debilitar a unidade doutros países ao transformar os problemas sociais en vulnerabilidades e desta maneira erosionar a cohesión social. Por outra banda, a xeración de burbullas de información que fragmenta a esfera pública obstaculiza e inhibe o diálogo racional e debilita os fundamentos que alimentan a deliberación cívica. En calquera caso, os algoritmos non se limitan á distribución de información, senón que teñen a capacidade de redefinir a soberanía cognitiva, polo cal se xera un campo de batalla invisible onde se cuestiona a gobernanza democrática.

A opacidade do algoritmo: o dilema da «caixa negra»

Un problema fundamental na era da plataformización é a súa natureza de «caixa negra». Os procesos mediante os cales as plataformas dixitais xestionan a información e os recursos están ocultos; iso afecta, incluso, a quen o regula. Se ben os datos e os resultados poden ser observados, os procesos de toma de decisións continúan a ser discrecionais con fins comerciais. Este nivel de opacidade xera implicacións significativas para administrar a xustiza e para xerar condicións de equidade social. Para ilustrar esta afirmación pénsase en, polo menos, dous temas:

a) A automatización dos nesgos sistémicos: Os algoritmos adéstranse con datos que teñen nesgos históricos relacionados coa raza, o xénero ou a clase. Cando hai toma de decisións críticas, como pode ser a aprobación de préstamos ou a elaboración de perfís criminais, as decisións deléganse a estes sistemas e poden producir unha discriminación xeneralizada, oculta pola percepción dunha suposta neutralidade algorítmica.

b) O dilema da responsabilidade legal: O avance da tecnoloxía supera continuamente os marcos regulamentarios da tecnoloxía. Cando os sistemas automatizados xeran danos sociais ou individuais, xérase un baleiro de responsabilidade debido á dificultade de identificar quen son os responsables dentro das estruturas de toma de decisións algorítmicas.

Big Data e o colonialismo dos datos: unha nova fronteira para as soberanías

Nas infraestruturas do poder global contemporáneo, os datos, en tanto recurso estratéxico fundamental, reconfiguraron a natureza do control e a riqueza. Os datos non son un recurso finito; a súa propia natureza é expansiva e estrutural, pois é o territorio dixital no cal se constrúe a realidade social.

Neste sentido, o dominio do Big Data permite que as entidades que controlan o seu procesamento non só rastrexen a localización física das persas, senón que poidan predicir o seus patróns cognitivos e comportamentos futuros cunha precisión algorítmica.

Esta asimetría no control da información dá lugar ao fenómeno que se chamou o «colonialismo de datos», o cal é un modelo extractivista aplicado ao entorno dixital. Desta maneira, as sociedades do Sur Global reposiciónanse como provedores de «materia prima» (datos brutos xerados pola actividade dos seus cidadáns), que se exportan aos centros de computación das corporacións tecnolóxicas. Estes procesos extractivistas levan a un certo tipo de subordinación tecnolóxica, a cal procesa a información obtida da vida cotiá das persoas e que lles regresa en forma de servizos de intelixencia artificial como información, incluso entendida como coñecemento, neutral e obxectivo.

Breve conclusión

A intersección entre algoritmos, Big Data e xeopolítica están a redefinir as divisións do poder global. Protexer as fronteiras territoriais e estado-céntricas é insuficiente; o poder opera baixo as regras do nomadismo e as novas fronteiras constrúense nos espazos cognitivos das persoas cidadás que transcenden as lecturas políticas nacionais e territoriais. Neste sentido, a plataformización xera vantaxes innegables para facilitar a vida cotiá, pero ante unha concentración de poder invisible e inaudito, o desafío da política contemporánea é ter a capacidade para decidir se permite que sexan os algoritmos os que xestionen as decisións das sociedades e aos individuos como se fora unha sofisticada base de datos sen ningunha deliberación, ou se se debe lograr unha maneira democrática dunha humanidade que se dixitaliza.

Coñece o IGADI Anual Report 25-26 “O novo mundo: Multipolaridade inestable nun sistema internacional en conflito