Estas declaracións foron realizadas o 13 de abril de 2026 pola maxistrada Isabelle Prevost-Desprez, presidenta do tribunal de París, quen declarou culpables a oito exempregados da cementeira Lafarge, entre eles o exdirector executivo Bruno Lafont, que foi condenado a seis anos de prisión. A corte considerou probado que a multinacional francesa pagou millóns de dólares en subornos a grupos yihadistas, incluído Daesh, o que facilitou o mantemento das súas operacións en Siria durante a guerra civil que asolou o país.
Esta historia comezaba noutro lugar. Noutro tempo.
O 22 de xullo de 2016, o rotativo francés Le Monde, levaba na súa portada como unha empresa gala en auxe, a cementeira Lafarge, tería «traballado» co Daesh polo menos durante algo máis dun ano, entre 2013 e 2014, para seguir mantendo a produción na zona.
Lafarge converteuse na principal industria do cemento a nivel mundial tras a súa fusión coa suíza Holcim. En 2007, Lafarge comezou a operar en Siria a través dunha filial chamada Lafarge Cement Syria (ou Lafarge Al-Furat), resultado dunha asociación co grupo local Al-Furat. As instalacións de Jalalabiya eran o principal activo desta operación. A pranta renovada iniciou a súa actividade no ano 2010 cunha capacidade de produción de 2,6 millóns de toneladas de cemento anuais, nunha época en que a produción deste material se encontraba en plena expansión.
A seguridade do recinto estivo nun primeiro momento a cargo de forzas leais ao Exército sirio ata o verán de 2012, data en que se fixeron cargo dela as milicias do Partido Kurdo da Unión Democrática (PYD). Ata o ano 2013 a produción mantívose malia a inestabilidade reinante no país, que se atopaba inmerso nunha cruenta guerra civil desde 2011. A partir desa data tivo lugar unha ralentización desta, aínda que coincidiu no tempo cun importante aumento do custo do cemento: un saco de 50 kg dese material, cuxo prezo oscilaba entre 250 e 300 libras sirias, pasou a cotizarse arredor das 550 libras sirias.
A cidade siria de Raqqa, situada a 90 km da fábrica, converteuse na capital oficiosa do «califato» cando caeu nas súas mans en xuño do ano 2013. Nove meses despois, Daesh tomou o control de Manbij, unha localidade na que residían a maior parte dos traballadores de Lafarge, que nese período trataba de garantir a seguridade dos seus empregados, así como de manter abertas as rutas para as súas mercadorías tanto de entrada como de saída. Nesa orde de cousas, un individuo chamado Ahmad Jaloudi, nome que, aínda que non figuraba no organigrama de Lafarge Syrie, foi a Manbij en calidade de enviado de Lafarge co obxectivo de obter autorizacións do Daesh para o tránsito de traballadores a través dos puntos de control baixo o seu dominio.
Un correo electrónico de Ahmad Jaloudi, datado o 29 de xuño de 2014, comunícalle ao director de recursos humanos de Lafarge Syrie, Mazen Shiek Awad, que acababa de regresar de Raqqa e que non puidera reunirse cun «alto responsable» de Daesh porque nese momento este atopábase en Mosul, sen aclarar o obxecto de tal encontro. Noutro correo de data 28 de agosto de 2014, Ahmad Jaloudi explicaba ao directivo de Lafarge Syrie Frédéric Jolibois os esforzos que seguía realizando para obter as preceptivas «autorizacións» do Daesh. Un mapa confeccionado na primavera de 2014 segundo informacións recollidas por Ahmad Jaloudi e ao que o xornal Le Monde afirmou ter acceso, indicaba as rutas a seguir polos camións de Lafarge: Jalalabiya-Manbij-Alepo-Sarakeb e Jalalabiya-Tal Abiad-Raqqa-Deir ez-Zor-Albou Kamal, localidades que se encontraban total ou parcialmente baixo control do Daesh.
Un salvoconduto co selo do Daesh de data 11 de setembro de 2014 indicaba aos «irmáns combatentes» dos puntos de control que permitisen o paso do camión da fábrica Lafarge en virtude dun acordo coa empresa para o comercio dese material. O pase, que remataba cun lacónico: «Todo documento que non estea selado non é válido para pasar os puntos de control», estaba asinado polo director de finanzas da wilayat (provincia) de Alepo. Segundo o xornalista Wasim Nasr, citado por Le Monde, o Bayt Al-Mal, unha especie de ministerio de facenda do «califato», é o encargado de xestionar os recursos adquiridos nas diferentes «provincias».
Segundo un antigo empregado de Lafarge, a planta necesitaba para o seu funcionamento unha gran cantidade de combustible; sirva como exemplo que o forno rotatorio funciona a unha temperatura de 1450 graos centígrados, polo tanto Lafarge non tiña outra elección que comprárllelo a Daesh, xa que controlaba todas as fontes de produción desde Raqqa ata Deir ez-Zor.
O 9 de setembro de 2014 un individuo chamado Ahmad Jamal dirixiuse mediante un correo, escrito nun deficiente inglés, ao directivo de Lafarge Syrie, Frédéric Jolibois, indicándolle que desde facía dous meses non recibiran a suma de 765.000 libras sirias (uns 30.000 euros) necesaria para pagar os provedores que traballaban para «o exército islamista máis forte sobre o terreo». Segundo antigos empregados de Lafarge este personaxe, orixinario de Raqqa, mantiña estreitos vínculos co Daesh e con diferentes subministradores e aseguraba un aprovisionamento continuo de petróleo polo que Lafarge pagaba un prezo elevado, aínda que a cambio obtía unha relativa seguridade para continuar coas súas actividades.
Esta recente sentenza xudicial non fai máis que corroborar que o mantra repetido ata a saciedade desde diferentes foros sobre a necesidade, real e absolutamente perentoria, de cortar as vías de financiamento das organizacións terroristas, en ocasións como esta, parece quedar reducido a unha mera prédica no deserto.
A pervivencia de calquera organización terrorista está directamente influenciada polos recursos financeiros dos que poida dispoñer e, como neste caso, mentres persoas e/ou organizacións sigan aplicando cun macabro sesgo o aforismo «nada persoal, só negocios», estarán contribuíndo de maneira efectiva tanto a sostelas no tempo como ao mantemento das súas capacidades operativas.

