O artigo fai parte do Informe Nós No Mundo 25-26
Nós no Mundo 2026 — Acción exterior de Galicia  nun sistema internacional inestable

Activar a acción exterior galega: a necesidade de artellar unha política pública de país

Un contexto internacional crecentemente complexo

A actual transición xeopolítica global está marcada por unha crecente fragmentación da orde internacional, a crise do multilateralismo liberal, a competencia estratéxica entre grandes potencias e a emerxencia de novos actores subestatais e transnacionais con capacidade crecente de proxección exterior. A guerra en Ucraína, a rivalidade sistémica entre Estados Unidos e China, a rexionalización económica ou a aceleración tecnolóxica están redefinindo os espazos de inserción internacional para actores pequenos e medianos, obrigando a desenvolver maiores capacidades de resiliencia, cooperación e articulación exterior. Como sinalabamos recentemente no IGADI Annual Report 2025-2026, o escenario internacional actual caracterízase precisamente pola consolidación dunha orde internacional máis multipolar e inestable, na que a capacidade de construír redes e alianzas se converte nun elemento central, e unha necesidade, da acción política e institucional contemporánea(1).

Neste contexto, a internacionalización deixou de constituír unha dimensión secundaria das políticas públicas para converterse nun elemento estrutural da competitividade económica, da capacidade de influencia política e da proxección cultural dos territorios. Galicia non permanece allea a esta transformación. Pola contra, a súa posición atlántica, a relevancia histórica da emigración, os vínculos coa lusofonía ou a súa inserción europea sitúana nun espazo particularmente sensible ás dinámicas internacionais contemporáneas.

Da tradición paradiplomática á institucionalización normativa

A aprobación da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, representou un fito histórico no proceso de institucionalización da acción exterior galega. Por vez primeira, Galicia dotábase dun marco normativo integral que recoñecía formalmente a existencia dunha política pública propia de acción exterior, desenvolvida ao longo de varias décadas a través dunha combinación singular de iniciativas institucionais, redes sociais, dinámicas económicas e proxección cultural internacional(2).

Con todo, a acción exterior galega non constitúe un fenómeno recente, senón que conta cunha traxectoria consolidada. Ao longo das últimas décadas, Galicia foi desenvolvendo progresivamente unha presenza internacional vinculada á integración europea, á cooperación transfronteiriza, á emigración, á cooperación internacional ao desenvolvemento e á internacionalización económica e cultural. Neste proceso, a evolución da gobernanza multinivel europea abriu novos espazos de participación para os actores subestatais, favorecendo tamén unha maior capacidade de proxección exterior por parte das comunidades autónomas.

Particularmente relevante neste proceso foi a progresiva incorporación da dimensión lusófona á acción exterior galega. A aprobación da Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía —coñecida como Lei Paz Andrade— contribuíu, polo menos no plano xurídico e programático, a institucionalizar un ámbito de proxección exterior con importantes implicacións culturais, económicas e xeopolíticas para Galicia. Galicia abriu así un modelo singular en España e Europa arredor da internacionalización e da cooperación co espazo lusófono.

Un marco avanzado cun desenvolvemento insuficiente

Porén, o avance normativo producido durante a última década non veu acompañado dun desenvolvemento equivalente dos instrumentos operativos necesarios para converter a acción exterior nunha política pública plenamente transversal e integrada. Galicia dispón hoxe dun marco legal e estratéxico considerablemente máis desenvolvido que hai apenas uns anos, así como dunha notable acumulación histórica de experiencia internacional. Con todo, continúan existindo importantes limitacións en materia de coordinación, seguimento, avaliación e planificación estratéxica, dificultando unha implementación máis coherente e sistemática da acción exterior galega.

A aprobación da Estratexia Galega de Acción Exterior 2025-2029 (EGAEX) evidencia precisamente tanto os avances como algunhas das contradicións presentes no actual proceso de institucionalización da acción exterior galega. A Estratexia incorpora unha visión ampla da proxección internacional de Galicia, integrando cuestións vinculadas á internacionalización económica, á cooperación ao desenvolvemento, á diáspora, á lusofonía, á captación de talento ou á inserción europea.

No entanto, máis aló do avance programático que representa a aprobación da EGAEX, persisten importantes interrogantes arredor da súa tradución operativa. A capacidade para converter os obxectivos estratéxicos definidos na Estratexia en mecanismos efectivos de gobernanza transversal continúa sendo unha das principais tarefas pendentes da acción exterior galega. Particularmente relevantes seguen sendo os déficits existentes en materia de articulación interdepartamental, coordinación/cooperación/colaboración (C3+) entre actores, avaliación, seguimento e planificación executiva. Neste sentido, e malia que a propia EGAEX contempla a realización dunha avaliación intermedia do seu desenvolvemento, os mecanismos concretos de seguimento e avaliación da Estratexia non parecen estar aínda suficientemente definidos.

A evolución da Lei Paz Andrade exemplifica parcialmente estas dinámicas. Malia o seu carácter pioneiro e o amplo consenso político e social que acompañou a súa aprobación, a aplicación efectiva dalgúns dos seus obxectivos avanzou de maneira desigual e relativamente lenta. Tanto no ámbito da promoción do portugués no sistema educativo como na institucionalización das relacións coa lusofonía, os avances producidos durante a última década continuaron dependendo en boa medida de iniciativas dispersas e dun desenvolvemento institucional gradual. A recente posta en marcha do Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade constitúe, neste sentido, un paso relevante, mais tamén evidencia o carácter progresivo e incompleto do proceso de implementación da propia Lei(3).

Neste sentido, o principal reto da acción exterior galega actual xa non parece residir tanto na ausencia de instrumentos normativos ou estratéxicos, senón na capacidade para construír mecanismos estables de gobernanza multinivel capaces de integrar de maneira coherente os distintos actores e dimensións da proxección internacional galega.

Activar a acción exterior galega

A crecente complexidade do actual contexto internacional obriga a entender a acción exterior cada vez menos como unha política sectorial e máis como unha dimensión transversal da acción pública. Neste sentido, o principal desafío da acción exterior galega xa non reside tanto na súa lexitimidade política ou xurídica —cuestión amplamente consolidada nas últimas décadas—, senón na capacidade para articular unha gobernanza máis articulada e coordinada.

A propia Lei 10/2021 establece unha concepción ampla da acción exterior galega, integrando non só á Administración autonómica, senón tamén ás entidades locais, universidades, actores económicos, a diáspora e organizacións da sociedade civil. A proxección internacional de Galicia configúrase así como un espazo crecientemente plural, no que participan actores con capacidades e dinámicas diversas, non sempre suficientemente articuladas entre si.

Neste contexto, o reto principal pasa menos pola creación de novos instrumentos normativos ca pola capacidade para activar de maneira efectiva os xa existentes, fortalecendo os mecanismos de coordinación, seguimento e definición de prioridades compartidas. Mais isto require tamén avanzar cara unha maior interiorización da dimensión internacional como parte estrutural da acción pública e institucional galega, asumindo de maneira máis consciente e coordinada o papel que os distintos actores desempeñan na proxección exterior do país.

Nun sistema internacional máis fragmentado e competitivo, a acción exterior forma parte crecente da capacidade dos territorios para defender intereses, atraer talento, proxectar influencia e participar nas redes globais de cooperación e innovación. O desafío para Galicia pasa agora por transformar a súa acumulación de experiencia internacional, capital relacional e marcos normativos nunha acción exterior máis coherente, integrada e estratéxica, plenamente consolidada como unha auténtica política pública de país.

Referencias

  1. (1) O novo mundo: Multipolaridade inestable nun sistema internacional en conflito, IGADI Annual Report 2025-2026, IGADI, 2026.
  2. (2) González Palau, Daniel, “Como chegamos ata aquí? Construír as autoestradas globais de Galicia”, en Nós no Mundo 2022-2023. Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior, IGADI, 2023, pp. 14-16.
  3. (3) Schreinmoser, Christoph, “Da Lei Paz Andrade ás relacións da Galicia e España coa lusofonía: o caso Macau”, Nós no Mundo 2025-2026. EGAEX 2025-2029: E agora que?, IGADI, 2025, pp. 33-34.

Descarrega o Informe anual Nós No Mundo 25-26 desde esta ligazón.