Al Assad, armas químicas e guerra santa

En declaracións a Fox News o presidente sirio, Bachar Al Assad, afirmou de xeito taxante que o seu país non atravesa unha situación de guerra civil. "Vivimos un novo tipo de guerra (...) contra milleiros de jihadistas (...) na súa meirande parte membros de Al Qaeda e as súas ramificacións", asegurou Al Assad, expresándose en inglés ante as cuestións dos xornalistas da canle estadounidense desprazados a Damasco. Segundo este, desde o inicio de conflito, hai dous anos e medio, "ducias de milleiros de sirios e uns 15.000 soldados gobernamentais foron asasinados, a maioría en ataques terroristas, asasinatos e atentados suicidas". Al Assad tamén indicou que o ataque con armas químicas contra o barrio Goutha da capital, o 21 de agosto, foi obra dos rebeldes, e non das súas forzas armadas, tal e como aseveran desde o bando inimigo.

Apartados xeográficos Oriente Medio
Idiomas Galego

En declaracións a Fox News o presidente sirio, Bachar Al Assad, afirmou de xeito taxante que o seu país non atravesa unha situación de guerra civil. "Vivimos un novo tipo de guerra (...) contra milleiros de jihadistas (...) na súa meirande parte membros de Al Qaeda e as súas ramificacións", asegurou Al Assad, expresándose en inglés ante as cuestións dos xornalistas da canle estadounidense desprazados a Damasco. Segundo este, desde o inicio de conflito, hai dous anos e medio, "ducias de milleiros de sirios e uns 15.000 soldados gobernamentais foron asasinados, a maioría en ataques terroristas, asasinatos e atentados suicidas". Al Assad tamén indicou que o ataque con armas químicas contra o barrio Goutha da capital, o 21 de agosto, foi obra dos rebeldes, e non das súas forzas armadas, tal e como aseveran desde o bando inimigo.

O certo é que se ben o informe presentado o 16 de setembro polos inspectores de Nacións Unidas da conta de "probas flagrantes" da utilización de gases tóxicos durante os bombardeos, o documento non establece de xeito claro a responsabilidade dos mesmos. Occidente, encabezado por Washington e París, e o groso de países árabes, con Arabia Saudí á fronte, ven no documento da ONU a proba definitiva e acusan ó réxime de El Assad de perpetrar a masacre de Goutha. Segundo estes, as forzas lealistas son as únicas que dispoñen diste tipo de gas químico e da loxística precisa para pulverizalo sobre o terreo. Fronte a esta tese, Moscova, principal aliado de Damasco xunto con Teherán, asegura posuír probas da implicación dos rebeldes no ataque con armamento químico, tal e como asegurou en declaracións  a Ria Novosti desde Damasco o vice-ministro ruso de Asuntos Exteriores, Sergueï Riabko.

Partidarios dunha intervención militar contra o réxime de Damasco, a forza das súas respectivas opinións públicas diminuíu o ardor guerreiro de Estados Unidos, Gran Bretaña e Francia. Tal e como aprendeu do primeiro ministro británico, David Cameron, e agora están a experimentar os presidentes Barack Obama e François Hollande, non é tan doado poñer en marcha un ataque militar se non se conta cun apoio político e social suficiente. Aqueles que sostiñan que a única saída ó conflito era militar pesaron que as presuntas evidencias chegarían para persuadir ás súas poboacións e aliados á hora de respaldar un ataque, sen ter en conta o clima de desconfianza acumulado con respecto á legalidade e utilidade de intervencións anteriores. As enquisas realizadas amosan un rexeitamento xeneralizado a unha intervención armada en Siria, aínda no caso de confirmarse que o réxime de Bachar Al Assad tivera empregado armamento químico a grande escala.

A pesares de ter sobrepasado a "liña vermella" definida por Obama, non se sosteñen as ameazas militares do máximo dirixente estadounidense, abrindo á porta a un acordo ruso-americano para a destrución do arsenal químico sirio, escapando Al Assad, de momento, a calquera tipo de sanción. Nunha tribuna no New York Times, o presidente ruso Vladimir Putin advirte contra os riscos dunha intervención militar, presentándose ante o mundo como un home de paz e do diálogo, amais de defensor do dereito internacional. Así as cousas, Siria xa ten presentado a súa demanda de adhesión á Convención sobre as Armas Químicas en Nacións Unidas, namentres Rusia e Estados Unidos discuten sobre as modalidades de desmantelamento do arsenal químico sirio. Só Turquía recoñece a súa aberta oposición a unha resolución pacífica do conflito. "El Assad só está a gañar tempo", afirma o xefe da diplomacia turca, Ahmed Davutoglu.

Jihad ou fitna?

"Siria libre" ou "Bachar fóra" son algúns dos motivos que varios xoves de Deraa escribiron nos muros da súa escola en marzo de 2011. Tal ousadía foi merecedora dunha pronta e enérxica resposta policial baixo forma de arrestos e torturas. A modo de exemplo, dous de entre eles, Omar e Hamza, mesmo foron executados. A porta da rebelión estaba aberta. A inhumanidade das autoridades desatou a ira de milleiros de sirios que desafiaron á brutal represión do réxime. A perda do medo e a determinación amosada na defensa do ideal democrático suscitou a admiración de medio mundo. Uns meses despois, en agosto, a contestación toma as armas. Xa non hai marcha atrás. A escalada violenta é imparable. As animosidades a flor de pel acadan un punto de non retorno. Á barbarie do réxime resposta a crueldade cega dos guerreiros de Alá. As aberracións están á orde do día. "A fin de toda humanidade", sentenciou o home político libanés Walid Joumblat.

Trinta meses despois, deixando tras de si máis de 100.000 mortos, un número indeterminado de arrestos, torturas, violacións e atropelos, e sete millóns de refuxiados, a protesta ten adquirido unha face moi diferente. A un e outro bando as mans están manchadas de sangue e calquera veleidade democrática da oposición quedou enterrada trala imaxe dun miliciano rebelde arrincando e devorando o corazón dun soldado leal a Al Assad. O comunitarismo se converte en único referente ideolóxico e as diferentes representacións do sagrado ocupan todo o espazo. Sunitas masacrados por batallóns alauitas, unha pola do chiísmo á cal pertence a familia no poder. Chiítas asasinados por faccións sunitas en nome de Deus. A guerra civil como fitna ou enfrontamento no seo da comunidade musulmán. A carón de Assad o Hezbollah (Partido de Deus) libanés e Irán, presentándose os rebeldes como nova fronte bélica do radicalismo sunita.

Da simpatía por un pobo desarmado combatendo a un réxime sanguinario temos transitado cara a desconfianza ó encontro dos jihadistas, cada vez máis activos sobre o terreo. Os manifestantes pacíficos deron paso ó Exército Sirio Libre (ESL), que reagrupa a faccións de moi diversas sensibilidades, tanto relixiosas como políticas. Entre estas destaca a Brigada Al Farouq, principal unidade do ESL, moi activa en Homs e próxima dos Irmáns Musulmáns, que reagrupa máis de 10.000 efectivos. A súa homóloga en Alepo é a Brigada Al Tawhid, que conta con algo máis de 3.000 homes, segundo estimacións fiables. Asemade as milicias salafistas son numerosas. De entre estas cabe citar á Kata'ib Ahrar Al Sham, especialmente activa no noroeste do país e que conta cun milleiro de combatentes. Ou a Majlis Al Shura, composta por libios na súa meirande parte. Pero de entre todas estas destaca nomeadamente Jabhat Al Nosra li Ahl Al Sham (Fronte da Vitoria do Pobo da Grande Siria), que mantén un nexo directo con Al Qaeda.

Obxectivos diverxentes

Cada vez é máis difícil establecer unha clara fronteira entre as milicias salafistas e o exército opositor regular. Amais, o rol dos radicais islámicas antóllase cada vez máis determinante para o futuro da contenda. Abu Haidar, un oficial do ESL en Alepo, chegou a declarar que estes combatentes "son os comandos de elite da revolución". E se ben o xenerais do ESL teñen multiplicado a condena ó encontro dos salafistas polo seu sectarismo relixioso, sobre o terreo acollen de bo grao a determinación e disciplina dos combatentes jihadistas. E na vanguarda salafista atópase Jabhat Al Nosra, que ó principio aproveitou a porosidade das fronteiras con Irak para atacar ó réxime sirio. De apenas unhas poucas ducias de combatentes en xaneiro de 2012, a organización conta hoxe con máis de 20.000 efectivos, dos cales entre un 15 e un 20% son estranxeiros. Jabhat Al Nosra responde ante a cúpula central de Al Qaeda, existindo unha conexión directa entre o seu líder, Abou Mohamed Al Joulani, e o exipcio Ayman Al Zawahiri, sucesor de Osama Ben Laden á fronte da nebulosa terrorista.

As forzas de oposición ó réxime de Bachar Al Assad reúnen a preto de 100.000 homes, divididos en alomenos un milleiro de grupúsculos. Segundo un estudo de IHS Jane para o Departamento de Defensa estadounidense, uns 10.000 jihadistas pertencen ás faccións directamente vencelladas a Al Qaeda. A istes hai que engadir entre 30.000 e 35.000 jihadistas que defenden a edificación dun estado islámico en Siria, e alomenos 30.000 "combatentes moderados", membros de grupos con certa compoñente islámica. O documento indica que non habería máis que unha minoría de rebeldes afiliados a grupos non relixiosos ou nacionalistas. E o número de efectivos das milicias islamistas non deixa de aumentar grazas á afluencia de novos recrutas, nomeadamente provenientes de África do Norte e Europa, pero tamén de Paquistán ou Chechenia, onde tamén se multiplican os chamados para loitar contra o réxime de Bachar Al Assad.

"Se Occidente da a impresión de non querer dar caza a Bachar Al Assad, os moderados poderían rematar por aliñarse cos movementos máis radicais", advirte Charles Lister, autor do informe de IHS Jane. Namentres que os moderados queren derrocar ó réxime autoritario de Al Assad, os jihadistas anceian o establecemento dun estado islámico radical no seo dun califato rexional. Diferentes fontes alertan sobre as purgas protagonizadas polos combatentes islamistas para "purificar o mal" dentro do seu bando, como foi o caso recentemente en Alepo. "Os nosos obxectivos son os chabiha (milicias pro réxime) e os opositores declarados ó estado islámico", proclaman nun vídeo varios combatentes dos batallóns Farouk e Nasr. Durante as últimas semanas varios comandantes do ESL foron asasinados por homes de Al Qaeda na provincia e Lattaquié, no noroeste do país e as poboacións locais temen unha campaña jihadista para tomar o control do seu territorio. Occidente é cada vez máis consciente dos riscos, até o punto que o presidente francés, François Hollande, declarou que Francia entregará armas ó ESL "nun marco controlado xa que non podemos aceptar que estas poidan caer en mans dos jihadistas". É isto posible?