angela merkel

Alemaña: Primeiros pasos da Merkel

 Ãngela Merkel, clic para aumentar
Merkel, que para uns é unha persoa tenaz e persistente nas súas conviccións e para outros terca en exceso, insiste en impoñer o que son as propias preferencias e ademais faino con éxito e dunha forma sibilina.
 

¿Sabe o que quere Ánxela Merkel? Para que Alemaña supere os atrancos económicos co fin de evitar a perda de respecto, anovar a imaxe dun país deprimido que debe impulsar o crecemento do continente postulándose como motor da Comunidade e recrearse na estabilidade neoliberal, a Merkel propón unha estratexia política baseada en dous piares: cambio de dirección da xestión interna cun tridente que conxuga as reformas institucionais, o recorte económico e o investimento, acompañada dunha actitude proatlantista de aproximación a EEUU e Reino Unido. Dito doutra maneira, semella que a chanceler alemana suxire a posta en práctica desas palabras que están en boca de todos, eficiencia e eficacia na xestión dos recursos propios, acompañado do pragmatismo necesario para asegurar o negocio coas redes entretecidas polos estadounidenses e británicos en Oriente Medio e, de paso, certificar que algún día se chegará a un acordo entre británicos e franceses, entre outros, á hora de pechar un orzamento comunitario.

A axenda reformadora vese, non obstante, retocada polo feito de ter que gobernar en coalición, precisamente, con aqueles cos que se bateu, cara a cara, nas eleccións lexislativas do 18 de setembro deste ano. Iso pode traer consigo unha serie de atrancos á hora de levar a cabo as políticas propostas. É dicir, imponse a necesidade de decorar o discurso con termos como o de "nova xustiza social", "deber moral" cos máis débiles e desfavorecidos, repítese o slogan da ineficienza das subvencións e das axudas, resáltase a parálise da burocracia, e anteponse no escaparate o apoio á competitividade e a idea de que basta xa de abusos a conta do estado do benestar.

Non é de negar unha certa mestría á hora de impoñer a propia axenda. Así as cousas, falouse dunha rivalidade visceral Schröder-Merkel no proceso negociador do novo goberno. Non había espazo para dous e, a fin de contas, varios meses despois das eleccións lexislativas, axudada polos resultados de Dresde e a saída a fume de carozo de Stoiber, así como doutras circunstancias adxacentes, Merkel queda e Schröder vaise.

Nembargantes, pode resultarlle complexo equilibrar un discurso neoliberal e socialdemócrata nalgúns ámbitos, aínda que para iso se nos intente facer comprender que é mellor premiar a actividade que a inactividade, se denuncie o abuso de certas subvencións, a torpeza da burocracia, ou a pouca conveniencia de oporse a EEUU ou a imperiosidade de apertar o cinto.

Emporiso, Merkel, que para uns é unha persoa tenaz e persistente nas súas conviccións e para outros terca en exceso, insiste en impoñer o que son as propias preferencias e ademais faino con éxito e dunha forma sibilina. E disto podemos dar un exemplo no referente á política exterior, que en mans dun socialdemócrata en virtude dos acordos de goberno dos dous partidos, Frank-Walter Steinmeier, o novo ministro de Asuntos Exteriores alemán segue a liña marcada pola chanceler.

As visitas a París, Bruxelas, Londres, Barcelona, Varsovia, permitíronlle unha toma de contacto cos intereses inmediatos das demais potencias, e expresar as súas intencións. Na política exterior, é onde dunha maneira inmediata pode contrastarse a actitude do novo goberno. A ex-opositora ó goberno de Schröder, que apoiaba a decisión de EEUU de invadir Iraq, non fala aínda de que foi un erro, ou flirtea coa neglixencia, realizando discursos en clave civilizacional contra o que considera terrorismo. Por se non é suficiente, conta co eco do ministro do interior, Wolfgang Schäuble, quen lembra ós cidadáns que os alemáns en Alemaña, tamén están ameazados polo terrorismo. Merkel afirma querer combater toda forma de racismo e de extremismo dentro do cadro da súa política interna, pero ó mesmo tempo rezuma propensión á defensa dos sacrosantos valores da cultura occidental militando na oposición á entrada de Turquía na UE.

Que o ministerio de asuntos exteriores estea en mans dos socialdemócratas, non significa que Alemaña poida seguir unha liña de actuación propia fronte ás influencias unilateralistas de EEUU. A chanceler pode, coa súa actitude, influenciar ou desautorizar as propostas dos seus membros de goberno. Non se modificará o comportamento nin as intencións da chanceler Merkel neste conflito iraquí, que por primeira vez afecta a Alemaña directamente logo do secuestro dunha cooperante alemana e o conductor do vehículo no que viaxaban. En todo caso pode confirmar aínda máis, o apoio de Alemaña a EEUU, a través do cal aspira a gañar a confianza de Washington, en horas baixas.