Aletargados

Apartados xeográficos Europa ARCHIVO
Idiomas Galego

Non cabe a sorpresa. Parece que na UE ninguén contaba cuns resultados tan sorprendentes, onde a dereita é masivamente apoiada. Pero a realidade hai que mirala dende a óptica do compromiso e da participación. Os votantes de esquerda sentiron en menor grao a obriga de achegarse ás urnas. E como os votantes de dereita son verdadeiros militantes disciplinados, a balanza escorou incluso máis do agardado cara os partidos conservadores.

Porqué razón ocorre isto? Fálase dende hai tempo da crise de Europa. En realidade a crise, de aceptala como un feito consumado, non é única. Estamos a falar de tres crises, a económica que disque afecta aos resultados dos partidos que gobernan, e que ven ser desmentido polos resultados da dereita en Alemaña, Francia e mesmo en Italia, pero que si afecta á visión de futuro a curto prazo dos cidadáns, amedrentados a maioría deles, que saen a votar e que probablemente se mobilicen cara o voto á dereita.

Por outra banda, a crise europea que dende hai tempo afecta á credibilidade dunha hipotética unión europea, e que se entende como crise de liderado, de ideais, e de modelo político e institucional de cara ao futuro. Esta segunda crise, xunto coa falla de resposta á primeira, é, probablemente, o que fai diminuír a participación dos votantes de esquerda e doutros partidos neste tipo de comicios que parecen servir para ben pouco.

Seguramente non existen os incentivos para facer ver a importancia do que no Parlamento Europeo ocorre e que, por desinterese, deixa as portas abertas ás iniciativas contrariantes para o público, que contribúen ao descrédito desa institución como a directiva das 65 horas de traballo semanal. O que está na base deste descrédito, non é a falla de competencias do parlamento europeo, que se queda curto nas súas funcións, senón o modelo de Europa dos estados sobre o que se construíu o proxecto europeo. En base a isto, Europa converteu no día de hoxe parte do seu parlamento nun conglomerado de grupos que teñen por obxectivo a súa destrución, e que pretenden gardar os intereses “nacionais”.

En Bruxelas non hai lei antipartidos, nin ningún tribunal que penalice as súas declaracións e ideais por extremas que poidan parecer. E aínda máis, estes partidos antieuropeos non teñen rubor en usar os recursos que lle son concedidos para loitar contra calquera ideal internacionalista. A fin de contas, morder a man de quen lles dá de comer. En todo caso, na orixe do problema están os nacionalismos institucionalizados de estado que impiden a transparencia na información, e que non falan do que corresponde nunhas eleccións europeas de maneira provinciana.

Por último, existe unha crise moral que afecta a grande parte da sociedade en diversos países en Europa, e que contribúe a pechar filas con candidatos de criticable condición no máis puro sentido acrítico. A confirmación disto son as mesmas declaracións dos seus responsables, que afirman que as urnas os “exculpan” dos casos de corrupción, nunha nova forma de indulto popular moderno, ou ben dos casos nos que o electorado avala a conducta irresponsable dos dirixentes que colocan nas listas non importa a quen, unha modelo, un can, ou unha vaca, tanto ten.