Tres meses despois da súa elección, o presidente Buteflika anunciou un plano de reconciliación civil que remitiu á Asemblea Nacional Popular para o seu debate. Como adianto do mesmo o presidente concedeu un indulto aplicable aos membros dos grupos islamitas, mesmo posible para os integrantes de grupos armados que non teñan cometidos delictos de sangue. Outras medidas en prol da paz tamén poderían ser anunciadas nos próximos días. Mesmo nalgúns medios especulase co posible levantamento do estado de excepción decretado en 1992, cando o golpe militar impediu o acceso ao poder da Fronte Islámica de Salvación (FIS) que tiña resultado vencedora nas eleccións.
O cinco de xullo, hai 37 anos que Alxeria acadou a súa independencia. Os sete últimos inmersa nunha terrible guerra civil iniciada tras o golpe militar. Antes do comezo das celebracións oficiais o presidente alxerino anunciou a concesión dun indulto que pode afectar a entre cinco e quince mil presos. Sería a primeira dunha serie de medidas contidas nunha lei de reconciliación civil que o primeiro ministro Hamdani presentou na cámara parlamentaria alxeriana. Un xesto simbólico de especial relevancia podería consistir en poñer en liberdade ao líder do FIS, o xeque Abasi Madani quen está en arresto domiciliario dende hai anos. Madani fixo pública unha carta, no pasado xuño, en que amosaba o seu apoio a política de reconciliación promovida polo presidente Buteflika despois de que o Exército Islámico de Salvación anunciase o abandono da loita armada. Máis difícil semella a posta en liberdade do líder do sector máis radical do FIS o imán Benhadi.
Entre as propostas máis polémicas da citada lei atopase aquela referida a que os indultados poidan incorporarse ás forzas de seguridade que loitan contra a guerrilla do Grupo Islámico Armado (GIA) autor de matanzas colectivas e atentados indiscriminados no interior do país.
A pesares de contar coa posibilidade de sacar adiante a lei na Asemblea Nacional Popular o presidente Buteflika anunciou que a someterá a referendo e que os resultados do mesmo serán respectados. Así mesmo, despois da celebración do Cumio da Organización para a Unidade Africana (OUA) a celebrar entre o 8 e o 14 do presente mes no que Alxeria pretende anunciar ao mundo o fin do sanguento enfrontamento e recuperar o perdido papel internacional, o presidente nomeará o seu primeiro goberno no que se espera teñan representación diversos sectores do islamismo máis moderado.
A situación alxeriana está a mudar rapidamente. O mes de xullo pode ser crucial para rematar con esta sanguenta guerra.