América Latina sábese perdedora tras do 11-S

Apartados xeográficos América Latina ARCHIVO
Idiomas Galego

Ninguén gaña na nova orde internacional máis opaca, pero xa se coñece que entre os que máis perden está América Latina que contempla como a primeira potencia do continente, e do mundo, dirixe as súas enerxías políticas, as prioridades diplomáticas e os grandes investimentos en dirección ao volcán de Oriente. No 56 Plenario Xeral da ONU os sensatos e densos discursos presidencias dos mais altos mandatarios latinoamericanos tiñan un denominador común: A crítica a este mundo tan desigual e ingobernable.

Tras do 11-S, os EEUU mudaron a peneira na cribaban as súas preferencias na orde de prioridades nas relación exteriores. Entre os máis tocados polos atentados das Torres do World Trade Center está Hugo Chávez. Tocoulle unha zaranda cos buracos máis estreitos. A Casa Branca non lle tolera que o Presidente venezolano demandase o cese da guerra e a paralización das mortes de civís inocentes, portando fotos na man de nenos afgáns abatidos polas cegas bombas dos EEUU diante das cámaras de televisión. A retórica da Casa Branca non dubidou en cualificar as manifestacións de Chávez como de "agresións verbais francamente hostís" e chamou a consultas á embaixadora en Caracas , Donna Hrinak, mentres estudia reducir as compras de petróleo no país caribeño. No interior Chávez nácenlle como setas de outono os conflictos e ata existen evidencias de conspiracións militares.

O 11-S acentuou a belixerancia cara ao triángulo Chávez, Fidel Castro e as FARC e fixo que se apuntalasen os apoios ao discípulo do Ex-presidente nicaraguano Arnoldo Alemán, o novo presidente Enrique Bolaños. Na disputada carreira presidencial co sandinista Daniel Ortega, a diplomacia norteamericana puxo todos os recursos imaxinables ao servicio do candidato do Partido Liberal Constitucionalista, a pesares de que o seu antecesor acumulou, durante o seu corrupto mandato, unha fortuna de 250.000 millóns de dólares.

Quizais detrás do negro pano do terror de setembro no sexa doado ver como cabalga ceibe a miseria por Latinoamérica, pero presidentes como Chávez que dirixen un dos países con maior crecemento previsto tanto para o 2000 como para o 2001, que gardan, máis ou menos, as formas democráticas ou que enarboran un discurso reivindicativo de xustiza planetaria sexan especialmente molestos. Máxime cando esta a recibir amplos apoios para presidir o grupo "77 + China" dos países en desenvolvemento.

Amparado por datos económicos que esgrime con orgullo, como feito de ter ascendido do posto 65 ao 61 na escala do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento, ou a mellora en catro puntos na mortalidade infantil…Chávez , logo de expresar o seu incondicional apoio aos EEUU na loita contra do terrorismo, pide dende a tribuna da ONU, a guerra contra da guerra, isto é, a batalla pola paz; a creación dun estado palestino ou un maior diálogo Norte-Sur.

O resto dos presidentes Latinoamericanos que subiron ao estrado na 56 asemblea da ONU, tamén tiveron densos e reflexivos discursos que en nada se asemellan aos de lideres europeos como Blair, Aznar ou Berlusconi.

Jorge Batlle nun duro discurso cuestionou o actual modelo da ONU criado para un tempo e un mundo que xa non existen. Aínda que non rebateu a prioridade da loita contra do terrorismo, afirmou que cómpre loitar contra doutros inimigos acérrimos da paz como a pobreza e o subdesenvolvemento: " a pobreza non só destrúe as democracias, o que é peor, destrúe as sociedades abre o camiño á violencia e a novas formas de terrorismo, e tal como temos comprobado moitas veces entre nos…No mundo actual somos seis mil millóns de persoas, só mil millóns habitan en zonas desenvolvidas. No ano 2050 seremos 9.300 millóns e seguirán sendo 1.100 millóns os que habiten nos países privilexiados".

O veciño do Mar do Prata, Fernando de la Rúa, abafado pola crise arxentina, incidiu nos mesmos argumentos: "Non se poden descartar unha serie de factores que serven de subsistencia para o terrorismo como a pobreza extrema, a fame e as enfermidades. Os beneficios do desenvolvemento chegan a poucos Estados, sendo moi evidente a crecente marxinación de países e sociedades que viven na pobreza extrema con dramas como os abandonos infantís, a desnutrición, as enfermidades e a fame. Esta distribución económica provoca e dispara a frustración e desesperación en amplos sectores de desposeidos e xera as condicións para que xurdan conflictos e enfrontamentos de todo tipo". Para rematar leu unha frase do Papa Paulo VI: "O nome da paz é o desenvolvemento".

Fernando H. Cardoso centrouse inicialmente no contencioso palestino: "A creación dun Estado palestino democrático, cohesionado e economicamente viable é unha bébeda moral e unha tarefa ineludible da ONU"; para pasar a continuación a denunciar que: "Os beneficios da globalización económica non se teñen repartido axeitadamente nun mundo onde as relacións son asimétricas e existe un déficit de democracia".

Dende Chile chegaron palabras de apoio para os EEUU na guerra de Afganistán, pero o Presidente Ricardo Lagos equiparou a praga do terrorismo á da fame e da ignorancia e abriu unha nova liña argumental que cuestionaba sutilmente o actual marco globalizador o sinalar como os maiores inimigos ao terrorismo, ás drogas, a ignorancia, os movementos de poboación e, tamén, a fluxo errático de 1,5 billóns de dólares que cada día revolotean de mercado en mercado financeiro co único obxectivo de especular. Finalmente reincidiu na mesma tese dos seus colegas " Dos seis mil millóns de persoas que habitan a terra, a metade loita por sobrevivir con ingresos inferiores a dous dólares diarios." E ao solicitar expresamente que " se recoñeza o dereito inalienable do pobo palestino a libre determinación, incluíndo o dereito a establecer un estado independente, como o dereito de Israel a vivir dentro das fronteiras recoñecidas".

A intervención de Alejandro Toledo, logo de expresar a súa solidariedade con EEUU apuntou directamente cara a reducción de gastos militares ao avogar por " conxelar de inmediato a merca de material armamentístico en América Latina e reorientar eses recursos cara a loita frontal contra da pobreza".

Moi semellante foi o discurso de Vicente Fox, quen animou a combater a pobreza e a exclusión social como factores que poden contribuía ás actuais ameazas contra da paz.

Se puidesemos extraer outro denominador común das intervencións máximos dirixentes de América Latina atoparíamos que todos coincidiron en demandar a supremacía das Nacións Unidas na loita contra do terrorismo. Isto supón, implicitamente, unha crítica ao liderado dos Occidentais que se enfrontan ao fenómeno do terrorismo global sen contar coa opinión da maioría dos habitantes do globo.

Quizais tamén porque son sabedores de que os 1000 millóns de dólares de axuda que foron destinados a Paquistán, aos que seguiran novas cifras extratosféricas mingúan a posibilidade de axudas a América Latina. Felipe González en xira por América non para de repetir que América Latina perderá importancia para os EEUU, logo do acontecido o 11-S.

Con certeza é un alivio poder refrescarse con intervencións presidenciais como as descritas, para airearse da seguidista pobreza argumental dos mandatarios europeos.

¡Menos mal que nos queda América Latina!