Angola: Baleirando as arcas

A marea de críticas e denuncias por corrupción e desvío de fondos procedentes do petróleo que directamente envolve aos homes fortes do presidente Dos Santos está a se desbordar dende hai xa dous meses, cando se fixeran públicas as pesquisas polas que Human Rights Wacht culpaba ao goberno angolano de ter roubado das arcas públicas un montante de 4 mil millóns de dólares, entre os anos 1997 e 2002. Esta vez chegou-lle a vez á ONG británica Global Witness. As súas denuncias veñen corroborar as anteriores de HRW. Entre unhas cousas e outras, 1.7 millóns de dólares estarían a se extraviar por ano, dende hai 5. O escándalo, o roubo, chega aínda máis lonxe: a apropiación ilícita de caudais públicos reverte na compra de armas, na negociación bilateral con Rusia para a reducción da débeda e na captación de novos empréstemos internacionais, sempre segundo fontes de Global Witness.

O peso da corrupçión recae por enésima vez sobre José Eduardo dos Santos, quen tería desviado para sucursais da banca internacional grandes sumas de diñeiro depositadas principalmente en entidades financeiras suízas. Os números cantan: en torno á cuarta parte dos beneficios derivados das exportacións de petróleo, non está sendo declarada desde finais da década dos 90, cando as grandes multinacionais de explotación petroleira encomezaran a se establecer en Angola.

Alén do presidente Dos Santos, son moitos os altos mandos do goberno de Luanda dos que se sospeita estar vencellados ao desvío de ducias de millóns de dólares para Suíza, Luxemburgo e as Illas Caimán. Nembargantes, hai poucos días, Arguinaldo Jaime, brazo dereito do presidente, garantía que o seu goberno estaría disposto a someter a auditoría independente as contas do Estado.

Durante o ano pasado Angola producía en torno a un millón de barrís de petróleo por xornada. Estima-se que no decorrer dos vindeiros cinco anos, teña-se duplicado a producción. O petróleo representa xa case a metade do PIB do país. A estes niveis de producción, Angola está virtualmente en condicións de competir non só con Nixeria, primeira potencia petroleira do África Negra, senón tamén coas monarquías árabes do Golfo Pérsico, sen obviar unha importante traba: a principal área de abastecemento de petróleo é o conflictivo territorio de Cabinda. Con todo, a realidade de que ao longo dos últimos anos o impulso que experimenta o sector, consecuencia da capitulación do conflicto e da progresiva e relativa estabilidade que vai adquirindo o país, é innegábel. Claro que, evidente é tamén o feito de que eses capitais non tornan á xente do común e que aos únicos que lles luz o cabelo baixo esta rexencia caciquil é aos gandaias da ralea clientelar manexada por José Eduardo dos Santos. O roubo perpetrado pola elite gobernamental, está a recortar mais se cabe a deplorábel situación dos dereitos humanos en Angola, amais doutras manifestacións da vida política, social, económica ou cultural. Por suposto non existe en Angola sistema algún de recadación fiscal. O Estado non aproveita os beneficios procedentes dos carburantes nos investimentos públicos e nos servizos básicos, coma escolas ou hospitais, e menos aínda en políticas de reinserción social ou laboral. A metade dos nenos angolanos están desnutridos. Malaria e SIDA contaxian-se con virulencia a pasos axigantados. Estima-se, por outra banda, que aínda hai un millón de desprazados internos. Angola ocupa o posto 164 no ranking de Desenvolvemento Humano do PNUD para o ano 2003. A esperanza de vida é de 45 anos, considerabelmente mais baixa do que a media africana. Millares de angolanos sofren fame mentres a axuda alimentaria fondea nos peiraos e nos portos. O Programa Mundial de Alimentos de Nacións Unidas é o principal distribuidor de axuda alimentaria entre a inmensa cantidade de angolanos, desprazados internos, que fican confinados en campos de refuxiados ou en proceso de reasentamento ou reinserción logo dun conflicto que asomaba a súa terceira década de confrontacións. Dende principios de marzo, un total de 1.500 toneladas de legumes, aceites e outros productos permanecen varadas no porto de Luanda. O executivo di non poder facer-se responsábel do custo que supón o seu traslado ate as zonas de poboación afectada. Por sistema, a incompetencia do goberno atrasa a distribución de alimentos, que unha vez chegan a porto, alí permanecen por semanas e meses. Falan diso coma dun clásico problema burocrático.