Angrois e a Marca España

Tres meses despois do accidente ferroviario de Santiago de Compostela do pasado 24 de xullo que custou a vida de 79 pasaxeiros, pouco se fala xa del nos medios de comunicación internacionais. Non é unha cuestión menor que non haxa novas, xa que a suposta mala imaxe exterior que xeraban foi unha das principais preocupacións dos gobernos español e galego así como das empresas ferroviarias nos días seguintes ao sinistro. En xogo estaban os millonarios contratos aos que aspiraba e aínda aspira en todo o mundo a industria ferroviaria española.

Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Palabras chave Angrois Marca España
Idiomas Galego

Tres meses despois do accidente ferroviario de Santiago de Compostela do pasado 24 de xullo que custou a vida de 79 pasaxeiros, pouco se fala xa del nos medios de comunicación internacionais. Non é unha cuestión menor que non haxa novas, xa que a suposta mala imaxe exterior que xeraban foi unha das principais preocupacións dos gobernos español e galego así como das empresas ferroviarias nos días seguintes ao sinistro. En xogo estaban os millonarios contratos aos que aspiraba e aínda aspira en todo o mundo a industria ferroviaria española.

         Reducir o sucedido na curva de Angrois a un erro humano, a unha actuación neglixente dunha persoa, foi a rápida resposta tanto dos políticos como das empresas implicadas. A inmediata asunción de culpas por parte do maquinista facilitaba esa estratexia. Preguntarse por outras posibles causas concorrentes era pouco menos que traizoar a patria pola vía de prexudicar economicamente ás empresas españolas. O propio presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, apuntou aos “intereses económicos” internacionais que pretenderían desprestixiar o AVE español para que as nosas empresas perdesen os contratos aos que aspiraban. Chegou a cualificar de “excesivas” as preguntas dos medios estranxeiros sobre os sistemas de seguridade ferroviaria en España. E non foron menores as críticas recibidas polos xornalistas galegos que supostamente contribuían a esa mala imaxe internacional.

         Tres meses despois, os medios estranxeiros xa non se preguntan que pasou en Angrois malia que si o segue a facer o xuíz santiagués instrutor do caso, que dubida de que o maquinista tivese toda a culpa. Deberiamos supoñer, seguindo a lóxica das  autoridades, que actúa ao ditado de empresas estranxeiras. Ou iso, ou que os trabucados eran os políticos e os medios estranxeiros so facían o seu traballo, igual que os galegos, que é preguntar. Un traballo xornalístico que tristemente depende en grande medidas das variables de proximidade espacial e temporal. Esas que fan que nun primeiro momento unha catástrofe como a de Angrois chegue aos telexornais chineses pero que días despois xa so interesa a uns poucos, cada vez menos, xornalistas galegos.

         Aínda é cedo para coñecer as repercusións do tratamento mediático internacional do accidente de Angrois sobre as aspiracións comerciais das empresas españolas. Pero cando se adxudiquen ou se perdan eses contratos nos que tantas expectativas políticas hai postas, non estaría de máis valorar todas as novas. As de Angrois, si. Pero tamén as novas que estes días publican os medios brasileiros, onde está en xogo o AVE entre Río de Xaneiro e Sao Paulo, sobre supostas irregularidades nun concurso para o Metro desta segunda cidade nas que estarían implicadas varias empresas españolas. Ou as novas dos propios medios madrileños que hai uns meses salientaban que o AVE de Arabia Saudita será construído por un consorcio español   grazas á intanxible influencia de El Rei nun país autocrático e non só pola calidade da enxeñería Marca España.