Armas intratables

Tras seis anos de negociacións, a ONU debera aprobar en xullo un tratado sobre o comercio das armas convencionais. Dende que a crise comezou, os informes anuais do SIPRI (Stockholm International Peace Research Institute) confirman que este negocio segue boiante. Entre 2001 e 2010, os gastos militares mundiais medraron un 32%, aguilloados por EEUU, cun aumento do 82%.

Apartados xeográficos Otros
Idiomas Galego

Tras seis anos de negociacións, a ONU debera aprobar en xullo un tratado sobre o comercio das armas convencionais. Dende que a crise comezou, os informes anuais do SIPRI (Stockholm International Peace Research Institute) confirman que este negocio segue boiante. Entre 2001 e 2010, os gastos militares mundiais medraron un 32%, aguilloados por EEUU, cun aumento do 82%.

Mais aló do escandaloso das cifras deste lucrativo mercado conducido polas grandes compañías do mundo desenvolvido e as grandes potencias, a cuestión central para a ONU á hora da súa regulamentación é a compatibilidade cos seus obxectivos xerais de garantir o respecto aos dereitos humanos e o fomento dun desenvolvemento económico acorde cos intereses das maiorías sociais.

Ás reticencias esperadas de moitos Estados (tanto exportadores como importadores) súmanse as incoherencias dos actores máis destacados.

A UE, por exemplo, que tanto celebra sempre os avances nestas materias, segundo o SIPRI é responsable do 34% das vendas de armas no mundo entre 2006 e 2010 e os oito criterios aprobados polos 27 en 2008 para garantir a prevención de conflitos dispoñen dunha tan ampla marxe de interpretación que lle resta unha considerable efectividade.
Sorprende neste ámbito que Grecia sexa o país da UE cos gastos militares máis elevados en relación ao PIB (entre 2,6 e 3,2%), ou que sexa nada menos que o quinto importador de armas do mundo en volume entre 2005 e 2010. O 40 % dese material foille vendido por Alemaña e o 21% por Francia, países responsables onde os haxa …..

Sen criterios esixentes que eviten os agravamentos das crises políticas internas (de Siria a Sudán, entre moitas outras de actualidade) pero tamén sen a aplicación de dobres varas de medir ou licencias extraordinarias (os gobernos europeos teñen discrecionalidade total para vender material militar a Israel,  o que se  contradí  abertamente co espírito xeral da normativa) vai custar garantir a eficacia dunha normativa desta características, sen dúbida necesaria, pero lastrada por unha repugnante prosperidade á que ninguén desexa renunciar.