Xa que logo, é comprensibel a división de opinións no seo das forzas nacionalistas que integran GALEUSCA a respecto da proposta de voto cara ao referendun de febreiro. Uniò ten apostado xa polo "si crítico", o Congreso de Convergência amosou unha maioría contraria á Constitución (contra da opinión do cabezaleiro da lista de GALEUSCA, o eurodeputado Ignasi Guardans) malia que, en último de contas, confiara a decisión no seu "Consell Nacional" e no PNV andan máis ou menos polas mesmas, malia que o seu presidente, Iosu Ion Imaz, tente achegar aos seus compañeiros ao carreiro do "si" crítico. Os nacionalistas galeses do "Playd Cymru" apostan polo si, apoiándose na construción europea para facere medrar a súa autonomía fronte a Inglaterra. E, pola súa banda, o Consello Nacional do BNG aprobou por maioría moi ampla (un 85% máis ou menos fronte a un 15% partidario dun "si" crítico) unha resolución que recomendaba proporlle á cidadanía galega o voto negativo. Porén, abriuse un proceso de decisión que segue arestora nos níveis comarcais da organización. (Foto: Festa de ampliación da Unión Europea, Bruselas 01/05/2004). | |
"There is a house in New Orleans, they called it the raising sun"(1).
Cómpre dubidar da calidade da nosa democracia cando, só tres meses antes do plebiscito a respecto do Tratado Constitucional europeo, máis do 70% dos cidadáns do Estado declaran descoñecer absolutamente o seu texto. E, en verdade, semella que a fixación da data do referendum, tan axiña despois de asinaren o Tratado os Xefes de Estado e de Goberno dos 25, resposta a razóns de axenda e propaganda persoal do Presidente do Goberno do Estado, quen seica anda a darnos unha lección de suposto europeísmo ao lle amosar á Europa toda que somos os primeiros en aprobarmos o Tratado.
Teño para mín que o sistema xurídico-político deseñado neste Tratado constitucional non é precisamente o máis axeitado para tirar o escepticismo dos cidadáns europeos, amosado tan claramente na baixa porcentaxe de participación das recentes eleccións europeas. Semella que, neste sistema constitucional, os Estados van seguir a manter a súa primacía a respecto dos cidadáns (representados no Parlamento) e, por suposto, sobre das chamadas " rexións constitucionais"(as que, como Galicia, teñen garantido na Constitución do seu Estado o dereito á súa autonomía política). Na necesidade dun mínimo común denominador entre os que lle queremos dar un pulo á Europa federal e política e o euroespecticismo dos conservadores británicos ou daneses, a teimosa oposición a calquera Europa federal dos Gobernos dos novos membros -algúns tan influíntes como o checo ou o polaco- ou a oposición do Goberno francés a calquera recoñecemento global europeo das "rexións constitucionais", o produto rematado é moi complexo, misturando elementos xurídico-políticos non moi compatibeis entre si e que, dende logo, aposta máis por afortalar a unidade de mercados e monetaria, incorporando tamén na axenda europea a integración política, malia que nun segundo plano.
De certo que a nova Constitución supón un avance notabel a respecto do que había. Agora teremos unha carta de dereitos e liberdades fundamentais-entre eles o recoñecemento da diversidade lingüística e cultural e a un ensino que respecte e fomente esa diversidade-recoñecéndose neste eido a xurisdición do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. A Comisión será responsabel perante o Parlamento Europeo que, malia non poder nomear aos seus membros, si poderá rexeitar a todos ou algún dos propostos ou censuralos durante o seu exercicio. Os poderes do Parlamento no eido do control da Comisión Europea e orzamentario medran sustancialmente. E se impón a maioría como regra de adopción de acordos nas materias proprias da antiga Comunidade Europea (o mercado común e máis a unidade alfandegaria). Por outra banda, as institucións autonómicas galegas poderán acodir aos Tribunais europeos e nace de vez unha política exterior europea, ben que coexistindo coas políticas exteriores de cada un dos Estados.
Con ser importante este avance, existen sombras dabondo para calquera federalista europeo que mire ao mesmo tempo polos dereitos e intereses de Galicia. Dende a Acta Única Europea o avance institucional cara a unidade europea ten sido constante. En troques, hai analistas que pensan que a partires de aquí a propria rixidez do texto do Tratado Constitucional pode bloquear a evolución da UE. O sistema de toma de decisións (maioría para as económicas, unanimidade para as reformas fiscais e laborais) pode impedir de feito a toma de decisións na construción dunha Europa social, permitindo que as diferenzas nas condicións fiscais e laborais xoguen a prol da deslocalización das actividades empresariais entre unhas e outras rexións da UE, cousa que non é posibel, por exemplo, polas diferenzas da lexislación ambiental, onde rexerá a regra da maioría. E a participación de Galicia nas institucións esenciais da UE dependerá da propria normativa española, sen se garantir no texto do Tratado Constitucional.
Xa que logo, é comprensibel a división de opinións no seo das forzas nacionalistas que integran GALEUSCA a respecto da proposta de voto cara ao referendun de febreiro. Uniò ten apostado xa polo "si crítico", o Congreso de Convergência amosou unha maioría contraria á Constitución (contra da opinión do cabezaleiro da lista de GALEUSCA, o eurodeputado Ignasi Guardans) malia que, en último de contas, confiara a decisión no seu "Consell Nacional" e no PNV andan máis ou menos polas mesmas, malia que o seu presidente, Iosu Ion Imaz, tente achegar aos seus compañeiros ao carreiro do "si" crítico. Os nacionalistas galeses do "Playd Cymru" apostan polo si, apoiándose na construción europea para facere medrar a súa autonomía fronte a Inglaterra. E, pola súa banda, o Consello Nacional do BNG aprobou por maioría moi ampla (un 85% máis ou menos fronte a un 15% partidario dun "si" crítico) unha resolución que recomendaba proporlle á cidadanía galega o voto negativo. Porén, abriuse un proceso de decisión que segue arestora nos níveis comarcais da organización.
Esta resolución encetando este proceso de debate interno semella que ten atopado na militancia de base un meirande número de apoios ao "si" crítico ca os amosados no Consello Nacional. E foi-tamén- duramente criticada por Xosé Luis Barreiro, xustamente un dos coordenadores e voceiros precisamente do "Foro do novo Estatuto", composto por profesionais e intelectuais, a meirande parte independentes, que recebiron da Executiva do BNG o encargo de traballar na proposta dun novo Estatuto nacional para Galicia.
A crítica de Barreiro verdadeiramente foi desproporcionada e inxusta nas formas, porque o que si é impropio dunha organización nacionalista que queira ser alternativa de goberno é fuxir do debate e facerlle os coros á actitude acrítica do PP e do PSOE neste proceso. Asemade, a proposta aprobada no devandito Consello Nacional do BNG partía dun fondo estudo xurídico-político a respecto do texto, analisando científica e responsabelmente as súas avantaxes e inconvenientes, sen pecar de ideoloxismos e enfíando tamén cuestións estratéxicas que xa foron apuntadas nos debates previos do PNV e CDC (basicamente a inconveniencia de partillar diante da cidadanía o modelo da Europa dos Estados do PP e do PSOE).
Non embargante, a febleza relativa do nacionalismo político galego, nomeadamemente na insuficiencia das súas canles mediáticas para achegar unha mensaxe complexa á cidadanía e máis outras circunstancias, como a recente re-elección de George Bush (nemigo de calquera constitucionalización da Europa) ou a nómina europea de grupos a prol do "non" (dende todos os neofascistas aos euroescépticos, pasando pola Alianza Nacional do vicepresidente do Goberno italiano G. Fini, os conservadores británicos, variados grupos "neocom" até o proprio aznarismo dentro do PP-que non apoiará o non por razóns estratéxicas, a pesares de ter sido Aznar a principal pexa para a aprobación deste Tratado-), aconsellan darlle unha volta á decisión definitiva. Neste senso, unha decisión a prol do "non" pode server para illar socialmente ao nacionalismo galego e proxectar unha falsa idea de que o nacionalismo é incompatibel co europeísmo. Canto á necesidade de distinción da idea nacionalista de Europa fronte ás proprias ideas popular e socialista, un posicionamento político a prol do "si" crítico permitiría proxectar no electorado ao longo da campaña do referendum todas as eivas e disfuncións do Tratado Constitucional, sen os riscos de asumir un "non" que pode ser moi custoso politicamente, xusto no tempo no que Anxo Quintana constrúe un discurso identificado nos intereses galegos e que lle permite alianzas tácticas co PP na defensa do incremento dos investimentos para Galicia nos Orzamentos estatais ao tempo que partilla co PSdeG unha fronte opositora ao goberno de Fraga ( non máis nidia socialmente, precisamente, pola actitude esquiva e insolidaria de Touriño). Xusto no tempo no que o nacionalismo galego comeza xogar, ás veces, nunha posición central en varios dos debates políticos abertos na Galicia.
Asemade, varias das chaves para afortalar o papel de Galicia na Europa atópanse precisamente nos ámbitos estatal e autonómico e non dependen desta Constitución. A participación da Xunta nos Consellos de Ministro depende só da decisión estatal (os "lander " alemáns e austriacos e Flandres, Escocia e Valonia xa están a participar neles). E mesmo un hipotético recoñecemento do dereito á autiodeterminación dependería só da reforma da Constitución española. Deste xeito, unha posición de "si" crítico é moito máis compatibel coa decisión de ir cara adiante na substitución do actual Estatuto por un Estatuto de Nación e de tentar que a reforma constitucional española recoñeza de vez a plurinacionalidade do Estado.
Dubido moito, xa que logo, que aos intereses estratéxicos do nacionalismo galego lles conveña dar unha batalla perdida que só pode xerar illamento e incomprensión social. Cando a idea do nacionalismo galego a respecto da Europa que quere e máis a crítica ás miserias e eivas do Tratado Constitucional podían ser transmitidas con éxito á cidadanía a través dunha decidida campaña polo "si" crítico. Por iso, dende a ben alicerzada e matinada resolución contraria ao Tratado do comezo, non sería indesexabel que, unha vez rematado o proceso de consultas, a decisión do nacionalismo galego optase por lle dar un "si" moi crítico ao Tratado Constitucional. E logo seguir avante, cara ás reformas estatutaria e constitucional. E, sobre todo, cara a proxección, nas vindeiras eleccións autonómicas, dunha mensaxe galeguista de integración que constitúa unha real alternativa de goberno ao PP.
"Don´t spend your life in the house of the rising sun"(2).
Notas:
(1) e (2) The house of the rising sun. Eric Burdon&THE ANIMALS.