As anteolleiras debilitan a construcción europea

Apartados xeográficos Europa ARCHIVO
Idiomas Galego

Os maiores de 40 anos coñecemos os carros que empregaban os servizos urbanos de recollida do lixo que eran arrastrados por cabalos percheróns. Aqueles animais levaban anteolleiras para facilitar a súa conducción por rúas e estradas e, ademais, para impedir que o sufrido cabalo se desviase da rota ou se asustase debido ao paso dos automóbiles, ou a causa da troula de noctámbulos ociosos que se divertían acirrando e increpando ao animal. O progreso, aínda sería máis axeitado falar do abaratamento das máquinas e dos carburantes, xubilou aos percheróns e ás anteolleiras que, agás en momentos puntuais e para unha manda de casos, pasaron á historia. Mais hai outras anteolleiras.
Ao longo dos últimos anos, concretamente a partir de finais de 1995, o sempre necesario debate sobre a construcción dunha Europa estable, pacificada e pacífica e, sobre todo, economicamente rendible "este ultimo aspecto é o único que semella importar aos actuais dirixentes dos Quince- foi constrinxido e, pouco a pouco, viciado. Os creadores de opinión, cos aparatos de información oficial á cabeza, lograron que o rosario de debates que esixe a construcción europea quede reducido a dous: un, a reforma das institucións comunitarias para facer posible a ampliación "sobre todo a dos mercados- e, segundo, todo o relacionado coa producción e o comercio "a economía pola economía xa é substancia e corpo ideolóxico dos partidos maioritarios nos Quince-.

Sen dúbida, razoar e falar sobre e desas dúas cuestións obriga a tratar aspectos colaterais de indubidable calado. Así, por exemplo, a reforma dos órganos executivos, lexislativos e xudiciais da Unión Europea (UE) afecta ó conxunto das administracións públicas e mesmo aos sistemas de representación democrática de cada país socio. E debater sobre a actividade económica na UE implica pór en danza as subvencións, os aranceis, a Política Agraria Común (PAC), os rexímes especiais impostos a determinados sectores industriais, a competencia, a productividade, as lexislacións laborais e un longo etcétera de detalles que, pese ás aparencias, non son migallas nin asunto baladí.

Pero o interminable sumario de circunstancias, temas, preocupacións, necesidades, urxencias, plusvalías, equilibrios, ilusións, salarios, riscos, aspiracións, enfermidades, sentimentos, potencialidades, desencantos ou proxectos que comprende a chamada construcción europea foi reducido aínda máis e eses dous grandes asuntos (reforma institucional e economía) quedaron resumidos a senllos apartados: o reparto do poder nas institucións e o Pacto de Estabilidade e Crecemento (PEC).

Circunstancialmente "seica a modo de premeditada manobra de distracción-, os autores de tanta simplificación (léase Aznar, Blair, Chirac, Berlusconi…) sacan da chistera cuestións como a posibilidade de incluír o cristianismo na futura constitución europea; ou ben difunden o enésimo anuncio de que a UE disporá dunha forza militar propia; outro día lle rifan a Fidel Castro e 48 horas despois minimizan ou silencian os atropelos de Ariel Sharon e, coa outra man, lle envían millóns de euros á Autoridade Palestina para contentar a non se sabe ben quen; días despois asinan protocolos de sesgo ecoloxista (Kioto) e imposible cumprimento ou ben se esgazan as vestiduras polas matanzas de Timor Leste tras agardar durante anos a que Indonesia masacrara aos timores máis cultos e máis honestos. E o final, de volta ao reparto de poder e ao acientífico pacto de estabilidade.

Pero a cousa non fica aí. O de repartirse o poder político, cuxa negociación xa supón resumir o resumo dunha longa listaxe de cuestións que abranguen a reforma institucional, foi resumido "valla a redundancia ata o extremo de que xa só se fala de cifras e de proporcións que, por ende, son reinterpretadas vinte e cinco veces, tantas como a suma de países socios e futuros membros. En paralelo, o debate económico, que xa fora limitado a esfollar a margarita do pacto de estabilidade, é minimizado até extremos inusitados e xa só se fala de como e en que medida hai que reducir gastos (prestacións) para, por omisión, permitir que as plusvalías e as gurgullas (incluídas as inmobiliarias) sigan alimentado o producto interior bruto (PIB) e, de paso, afortalar a concentración de capitais, de dimensións prodixiosas e humanamente inxustificables (Nacións Unidas dixit.

Ningún dirixente económico da UE enunciou, nin sequera off the record (fóra de micrófono), as preguntas do millón: ¿que é máis desestabilizador para o sistema capitalista, unha poboación traballadora (incluídos pequenos empresarios e autónomos) que obtén rendas suficientemente altas para vivir de xeito folgado e gastar máis, ou un conglomerado bancario e financeiro cuxos beneficios medran ano tras ano en proporcións que cuadriplican y quintuplican o aumento dos ingresos medios do cidadán común?

Dito doutro xeito, ¿é certo que un aumento de salarios proporcional ao encarecemento da cesta da compra xera máis inflación có incremento desmesurado de dividendos que, ademais, apenas alimentan as reinversións en economía productiva?

As respostas son as que son. Non outras. Pero no actual proceso de construcción europea e reducidos todos os debates á mínima expresión, o rigor e a racionalidade oficiais obrigan a amontoar palabras sobre o reparto do poder e sobre o pacto de estabilidade, entendido este como un dogma relixioso.

Hai que aplicar o pacto de estabilidade a base de reducir o gasto público, ¡só o gasto público!, e con el as prestacións sociais. E hai que pactar unhas institucións comunitarias tan contablemente equilibradas que, a ser posible, ¡teñan as mans atadas!

Os maiores de 40 anos coñecemos as mentiras e intoxicacións que empregaban os servizos de reparto do lixo do rexime franquista para tranquilizar á cidadanía. Os que vivimos aqueles anos estabamos obrigados a levar anteolleiras para conducirnos con corrección nas rúas, nos centros de traballo e estudo, e nos nosos fogares. Así, coas anteolleiras, o rexime evitaba sufrimentos innecesarios.

O máis chocante é que aos que analizamos sen anteolleiras os avatares políticos e económicos da UE acúsannos de antieuropeístas. Curioso y paradoxal, porque nada é máis destructor que a esaxeración. O capitalismo egoísta fai máis dano ao sistema que a suma de nihilismo e estalinismo.

Os percheróns estamos dispostos a seguir tirando do carro, pero sen anteolleiras.