20040320londres carteis tony blair bliar mentireiro

As eleccións no Reino Unido

Apartados xeográficos Europa ARCHIVO
Idiomas Galego
Tony Bliar (mentireiro), clic para aumentar
Téndese a pensar que o descenso de Tony Blair debeuse a unha vontade de castigalo por terse aliñado con Bush na guerra do Iraq. Sen dúbida que iso foi un factor, pero non tería sido abondo. Despois de todo, os votantes laboristas non lle abrirían por iso as portas aos conservadores, que apoiaban por principio e non por acaso a guerra contra o réxime de Saddam Hussein. O decisivo foi o abuso de confianza do líder ao manipular información xustificativa da guerra sabendo que era falsa e insuficiente. Non foi tampouco a única vez que Blair abusaba da confianza, invocándoa en todas a dificultades normais na vida política, desde as subidas do prezo da gasolina até os desastres do transporte, a educación e a sanidade privatizadas. O que se revelou foi que o carisma do líder enmascaraba a continuación da política de privatización e egoismo dos gobernos conservadores. Ao cair o veo da confianza, desmoronáronse as esperanzas dun retorno a unha sociedade máis coherente e solidaria. E iso inspirou o castigo electoral.
 

Desde hai algún tempo vai resultando máis interesante nas eleccións perguntarse por qué as perdeu quen as perdeu que por qué as gañou quen as gañou. E por qué perdeu votos o gañador e aumentounos o perdedor. Din que as eleccións veñen revelando cada vez máis a crise da democracia de partidos e a perda de confianza e de interés do povo na política en moitos países. Din que existe a conciencia de que o que importa decídese allures. As sorpresas son poucas; os números son analisados unha e outra vez; as enquisas van matando conxecturas; a abstención mide desinterés e os intereses que importan xa se sabe cáles son e toman partido sen ter moi en conta os "partidos" e a súa cor ideolóxica, máis herdada do pasado que actuante no xogo do presente.

E, así e todo, resulta máis interesante nas eleccións destes tempos, e especialmente nestas do 5 de maio na Gran Bretaña, perguntarse por qué as perdeu quen as perdeu que por qué as ganou quen as ganou. E sobre todo por qué perdeu votos o ganador e aumentounos o perdedor. Cómo se gaña e cómo se perde é o máis revelador destas eleccións e o que nos permite abesullar no estado da sociedade que nelas se expresa.

A escea política, nos xornais, na radio e na televisión, semella a dunha derrota e non a dunha victoria, mesmo reducida, do laborismo. Nas entrevistas cós ganadores ouvimos disculpas e explicacións que, para quen as escoite sen saber os resultados, fan pensar nun desastre. E os sectores máis críticos do laborismo insisten en que hai que desfacerse tan axiña como se poida, do Primeiro Ministro que acaba de gañar o famoso terceiro mandato. Os perdedores, en troques, celebran o aumento dos seus escanos, tanto conservadores como demoliberais, e no caso dos primeiros prepáranse para as próximas con boas expectativas.

Tony Blair, nacido á vida política nos anos en que chegara ao cúmulo o cansancio e a irritación do povo británico có dogmatismo vandálico e a incompetencia confusa e viscosa dos epigonos do thatcherismo, absorbeu como un imán as esperanzas dese povo e revestiuse dun carisma excepcional. Había xa niso algo alleo ás virtudes tradicionais do eleitorado británico; moi destruido tiña que estar o tecido social pola política dos gobernos tories para que se poidese acudir ao carisma como remedio. Os líderes carismáticos xurden e medran en condicións anormais e é pouco menos que inexorábel que a vaga de esperanzas neles depositada reflúa e os arrastre á oscuridade da que proceden.

O cansanzo dos anos da revolución e disolución thatcheriana levaron ao trunfo espectacular de Blair en 1997. Envolto nesa enxurrada de popularidade e carisma iba un programa, o do chamado Novo Laborismo, encamiñado según se dicía a facer "elexibel" o partido, purgado de pendores esquerdistas e igualitarios e da influencia dos sindicatos. Un grande equívoco, que había de ter consecuencias graves, consumouse ao atribuir a victoria a esa transformación ideolóxica e non ao rexeitamento dos experimentos neoliberais dos conservadores. Non foi Giddens o arquitecto da victoriosa campaña, senón Campbell e Mandelson. Non o sociólogo requintado senón os despreocupados manipuladores dos medios.

Unha sana reacción social foi aproveitada polo oportunismo duns políticos avispados.

O Novo Laborismo, ou a Terceira Vía, como tamén se lle chamóu, foi a forma que adoptou na Gran Bretaña a adquisición de títulos, siglas e aparellos da tradición socialista polo capitalismo reeducado nas artes do consenso. Entrou no poder ese novo laborismo agochado na capa de supermán do Blair carismático. Pero a mensaxe cultivada até anoxar polo leader foi a da confianza persoal. "Fiade en mín, que todo ha ir ben". Un apelo impensabel na política británica até aquelas datas, que revela a descomposición criada polo thatcherismo, a destrucción da auténtica sociedade civil en proveito dun individualismo sen freos e, no fondo, iluso.

Os líderes carismáticos cavan a súa propria campa. Cando non hai máis que o apelo á confianza, perdida ésta perdeuse todo. E canto máis se invoca, contra vento e marea, máis se desgasta. A reducción daquela esmagante maioría en 1997 á ben máis pequena en 2001, agravouse en 2005 até o desastre, que non foi total porque a oposición tiña tamén o seu talón de Aquiles ben á vista.

Téndese a pensar que o descenso de Blair debeuse a unha vontade de castigalo por terse aliñado con Bush na guerra do Iraq. Sen dúbida que iso foi un factor, pero non tería sido abondo. Despois de todo, os votantes laboristas non lle abrirían por iso as portas aos conservadores, que apoiaban por principio e non por acaso a guerra contra o réxime de Saddam Hussein. O decisivo foi o abuso de confianza do líder ao manipular información xustificativa da guerra sabendo que era falsa e insuficiente. Non foi tampouco a única vez que Blair abusaba da confianza, invocándoa en todas a dificultades normais na vida política, desde as subidas do prezo da gasolina até os desastres do transporte, a educación e a sanidade privatizadas. O que se revelou foi que o carisma do líder enmascaraba a continuación da política de privatización e egoismo dos gobernos conservadores. Ao cair o veo da confianza, desmoronáronse as esperanzas dun retorno a unha sociedade máis coherente e solidaria. E iso inspirou o castigo electoral. O carisma resultou ser "mercantil", empacotado por expertos en imaxe e comercialización, e non resisteu o duro embate da política real. Un trunfo da política pode ser un dos resultados máis encoraxadores destas eleccións, por teren dado un camiño para expresar a desilusión dos electores en forma máis positiva e máis intelixente que a abstención pura e simple.

Esa desilusión dos votantes ten reflexo xa hai tempo tamén entre os parlamentarios do partido laborista. Nas dúas anteriores lexislaturas houbo rebelións á hora de aprobar lexislación controvertida. Esas rebelións, que podían tolerarse con amplas maiorías, non poden desprezarse agora, na nova distribución de forzas nas cámaras. Nas primeiras reunóns do partido despois das eleccións, tivo que escoitar Blair fortes críticas dos diputados "os que se salvaron por pouco de naufraxio" e incluso chamadas á dimisión urxente. As esperanzas deses diputados, e dos que esperan voltar ás bancadas dentro de catro anos, depósitanse agora en Gordon Brown, non só por semellar unha personalidade de trazos opostos á de Blair, senón tamén porque o bon desempeño da economía foi un dos poucos capitais rendabeis para conseguir seguir no poder. Pero hai xa fendas na situación económica, pois tamén aquí escamotéaronse problemas e dificultades que irán saíndo á luz nos meses vindeiros e comprometerán o relevo no poder, cando ese relevo chegue, si chega. Non serí a primeira vez que o delfín chega tarde demáis ou herda erros propios e alleos, como lle pasou a Anthony Eden no seu día.

Albíscase un ciclo no que ven sendo adiantada a Gran Bretaña. Aquí arrancou o neoliberalismo europeo, aquí tamén chegou o desencanto con ele. Nun xogo de mans frustrouse ese desencanto có engano neosocialista de Blair. E agora aparece o efecto demorado dese desencanto na maioría reducida, coa que o famoso "terceiro mandato histórico" convírtese na derradeira boqueada dun peixe en seco.

Hai tamén un ciclo de euroescepticismo, aberto no Reino Unido, pero acompañado xa noutros países, e moi sinaladamente na Francia, según vai quedando patente ao irse revelando a natureza espuria do proxecto federal europeo. O tema "Europa" non se tocou nas campañas de ningún dos tres partidos principais. Non porque pensasen que non tiña importancia, senón porque ningún deles ousou correr o risco de perder votos. Agora vese, analisando os resultados electorais, que os conservadores terían ganado boa parte dos votos que foron ao UKIP (Partido da Independencia do Reino Unido) por temor de que os conservadores non fosen antieuropeos abondo. E que os demoliberais non recolleron máis votos dos descontentos do laborismo que non querían votar conservador, por culpa da súa decidida e incondicional dedicación ao proxecto federal europeo.

Cabería preguntar qué foi o que faltou para que ese proceso de fracaso do blairismo non rematase na consecuencia lóxica de negarlle un terceiro mandato. A resposta é que sigue vixente o horror dos anos conservadores de 1979 a 1997. O goberno de Blair mantivo algún tempo a esperanza ilusoria dunha mudanza. Ese tempo foi moito, demasiado, pero non abondou para borrar a memoria daquel horror.

Ao contrario, indignou por prolongalo con panos quentes.

Os Tories foron ás eleccións con un líder que fora Ministro naqueles anos. Si Blair non era críbel, o mesmo lle pasaba a Howard. Os dous teñen un historial que os fai inaceptabeis. Non foi torpe a campaña de Howard, pero non podía atacar nin no terreo da inmigración, no que tanto se centrou, nin nos da educación ou a saúde, a un goberno que continou as políticas que inciaran aqueles dos que formou parte no pasado o propio Howard, e que en certos casos foran obra do seu ministerio, o do Interior. Mesmo na crítica do xeito en que Blair levou o país á guerra do Irak, xa que non do fondo do asunto, no que os conservadores estaban de acordo, apúxoselle que deberían ter sido máis exixentes no Parlamento e non aceptar a documentación manipulada con torpeza e os embustes do Primeiro Ministro.

A seguir das eleccións, Blair tivo grandes dificultades para formar o novo Goberno. A fraqueza da súa autoridade nas novas circunstancias foi evidente. Desde ministros ou ministras que non quixeron mudar de carteira e iren onde Blair os mandaba, para non se por a mal con Gordon Brown por si acaso, até outros que anunciaron que voltaban á casa despois de ser traídos como estrategas da campaña e que se supuña ganadores, como Alan Milburn. O que debía ter sido un episodo triunfal de comenzo dun terceiro mandato de significado "histórico", resultou ser unha escea de vodevil.

Howard, pola súa banda, dimitiu a plazo e irase antes do Nadal, para preparar até entón a nova equipa de dirección. O ambiente foi de trunfo, pois había que celebrar ter gañado 33 escanos novos mentras Blair perdia 47, e ter conseguido un desplazamento de votos do 3 % dos laboristas ao seu partido. En Inglaterra, foron máis os que votaron Tory que os que votaron Novo Laborismo.

Eses votantes descontentos e insatisfeitos non teñen de momento ninguén en quen depositar toda a súa confianza para conducir unha política de progreso, pero non encaixada nese floxo consenso euro-socialdemócrata que é máis de símbolos e concesións á moda que de enderezamento dos tortos sistemas que crían inxusticia social e internacional. En 1997 creron no que, aínda que se chamase Novo Laborismo, pensaban que levaba consigo as nobres aspiracións sociais do laborismo de sempre, asisado pero implacabel na ética do socialismo humanista dos fabianos e a solidez do enraizamento sindical. Nunca pensaron que podería ser desvirtuado tanto como o foi nos oito anos de poder blairista. Por iso castigaron a Blair, e non só pola guerra do Iraq. Algúns, seguramente non todos, talvez esperen outro camiño de Gordon Brown. Pero non hai que esquecer que Brown esteve nas orixes do proxecto neolaborista. Esta chamada de atención indica, en todo caso, que pasaron os tempos do engano. E que non abonda con chamarse laborista, socialista ou socialdemócrata para satisfacer as aspiracións de moitos que non se contentan con non votar pola "direita". O laborismo está avisado. Si non responde, xa veremos por onde se encamiña a esquerda. Oxalá den rematados os tempos dos xestos e comecen os da política auténtica.