As rexións do Arco Atlántico: Argyll & Bute

Apartados xeográficos Europa ARCHIVO
Idiomas Galego

Argyll ocupa un lugar senlleiro na historia de Escocia, visible aínda no val de Kilmartin, no Mid Argyll, que abrangue a paisaxe prehistórica máis rica de Escocia. Máis tarde, desenvolveu un papel clave na formación da nova nación escocesa a través do reino cristiano de Dalriada, no 500 a.C, e moito despois, a principios do século XX, viviu o seu breve "Indian Summer", ou veranciño de San Martiño, a través da industria moderna, o desenvolvemento urbano e o comercio turístico. Se ben a evolución foi interrompida entre as dúas guerras mundiais, o local coñeceu casos, coma o de Dunoon (base submarina norteamericana), nos que se deu un boom temporal, tamén moi relacionado co acontecer histórico.

Hoxendía a cultura de Argyll & Bute é, certamente, moderna e de pensamento adiantado, aspecto que non impide que a maioría das súas comunidades reteñan fortemente a conciencia da súa particular historia e herdanza cultural. Isto é certo en todo o territorio, de grande diversidade: nas illas onde aínda se fala o gaélico; nas turísticas vilas costeiras, ou nas novas áreas que medran ó redor de Helensburgh e Lomond, urbes principais que se desenvolven en maior ou menor medida na órbita de Glasgow.

Segundo a reorganización do Goberno Local, o Consello de Argyll & Bute fórmase o 1º de abril de 1996, abranguendo dende entón catro áreas descentralizadas (Cowal e Bute; Helensburgh e Lomond; Mid Argyll, Kintyre&Islay; Corn&the Islands) con Comité propio. Substancia da reorganización é que os servicios son xestionados segundo bases descentralizadas en cada área, atendendo ás diferentes necesidades dun territorio clasificado no urbano, rural, illas e, mesmo, remoto, pezas de difícil ensarillamento no puzzle xeográfico.

A rede urbana de A&B gravita sobre 6 cidades principais (Campbeltown, Dunoon, Helensburgh, Lochgilphead, Oban e Rothesay), 4 medias, e unha vila satélite, que actúan como asentamentos clave, proporcionando economías de escala para o emprego e os investimentos, locais e estranxeiros. De entre elas, é Helensburgh, con 15.232 habitantes, a que semella estar mellor posicionada gracias, en parte, a unha situación xeográfica favorecedora, que fai que se beneficie dunha ampla gama de empresas, servicios e relacións coma conurbación de Glasgow, da que é unha sorte de arrabalde esencialmente selecto.

O control do desenvolvemento, moi apoiado nas políticas británicas, non é cuestión fútil nunha rexión que debe protexer e valorizar unha enorme herdanza de recursos históricos, arquitectónicos e culturais, con potencial mesmo de acada-lo estatus de Patrimonio da Humanidade no caso do Kilmartin Glen. Mesmo tratamento reciben o plano de costas, a agricultura e a enerxía.

Prexudicada aínda por políticas comunitarias non axeitadas, a industria local da agricultura e as plantacións forestais continuarán a desenvolver un papel crucial na comunidade rural e na xestión da terra. Para o Consello, a terra mesma é un recurso natural ó que cómpre lle dar valor, ó mesmo que ocorre coa abundancia de auga e vento, que o Consello inclúe nun moi completo plano nas enerxías renovables, capacitándoas para fornece-la demanda local e atender á británica.

Resta aínda a pesca coma unha das industrias importantes, moito máis dende que os barcos que faenaban en alta mar e maila distribución, deixaron de depender de Glasgow. A mellora das estradas e os transportes serve necesariamente ó achegamento do noroeste, na boca da Canle Caledoniana, e tamén a Campbeltown, no cabo da longuísima península de Kintyre, separada por poucos quilómetros das costas de Irlanda do Norte. Só a multitude de illas, as Bute, Jura, Islay, Arran… seguen, necesariamente, a depender do transporte marítimo, hoxe a través de veloces ferris.