Liñas de investigación Relaciones Internacionales
Apartados xeográficos China y el mundo chino
Idiomas Galego
- 1. Os Xogos de Inverno Beijing 20202 desenvolvéronse entre o 4 e o 20 de febreiro, nun ambiente enrarecido pola tensión na sociedade internacional coa crise entre Ucrania (e a OTAN) e Rusia. Alén deste factor de contexto extraordinario na atmósfera olímpica, que os Xogos se programaran e desenvolveran en pandemia foi outro elemento histórico. Tamén foi consenso transversal nos titulares arredor do globo, que os esforzos tecnolóxicos e verdes por parte da organización brillaron para enmarcar as mensaxes da China ao mundo. E da mesma maneira, a estratexia da Covid 0 chinesa amosou sen ambiguidades a firmeza do timón arredor da xestión da fase actual da crise santiraria.
- 2. Os Xogos finalizaron cunha ceremonia de clausura tan ou máis vistosa que a inaugural. As grandes gañadoras dos Xogos foron, Noruega, que triunfou no medallero co ouro, Alemaña coa prata, e China, que conseguiu un moi especial bronce (en Pieonchang 2018 alcanzou a 17ª posición) por diante dos USA, un dos tradicionais dominadores e que nesta ocasión remataron en quinto lugar. Aínda que os Xogos de Inverno non teñen o alcance dos de verán, primeiramente polo número de disciplinas e deportistas envolvidos, os datos de audiencia televisiva a nivel global, así coma o éxito organizativo e loxístico, levaron a afirmar ao COI o día antes da finalización dos Xogos, que estabamos antes os máis importantes da historia. Superáronse dez records do mundo, todos eles en patinaxe de velocidade.
- 3. Máis alá do evento deportivo, os Xogos comezaron de maneira espectacular. Unhas horas antes da ceremonia inaugural en Beijing; Xi Jinping tiña a súa primeira reunión presencial trala emerxencia da Covid-19 con outro líder internacional, Vladimir Putin. A declaración conxunta posterior é un texto moi importante para o comezo da época postcovid e un grao mais no saco cheo da renovación da amizade ruso-china da última década e o que isto implica en escenario derivados, como a Organización de Cooperación de Shanghái (OCS). Acentuado claro pola sincronía ucraniana. Na prensa europea o encontro formou parte do stress informativo da escalada armamentísitica entre a OTAN e Rusia. Querendo ou sen querer, a escalada na guerra híbrida entre a OTAN e Rusia en Ucrania opacou os Xogos coma acontecemento internacional, especificamente en Europa.
- 4. Aínda que os Xogos comezaron o 4 de febreiro, xa durante todo o 2021 e oficialmente desde o 6 de decembro, a adminitración estadounidense con Joe Biden á cabeza promoveu un boicot olímpico aos Xogos, diante da acusación de falta de compromiso de China cos Dereitos Humanos. O boicot diplomático anunciouse no marco da Cimeira pola democracia organizada polos USA, na estratexia integral de confrontación ou competición con China, xa sexa técnica, comercial, tecnolóxica, de guerra ou ideolóxica. O Comité Olímpico organizador agradeceu que o boicot non alcanzara a participación dos deportistas.
- 5. Durante o ano pasado, a especulación sobre unha posible toma de posición común da UE arredor dos Xogos e o boicot diplomático estadounidense foi unha desas incapacidades manifestas da familia comunitaria. Sendo imposible unha posición común cada Estado tomou a súa, acentuando máis ou menos a súa posición. No marco europeo, no que a posición de Lituania abríu unha fronte particular contra China, Alemaña participou finalmente do boicot, mais coma en outros escenarios de conflito entre USA e China, con declaracións contraditorias e tentando apurar un perfil diferenciado aos USA na súa conversa coa China.
- 6. España, participando ata o final do grupo de Estados que aspiraba a unha posición común da UE, acabou por non apoiar o boicot. Aínda que durante a celebración dos Xogos Pedro Sánchez non acudiu a inauguración, si que Miquel Iceta, Ministro de Cultura e Deportes, visitou China, ofrecendo declaracións de aliñeamento completo co espíritu olímpico, lembrando que España nunca participara nun boicot desa natureza, e que os Xogos estaban a ser un exemplo para o mundo. De calquera manera, sorprende revisar a prensa española e ver a casi nula presenza da visita do Ministro a Beijing, onde ademais España conseguiu uns bons resultados deportivos, conseguindo alegrías para a súa delegación. Constatouse que o boicot foi máis tema de conversa na UE durante o 2021 que durante a celebración dos Xogos e mesmo en relación aos Xogos de Beijing do 2008, as manifestacións controvertidas foron menores. O xornal español El País titula a día 21 de febreiro ”Éxito diplomático e sanitario: China clausura los Juegos de Invierno de Pekín con sus objetivos políticos cumplidos”.
- 7. En Portugal o escaso pulo dos deportes de inverno, sumado ao rebumbio posteleitoral e a crise informativa nas disputas entre Rusia e a OTAN, minimizou aínda máis a coberturas dos Xogos. Tan só a polémica por un suposto apoio do boicot de Portugal aos Xogos difundido por CNN Porugal, logo desmentido polas autoridades, lembrou coma reflexo as contradicións da UE e os seus Estados membro para posicionarse nos pulsos entre os USA e a China.
- 8. Así as cousas, ademais dunha nova demostración das dificultades da UE en política exterior e das capacidades en todos os ámbitos da China, os Xogos de Beijing 2022 déixannos na súa sincronía coa crise da OTAN con Rusia, a desilusionante constatación do deterioro das relacións na sociedade internacional da Covid-19.