Tralas visitas a Letonia e Xeorxia, George W. Bush declarou que Belarús é a última ditadura de Europa. ¿Un aviso? ¿Unha premonición sobre unha nova "revolución" noutra antiga república soviética? Despois das declaracións de Igor Ivanov, ministro de Defensa ruso, afirmando que as "revolucións" de Xeorxia, Ucraína e Kirguizistán non tiñan nada que ver coa democracia, compre estar preparados. Basicamente porque algunhas informacións argumentan que Estados Unidos ten moito que ver nestas revoltas populares e porque Rusia non parece disposta a seguir cedendo terreo no seu espazo xeopolítico máis próximo.
Á recente xira da secretaria de Estado Condoleeza Rice por Rusia e as ex repúblicas soviéticas, exhibindo presións a Belarús para que tornase de actitude e mantendo conversas cos opositores deste país, seguiron os consellos de Bush, quen dixo existir unha necesidade de liberdade para Minsk. A batería dialéctica, combinada co apoio efectivo aos movementos críticos do interior e a presión internacional, preparan o escenario dunhas eleccións presidenciais, a celebrar en 2006, que poderían afianzar un cambio político. Bush asegurou que ía traballar cos países da rexión para garantir que as eleccións sexan totalmente libres. Estes países veciños son principalmente os bálticos, Estonia, Letonia e Lituania, os cales coincidiron co presidente de Estados Unidos no apoio á democratización belarusa.
Para calmar a Putin, Bush asegurou que Rusia debería ter países limítrofes cun goberno democrático. Na visita a Moscova con motivo do aniversario da fin da Segunda Guerra Mundial, EEUU evitou explicitar demasiadas diferenzas con Rusia, tendo en conta que as prioridades agora non parecen ser os dereitos humanos ou a saúde democrática do réxime de Putin.
De todas formas xa comezan a avisar de que as eleccións do ano que ven en Belarús deben ser democráticas. É toda a mesma retranca repetida cara outros países que xa tiveran cadansúa revolución democrática tralo afundimento da URSS. Steve Hadley, do Consello de Seguridade Nacional estadounidense, dixo que hai tres exemplos de Estados que están a demostrar o seu valor polo traballo que fai Estados Unidos cara o avance da súa liberdade: Afganistán, Iraq e Belarús. Algo preocupante se temos en conta que tanto Afganistán como Iraq foron invadidos por tropas estadounidenses.
Este panorama anuncia fortes presións cara Belarús e o seu actual presidente, Aleksander Lukashenko, quen está no poder dende hai once anos. Lukashenko chegou a comentar que intentará manterse á fronte do país, polo menos, ata o 2010, gañando as próximas eleccións presidenciais.
É ben sabido que Lukashenko é un dos presidentes máis cuestionados das antigas repúblicas soviéticas, pero as presións internacionais están encamiñadas a lograr o que a oposición debilitada non pode: un cambio de goberno, sobre todo despois do polémico referendo que, no 2004, gañara o presidente Lukashenko e que fora denunciado, pola oposición, EEUU e a Unión Europea, como un fraude. Este referendo permitiu a Lukashenko a continuidade no poder sen importar o número de mandatos que repita.
Se ben é certo que o presidente Lukashenko promove unha política de corte personalista, e que a represión e o peche dalgúns medios opositores ao goberno é unha das prácticas máis seguidas en Belarús, cómpre ser escépticos respecto do interese real das preocupacións exteriores, quizais máis debedoras dos cálculos xeopolíticos que do benestar desa cidadanía, tan frecuentemente manipulada primeiro e ignorada despois unha vez conseguida a instauración dun poder máis afín. O cambio debera producirse desde dentro.
Un documento do Parlamento belaruso subliña qué medidas unilaterais contra a soberanía doutro país desacreditan o principio da observación dos dereitos humanos por parte da sociedade internacional. Ademais, o Parlamento advirte claramente da falta de perspectivas no uso da defensa dos dereitos humanos por parte de Estados Unidos para promover intereses políticos e económicos a costa doutros países.
As causas poden ser distintas, pero os resultados sempre son os mesmos. O cambio dun réxime autoritario e/ ou anti-occidental cara un goberno pro-occidental prodúcese grazas ó triunfo da oposición por medio duns comicios ou pola imposición duns grupos opositores ó goberno. Velaí o termo de "revolucións de veludo", as revolucións pacíficas que viran os países que antes estaban no círculo próximo ás políticas rusas cara ás políticas occidentalistas.
Lukashenko xa avisou que non espera nin revoltas nin actos violentos para os próximos anos, polo que tratará de contrarrestar todos os alzamentos na súa contra preparando os medios adecuados, incluida a represión. Non hai dúbidas tampouco sobre a posibilidade de que o influxo estranxeiro para o cambio político vai ser particularmente intenso o ano que ven, nas elecións presidenciais.