Berlusconi, Chirac e a blindaxe de Estado

Apartados xeográficos Europa ARCHIVO
Idiomas Galego

Como unha "fiestra sempre iluminada", -aquí, outrora, "Lucecita del Pardo"- Silvio Berlusconi, presidente de Goberno entre outras ocupacións, pensa a Italia do 2006 e a si mesmo, namentres os demáis dormen. O seu mandato remata na primavera de 2006, e así: "pretendo presentarme para gobernar outros cinco anos este país. Pero se facémo-la reforma institucional, e goberna-lo país significa converterse en presidente da República, sacrificareime". Para Berlusconi non é un posto competitivo arestora a xefatura do Estado "figura de consenso con encargo arbitral, cerimonial e simbólico", encarnada en Carlo Aceglio Ciampi, que tamén finaliza mandato no 2006.

Na reforma que está a prepara-lo goberno da Casa das Liberdades (Forza Italia, Allenza Nazionale, Lega Nord, UDC), as funcións do presidente da República son ben distintas. Previa reforma eleitoral para a elección directa do presidente, implica a asunción de poderes de goberno efectivos e directos: nomeamento e revocación do primeiro ministro independentemente da confianza do Parlamento; nomeamento de ministros; participación do líder indiscutible nas reunións do goberno; poder para disolve-las Cámaras; inmunidade parlamentaria; avocación a si mesmo da política exterior e da defensa.

O outorgamento de máis poderes ás rexións, en pagamento á Lega Nord de Bossi, en tanto que lixeiramente federalizante, vén preparando o terreo á reforma presidencialista, -estandarte doutro socio, a Alleanza Nazionale de Fini-. A reforma do sistema xudicial vai dirixida a acada-la inmunidade do propio Berlusconi e á conservación do seu monopolio mediático. Tamén podería haber causas penais; non é o caso de penar por xulgados como Andreotti, sete veces primeiro ministro, e agora condenado por ser instigador de asasinato.

O cuarto socio, a UDC (herdeira da Democracia Cristiá) sube nas enquisas de intención de voto intrabloque coa mesma velocidade coa que se confirma un gradual transvasamento no eleitorado de dereita cara o centro -namentres baixa a Forza Italia de Berlusconi-. Tamén, por iso, e escurecido o protagonismo do seu Congreso anual pola autocandidatura de Berlusconi á xefatura do Estado, o seu lider Cassini, presidente do Parlamento, púxose, protector, a carón do presidente Ciampi, a quen os ataques verbais de Bossi á xefatura do Estado, a primeiros deste decembro, puxeron nunha delicada situación institucional. Cunha manifesta carraxe, lembrou pasados favores e esperou a rectificación do goberno, obtendo a autocandidatura, sacrificio polo país, de Berlusconi.

Porque, de saír adiante o plan de Berlusconi -que malia supór a reforma da Constitución, aprobariase coa soa maioría gobernamental, convidada a Oposición "só se deixa de insultar"-, en 2005, como tarde, poderían ter lugar as primeiras eleccións á presidencia a República. Ciampi veriase obrigado a demitir se, como instigan Berlusconi e Bossi, non o fai antes. A proxectada Italia 2006 arrincaría con Berlusconi como presidente da República (ata 2013), e Fini como primeiro ministro (ata 2011?).

Máis alá do que é percibido estes días en Italia como un desafío implícito a Ciampi, convén lembrar que Berlusconi xa se ten travestido de xefe de Estado en varias ocasións.

Por tradición, nos momentos graves da República, a Mensaxe á Nación vén dirixida polo presidente da República, prescindindo de primeiros ministros que non representan, certamente, ó Estado. Hai xusto un ano, durante os sucesos de Xénova, Berlusconi lanzou unha apelación televisiva á nación para dicirlles ós italianos que o seu Estado é un Estado de Dereito, que á policía non se lle poden pedir contas, e que os antiglobalización son uns facinerosos. A maxistratura está agora esclarecendo que entre os máis facinerosos estaban tamén os representantes das forzas da orde, e que por máis de un día estiveron suspendidas as garantías constitucionais.

Máis recentemente, con ocasión do asasinato de Marco Biagi, Berlusconi volveu apropiarse da Mensaxe á Nación. Televisado en directo por públicas e propias, con escenografía presidencial, estableceu unha explícita relación entre os terroristas que asasinaron a Biagi e o sindicato que estaba convocando unha manifestación (ó día seguinte, 3 millóns de persoas) na defensa dos dereitos dos traballadores.

En ámbolos casos, mensaxes que adiantaban xa a candidatura para unha reforma presidencialista feita por e para si. Unha reforma que, no seu maxín, ten pasado por varios modelos, obviando o obvio; que na historia institucional e política italiana é asimilable ó plebiscitarismo mussoliniano. Tipo americano (1995); francés (1996); novamente americano, pero máis ben "como un Chirac cos poderes de Blair", di no 2002 o gran estadtista.

A Chirac, o único home que pode competir con Berlusconi nos Concellos Europeos en canto ó número de causas xudiciais pendentes, tamén lle preocupa o seu futuro. O presidente de Francia é intocable durante o seu mandado pero, claro, podería deixar de ser presidente.

Na preparación tamén dunha reforma constitucional, un comité de xuristas vén de impoñe-lo criterio de inmunidade e a inviolabilidade completas -ninguén poderá somete-lo xefe de Estado a procedemento ningún, nin penal, nin civil, nin administrativo-. Hai un prezo: que o Parlamento teña capacidade de destituílo en caso de "falla grave ós seus deberes". O esencial, din os autores do informe, "non é condenar ó presidente polas infraccións que puidese ter cometido, senón apreciar se, á vista do seu comportamento ou das súas actuacións, pode seguir exercendo dignamente as súas funcións". Pois ben, tamén de saír adiante esta proposta, Chirac, que vén escapando á xustiza a través de encadear xefaturas de Estado, pode ata desexar que o Parlamento o considere "indigno", e así non ter que ver diante un xuíz na súa vida.

Os comités de sabios de ámbolos dous países, pensan moito no escándalo que pode supór para o Estado ver un presidente na bancada; moi pouco na vergoña que un candidato con causas civís, penais, ou administrativas, poida chegar a ocupar os seus máximos cargos.

Berlusconi e Chirac, en fin, pensan como poqueristas: ó que caia. Con maioría parlamentaria detrás, a carta do Estado é unha blindaxe vitalicia.