En plena crise con Xeorxia, esta semana producirase a esperada e singular inversión dos máximos cargos de representación e goberno en Rusia: Medvedev pasará a desempeñar como presidente e Putin comezará a exercer como primeiro ministro, un novo reparto de papeis e funcións que esperta tanto curiosidades como incertezas respecto da capacidade de conciliación de ambas figuras, hoxe instaladas nunha dinámica de manifestación de lealdades mutuas e inquebrantables pero que podería diluírse moi pronto se Putin, como algúns aventuran, aposta mesmo por un cambio efectivo de réxime que permita reforzar as súas competencias fronte ao novo presidente, quen, por outra banda, podería ofrecer algún tipo de resistencia se esa remodelación adquire matices ata humillantes ou se evidencian recortes que non estea disposto a encaixar. Rara vez estas componendas sucesorias saen tal como se programaron polos seus artífices.
Putin, afirmando o seu liderado no partido presidencial Rusia Unida e na administración territorial, quer contar con recursos competenciais e mecanismos de poder suficientes para atenazar a Medvedev no caso de que este se aveña ás intrigas palacianas, unha constante histórica na corte moscovita que agora podería reproducirse como consecuencia da influenza dos grupos de interese das elites empresariais, burocráticas, militares e dos aparellos de seguridade que circundan os muros do Kremlin. Son estes, de costas á maioría social, os que determinan as principais políticas do réxime. Medvedev, en aparencia un mandado obediente e submiso, podería verse tentado de imprimir un selo propio a un mandato singular nun tempo histórico delicado, xustamente cando Rusia enfronta un escenario europeo e global con importantes desafíos para afirmar os seus intereses estratéxicos, asegurando a súa condición de primeira entre as segundas potencias, unha posición hoxe seriamente ameazada tanto pola emerxencia chinesa como pola ofensiva occidental no seu entorno próximo.
Entre os cálculos palacianos, as estratexias globais e as ambicións subxectivas, queda un amplo espazo interno para as sorpresas e para alentar con elas unha inestabilidade política que hoxe, non obstante, á vista da tupida rede tecida por Putin e o aglutinante nacionalista das súas políticas semella remota. Pero cómpre estar preparados para o contrario.