Bicentenarios

Cumpre observar con atención a actual conxuntura nas relacións entre América Latina, España e Europa, a raíz da recen oficializada inauguración en Madrid dos actos conmemorativos para os Bicentenarios das Independencias Iberoamericanas, eventos que se realizarán entre 2009 e 2024.

Este momento supón un aliciente para reformular as relacións transatlánticas, especialmente ante os cambios políticos que están experimentando os países latinoamericanos e a diversidade dos seus modelos autóctonos de integración. Así, América Latina acelera unha “segunda independencia”, con voz propia e peso específico no mundo do século XXI.

O continente latinoamericano concentra a países considerados “potencias emerxentes”, como Brasil e México así como outros actores cunha activa política exterior global, tal é o caso da Venezuela de Hugo Chávez. Con isto, o ascenso democrático ao poder de movementos sociais autóctonos, do que o factor indixenista xoga un papel preponderante, define un perfil político específico para o mundo latinoamericano.

Paralelamente, a rexión comeza a ser observada con maior interese por outros actores globais como China, Rusia e Irán, definindo políticas de cooperación económica con aspectos de carácter xeopolítico e militar claramente dirixidas á conformación de bloques multipolares de poder.

Sendo a actual América Latina un fervedoiro de ideas de integración, plasmada na pluralidade dos seus organismos, a Unión Europea experimenta unha incerta parálise no seu proceso de integración, atenazado polo espectro da crise económica global, a recesión e o desemprego. Igualmente, é visible o estancamento de determinados marcos de cooperación entre a UE e América Latina, como é o caso de MERCOSUR.

As case dúas décadas á vista que levarán os actos dos Bicentenarios servirán de fase temporal para pulsar o futuro inmediato de América Latina e Europa. Un tempo en que o sistema internacional presentará unha sensible variación de poder, manifestada polo ascenso de Asia, con epicentro en China, e a diminución da secular hexemonía occidental. Unha orde multipolar onde ambos continentes deberán definir as súas cartas. 

E tamén é o momento propicio para medir o compromiso histórico e cultural europeo cara os países latinoamericanos. Un contexto no que Galicia debería afirmar resortes de aproximación mais eficaces e directos, basicamente identificados na súa numerosa diáspora. Merece así deseñar unha visión institucional mais definida e concreta, desprovista de obstáculos trazados por conxunturas económicas ou prexuízos políticos. Pode que os Bicentenarios concreten unha nova relación, mais equitativa e equilibrada.