Unha análise de Alexandre Rey Parrado, estudante en prácticas (USC)

Bienio negro para O Salvador

A espiral de violencia que sacude O Salvador, especialmente cruenta nestes últimos dous anos, volve a poñer de manifesto a incapacidade do seu sistema político e xudicial ante un fenómeno que se perpetúa no tempo. Os homicidios rexistrados durante o período 2015-2016 (103 por cada 100.000 habitantes e 80,9 respectivamente) devolveron a este pequeno Estado centroamericano o tráxico título de “Estado máis violento do mundo”.

Liñas de investigación Relacione Internacionales
Apartados xeográficos América Latina
Idiomas Galego

A espiral de violencia que sacude O Salvador, especialmente cruenta nestes últimos dous anos, volve a poñer de manifesto a incapacidade do seu sistema político e xudicial ante un fenómeno que se perpetúa no tempo. Os homicidios rexistrados durante o período 2015-2016 (103 por cada 100.000 habitantes e 80,9 respectivamente) devolveron a este pequeno Estado centroamericano o tráxico título de “Estado máis violento do mundo”.

Ante este desalentador contexto, o goberno de Salvador Sánchez Cerén (da Fronte Farabundo Martí para a Liberación Nacional, FMLN) iniciou unha campaña destinada a conxurar dende varios flancos ao principal causante desta espiral de violencia: as maras. Sen embargo, dita estratexia atópase demasiado enquistada en vellas premisas e prácticas xa demostradas como pouco eficaces. O ensimesmamento en accións belixerantes, fronte a outras que mitiguen o contexto socioeconómico no que estas organizacións atopan o seu espazo, así como a carencia dun ámbito xurídico competente e de iniciativas de intelixencia estratéxica, parecen conducir cara dinámicas xa experimentadas.

Inmerso neste clima, nun lume cruzado entre organizacións para-estatais e o propio Estado, atópase un segmento importante da poboación, especialmente nas zonas menos favorecidas: dunha banda, subxugados pola actividade e presenza pública das maras e, pola outra, vulnerables ante os abusos dos corpos de seguridade e desprotexidos por unhas institucións sen capacidade para garantir os seus dereitos e a súa integridade.

Tradicionalmente, a opción de referencia quedaba relegada á emigración cara os EUA (existían certas facilidades administrativas) máis esta situación mudou recentemente, coa redución do 50% no número de concesións de asilo para este ano fiscal, polo que as perspectivas de futuro non parecen nada alentadoras.

Violencia e políticas continuistas

Os dous últimos anos rexistraron unhas cifras de homicidios certamente desalentadoras, pese a ser un país relativamente “acostumado” a altos índices de violencia: os máis de 6.000 mortos en 2015 e os preto de 5.300 de 2016 alcanzaron cotas nunca vistas. Os motivos abarcan un amplo abano, pero cobran especial relevancia dous sucesos: a fragmentación dunha das “pandillas” (Mara18 e 18 Revolucionaria), desatando unha “guerra civil” no seo da organización; e o crecemento paulatino e imparable destas organización ante a inacción das elites sociopolíticas do país. 

Sen afondar demasiado neste último punto, resulta necesario resaltar a histórica falta de vontade (ou polo menos incapacidade) política e social para realizar inversións de relevancia na conxuntura que alimentan esta problemática: falta de acceso á educación, sanidade, desenvolvemento laboral e plans económicos, abandono de zonas urbanas marxinais, dependencia da economía asistida (remesas) etc.

A resposta do executivo salvadoreño traduciuse, unha vez máis, no uso de políticas de “man dura”, centradas na confrontación cos grupos criminais. Se ben é certo que se introduciron algúns novos enfoques, como incomunicación de líderes mareiros (illamento en centros especiais e a interrupción dos sinais de cobertura de telecomunicacións)(1) ou programas de reinserción dentro dos penais.

Dende a posta en marcha deste novo esquema, en abril de 2016 produciuse unha baixada relevante no número de homicidios rexistrados, algo que o director da Policía Nacional Civil (PNC), Howard Cotto, pronto vinculou co éxito destas medidas. Na mesma liña “triunfalista” móstranse dende o goberno central, sen embargo parece demasiado pronto para facer balance do seu éxito. Existen numerosos rexistros de ordes emitidas polos líderes das clicas (células) para paralizar temporalmente os enfrontamentos, alén doutras directrices destinadas a rebaixar os índices de violencia en prol dunha diminución da presión gobernativa.

A relevancia que poden ter estas instrucións pode observarse na tregua fixada en 2012-2013 (entre Mara Salvatrucha-MS13 e Mara 18) que reduciu os índices de violencia a mínimos históricos, polo que non debería restárselle importancia a este factor. Por ver queda a duración desta “tregua unilateral” e o que pode significar dito parón, pois no último armisticio traduciuse nunha reorganización e rearme destes grupos.

Sexa como for, resulta patente a tendencia descendente da violencia neste comezo de ano: 493 homicidios entre xaneiro e febreiro, un 65% menos que en 2016. Sen embargo, e pola contra da redución da violencia mareira, o incremento das accións policiais e a militarización destas (inclusión de 1.000 reservistas ou creación de Forzas de Reacción Rápida)(2) está a reportar numerosas accións indiscriminadas, con pouca tendencia a aparecer nos rexistros e a negación do Ministerio de Xustiza e Seguridade Pública (MJSP) e PNC: vulneración de dereitos, detencións arbitrarias e execucións extraxudiciais(3)

Completan o esquema as debilidades do sistema xudicial; dende a falta de regulacións efectivas para a problemática imperante ata a mala praxe e contaminación do propio sistema. Resolucións como a da Corte Suprema de Xustiza (2015), na que se cataloga as maras coma “grupos terroristas”, o cal endurece as penas por vinculación ou pertenza, continúan a tendencia de masificación dos centros penais. Pola contra, a Fiscalía tan só consegue levar aos tribunais 1 de cada 10 homicidios (2015) e existe unha escasa ou nula atención aos abusos e execucións extraxudiciais das forzas de seguridade.

Novas ameazas e difícil saída

Esta sorte de “calma tensa” establecida dende fai uns meses non ten visos de durar indefinidamente, e aínda que a estratexias triunfase e as maras desapareceran do mapa (escenario certamente improbable), os espazos baleiros existentes no tecido socioeconómico dos estratos máis vulnerables, pronto serían ocupados por novos actores violentos. A experiencia obtida en escenarios similares invita ao escepticismo, polo que a situación podería empeorar antes de mellorar.

Nesta liña empezan a escoitarse voces de aviso e a observarse indicios de novas e vellas ameazas. Cada vez son máis evidentes as actuacións de “escuadróns da morte”, moitos vinculados con membros de corpos de seguridade, que levan a cabo matanzas contra supostos pandilleiros e familiares. Tamén resultan preocupantes os reportes sobre prácticas asociadas a estratexias de terrorismo (aínda en fase larval), como a colocación de artefactos explosivos fronte a edificios gobernamentais(4).

De continuar esta tendencia, estableceríase o clima propicio para o xurdimento das denominadas “autodefensas” (como en Colombia ou México) e do que poden implicar en termos de violencia.

Dende a perspectiva da poboación en risco, a falta de recursos e garantías para a protección de persoas ameazadas é bastante evidente, especialmente as perseguidas por refusar o pago de extorsións, colaborar coas institucións de seguridade ou negarse a participación (de múltiple índole) nas actividades das maras. Os propios organismos públicos recoñecen esta incapacidade, tanto para o reasentamento de individuos e familias en perigo en zonas seguras, como para ocultar as súas identidades. 

Coa rebaixa dos programas de visados dos EUA (para este ano restan só 12.000), un amplo número de afectados atópase ante unha espera que pode demorarse máis dun ano, nunha situación na que un mes pode supoñer a diferenza entre a vida e a morte. A falta de recoñecemento deste drama coma unha “crise de refuxiados”, dado que non se considera conflito bélico a violencia das pandillas, non axuda ás súas posibilidades de asilo. Condénase así a escoller entre migración a través de canles clandestinas ou afrontar un aciago futuro no país.

 

Alexandre Rey Parrado,

licenciado en Historia (USC) e estudante no Master “Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais” (USC/CESEG), actualmente realiza prácticas no IGADI.

 

 

Citas bibliográficas:

(1) http://www.asamblea.gob.sv/sesion-plenaria/seguimiento/legislatura-2015-2018/no-42-del-01-abr-2016/dictamenes/comision-de-seguridad-publica-y-combate-a-la-narcoactividad/comision-de-seguridad-publica-y-combate-a-la-narcoactividad-dictamen-no.-14-favorable/archivo_pdf_utilsAL

(2) PASTOR GÓMEZ, María Luisa: “El Salvador: recrudecimiento de la violencia y ofensiva del gobierno contra las maras”, Instituto Español de Estudios Estratégicos (IEEE). Documento Informativo 20/04/2016 pp.4-5. http://www.ieee.es/Galerias/fichero/docs_informativos/2016/DIEEEI03-2016_El_Salvador_Maras_MLPG.pdf

(3) BELTRÁN, Adriana ; SCORPIO, Carolyn: “El Salvador: ¿Haciéndose la vista gorda a los abusos policiales y ejecucionesextrajudiciales?Oficina en Washington para asuntos Latinoamericanos (WOLA), 8/2016 https://www.wola.org/es/analisis/el-salvador-haciendose-de-la-vista-gorda-los-abusos-policiales-y-ejecuciones-extrajudiciales/

(4) https://goo.gl/dlCqiE