O mes de abril foi dos máis tráxicos para as tropas da coalición presentes en Iraq. Segundo cálculos do Iraq Coalition Casualty Count, un organismo británico citado polo Financial Times, con 117 mortos, sitúase en cuarta posición pola importancia das perdas rexistradas nos tres anos que levamos de ocupación. E o que é peor, as previsións non son nada optimistas dado que, se a presenza de militares reforzase cada día máis, outro tanto acontece coa determinación dos insurxentes, empeñados en facer a vida imposible ás tropas ocupantes mediante o perfeccionamento constante das súas "armas", dende o camión bomba a francotiradores, facendo do país un territorio imposible para a convivencia normal e aumentando os temores a que se produzan novos e temibles atentados no exterior, en especial en Estados Unidos.
Cabe imaxinar que semellante reflexión estaría no maxín de Blair cando anunciou a súa saída de Downing Street ante os xornalistas e electores da súa circunscrición de Sedgefield. El vaise, pero as tropas británicas aínda quedarán por un tempo. Respecto do seu legado, varios historiadores entrevistados polo diario The Guardian coincidían ao sinalar que a súa toma de posición a propósito desta guerra foi o peor erro da década Blair ata o punto de escurecer todo o que cualifican de positivo, dende a modernización do laborismo ata o acordo de Venres Santo ou o empuxe que lle deu ao Reino Unido para instalalo de modo pleno na economía global. Aínda así, Blair segue obstinado e sen recoñecer o seu erro: "coa man no corazón, podo dicirlles que non fixen máis que o estimado xusto e bo para o meu país", acabou dicindo.
O seu sucesor a partir do 27 de xuño, Gordon Brown, xa adiantou unha viraxe de 180 graos na política británica en relación ao Medio Oriente na perspectiva de integrar a Irán en calquera discusión respecto do futuro de Iraq. Soamente cun xesto moi significativo en dirección a Teherán se poderá saír do actual impasse e evitar un desastre maior en toda a rexión, apunta o actual ministro de finanzas de Londres. A segunda novidade é a relativa a ese terreo ideolóxico onde Occidente gañou a guerra fría fronte ao comunismo e onde agora tentaría gañar de novo fronte ao islamismo radical. Non se poden pacificar territorios sen gañar os corazóns e os espíritos, veu a dicir Brown. En resumidas contas, a visión "blairista" de Oriente Medio ten os días contados. Tantos coma lle restan ao propio Blair como primeiro ministro do Reino Unido. Con todo, son formas de contar menos duras e dramáticas.