Bloques económicos e libre comercio

Rematou en Washington a primeira rolda de conversas entre EUA e a UE sobre a Asociación Transatlántica de Comercio e Investimento (TTIP, polas súas siglas en inglés). A seguinte rolda será en outubro en Bruxelas. Polo momento, os negociadores estableceron o marco das discusións futuras. O ánimo que impulsa as conversas é a convicción de que o proxecto inxectará impulso nas dúas economías e reforzará as súas posicións á hora de contar cun maior peso aínda na definición da lexislación internacional comercial futura e conservar as cotas de poder nas instancias económicas globais, hoxe motivo de controversia.

Apartados xeográficos Otros
Palabras chave China UE EUA TPP TTIP
Idiomas Galego

Rematou en Washington a primeira rolda de conversas entre EUA e a UE sobre a Asociación Transatlántica de Comercio e Investimento (TTIP, polas súas siglas en inglés). A seguinte rolda será en outubro en Bruxelas. Polo momento, os negociadores estableceron o marco das discusións futuras. O ánimo que impulsa as conversas é a convicción de que o proxecto inxectará impulso nas dúas economías e reforzará as súas posicións á hora de contar cun maior peso aínda na definición da lexislación internacional comercial futura e conservar as cotas de poder nas instancias económicas globais, hoxe motivo de controversia.

De consumarse, o acordo daría lugar á maior área de libre comercio do mundo. Un estudo da Comisión Europea sinala que sumaría arredor de 119.000 millóns de euros ao ano á economía da UE e 95.000 millóns de euros á economía de EUA. Segundo outro estudo da Cámara de Comercio de EUA a súa eventual aprobación achegaría 120.000 millóns de dólares aos 650.000 millóns anuais que na actualidade xera o comercio bilateral.

Tralo pomposo anuncio da vontade de establecer “un mundo aberto e baseado nos regulamentos”, como dixo o presidente Barroso a propósito destas negociacións, está tamén a necesidade de dar cumprida resposta ao impulso das economías emerxentes, claramente perceptible nos últimos anos. Un acordo entre a UE e EUA contribuirá a asegurar a súa capacidade negociadora e permitiralles tomar a iniciativa en moitos campos sinalando pautas susceptibles de globalizarse en maior medida preservando o seu liderado. Bautizada xa como a nova OTAN económica aglutinaría o 50% da actividade económica mundial, converténdose nunha peza clave para contrarrestar o crecente poder económico de China, o gran rival estratéxico de Occidente. Ambas as dúas partes conceden grande importancia a este proxecto. Nin sequera o grave escándalo de espionaxe, cinicamente reprobado desde a UE, logrou enturbar o bo clima das conversas. É moito o que está en xogo como para ser posto en perigo pola defensa desas liberdades que a UE sempre enalteceu como sinal de identidade do proxecto europeísta. 

Cabe sinalar que en paralelo, en Malaisia celebrábase unha nova rolda negociadora (van dezaoito) do Acordo Transpacífico (TPP, siglas en inglés), decisiva para dar cumprimento ao mandato dos promotores de concluíren o acordo antes de finais de ano. Nas negociacións participan Australia, Brunei, Canadá, Chile, Malaisia, México, Nova Celandia, Perú, Singapur, EUA e Vietnam. Xapón participou nas conversas por primeira vez. A falta de transparencia e a vontade de exclusión de China do proceso anticipan a formación dun bloque xeoeconómico que tentará igualmente contrarrestar o empuxe do xigante oriental.

O libre comercio avanza, pero por bloques coma tenazas e con claros obxectivos xeoestratéxicos. O principal, conter a puxanza de Oriente.