"Terra dos homes honestos" é o significado de Burkina Faso, nome adoptado oficialmente en xullo do 1984 por un país que ata entón denominábase Alto Volta, unha antiga colonia francesa que se independizou da metrópole o 5 de agosto do 1960.
En Burkina Faso non hai conflitos de índole relixiosa entre musulmáns, que forman arredor do 60 % da poboación, cristiáns, que son un 25% e animistas, outro 15 %, nun censo en cuxos porcentaxes non hai unanimidade.
A insurxencia Tuareg que escomenzou no 2012 nos países veciños de Malí e Níxer, tivo certo impacto nas zonas fronteirizas de Burkina Faso xa que acollen a unha poboación Tuareg de perto de 100.000 persoas. Ese mesmo ano, grupos terroristas de inspiración xihadista fixéronse co control de territorios ao norte do país, control que se viu truncado pola intervención das forzas armadas francesas no marco da operación Serval. A perda de territorio non neutralizou a ameaza xihadista.
En maio do 2015 o grupo Al Morabitoun, comandado por Mokhtar Belmokhtar, reivindicou o secuestro, cometido un mes antes, do cidadán de romanés Gherghut Lulial, que realizaba funcións de seguridade nunha mina de manganeso en Tambao. En agosto dese ano tres individuos armados atacaron un posto fronteirizo en Oursi, perto das fronteiras de Malí e Níxer, ferindo de gravidade a un xendarme, que finalmente morreu, e a un civil que resultou ser a filla do comandante da brigada. Algunhas testemuñas afirmaron que os atacantes reivindicaron súa militancia en Boko Haram.
Meses despois, o 09 de outubro do 2015, un comunicado do xeneral de brigada Pingrenoma Zagre, Xefe do Estado Maior Xeneral dos Exércitos, confirmaba a morte de tres xendarmes durante o ataque cometido por uns cincuenta homes armados procedentes da fronteira oeste de Burkina Faso contra o posto da Xendarmería de Samorogouan. O atentado foi atribuído ao Fronte de Liberación de Macina (FLM).
No seu discurso de investidura, pronunciado o 29 de decembro do 2015, o presidente Roch Marc Christian Kabore constatou que a situación securitaria, no mundo en xeneral e na sub-rexión oeste africana en particular, era especialmente preocupante dada a amplitude tanto das ameazas coma das accións terroristas. Por iso, facía un chamamento a por en común medios de defensa e recursos de información entre o seu país e aqueles que loitan contra o terrorismo no mundo.
A comezos do 2016, a capital de Burkina Faso, Ouagadougou, foi escenario dun ataque terrorista de inspiración xihadista que provocou 30 mortos de 18 nacionalidades diferentes e máis de 150 feridos. Un grupo de entre 30 e 50 individuos fortemente armados con fusís de asalto e lanzagranadas atacaron a cafetería Cappuccino, os hoteis Yibi e Splendid e a cafetería Taxi Brousse. A acción foi reivindicada conxuntamente por Al Qaeda no Magreb Islámico (AQMI) e Al Mourabitoun no que foi súa primeira acción coordinada despois de que o 04 de decembro de 2015 o líder de AQMI Abdelmalek Droukdel (eliminado xunto con outros colaboradores nun ataque francés en xunio do 2020), anunciase a fusión da súa organización co grupo comandado por Belmokhtar.
En setembro do 2016 entrou en escea en Burkina Faso unha filial do Daesh. Un ataque contra un posto aduaneiro en Markoye no que resultaron asasinadas dúas persoas foi reivindicado por Adnan Abu Walid al Sahrawi, quen no 2015 xa pronunciara o bay'ah (xuramento de lealdade) ao entón líder do Daesh, Abu Baker al Baghdadi. O 30 de outubro do 2016 a través da Axencia de Noticias Amaq, o bay'ah foi aceptado oficialmente e al Sahrawi converteuse no líder dunha wilaya (provincia) de Daesh denominada Estado Islámico do Gran Sahara (EIGS) . Ao mes seguinte, outro ataque do EIGS contra unha base do exército burkinés na localidade de Intangom, situada no extremo norte del país, perto da fronteira con Malí, acabou coa vida de tres soldados.
Esa orde de cousas coincidiu no tempo co desmantelamento do RSP (Rexemento de Seguridade Presidencial). Esta forza de elite foi creada por Blaise Compaoré e perante máis de 27 anos constituíu unha ameaza para os cidadáns burkineses debido aos brutais métodos que empregaban. O RSP foi disolto no 2015 polo seu apoio ao finalmente frustrado alzamento do xeneral Gilbert Diendéré o que converteu a moitos dos seus membros en prófugos da xustiza. A un destes fuxitivos, Boubacar Sawadogo atribuíselle o establecemento de contactos co líder de Ansarul Islam, segundo unha comunicación interceptada polos servizos de intelixencia.
Posteriormente sóubose que Sawadogo, alias Boubacar Mossi, converteuse nun cadro dirixente de Ansar Dine ata que foi detido en xullo do 2016 polas forzas de seguridade malienses en Sikasso. Boubacar Sawadogo foi o responsable dun atentado en Samorogouan, o suroeste de Burkina Faso, o 09 de outubro do 2015 no que foron asasinados tres xendarmes.
En decembro do 2016 un grupo duns corenta individuos, a bordo de vehículos todo terreo e motocicletas, armados con fusís Kalashnikov e lanzagranadas, atacaron un destacamento do exército con sede en Nassoumbou ao norte de Burkina Faso, a trinta quilómetros da fronteira con Malí. No ataque foron asasinados doce militares. A organización xihadista Ansarul Islam, reivindicou o atentado.
O 27 de marzo do 2017 compareceu publicamente en Ouagadougou o ministro de Seguridade, Simon Compaoré, quen constatou que período comprendido entre o 2015 e o 2016 tiveran acontecido no país máis de vinte ataques ou agresións de natureza terrorista contra as forzas de defensa, de seguridade ou contra obxetivos civís.
Compaoré enumerou aos grupos terroristas que operaban con máis frecuencia no territorio de Burkina Faso: O Estado Islámico do Gran Sahara (EIGS), Ansar Dine, Ansaurul Islam, a Fronte de Liberación de Macina (FLM), Al Morabitoun e Al Qaeda no Magreb Islámico (AQMI). Estes catro últimos están unidos dende o 2 de marzo 2017 baixo a denominación de «Grupo de Apoio ao Islam e aos Musulmáns» - Jamaat Nasr Al Islam Wa Al Mouslimin (JNIM) .
Un informe (xunio de 2020) do Observatoire pour la démocratie et les droits de l'homme (ODDH) recolle que entre abril do 2015 e maio do 2020 os xihadistas cometeron ao menos 580 atentados en territorio de Burkina Faso. Destes, 221 foron contra militares e forzas de seguridade, que deixaron 436 mortos e 310 feridos; 359 contra obxetivos civís, que provocaron 1.219 vítimas mortais e 349 feridos. Ao menos en 45 destes ataques empregáronse AEIs (Artefactos Explosivos Improvisados).Tamén houbo 76 casos de secuestro que computaron 181 vítimas. Ademais, as forzas armadas burkinesas responsabilízaselles da morte de 588 civís.
Segundo un documento do International Crisis Group (febreiro de 2020) os grupos máis activos en Burkina Faso son: JNIM que opera nas provincias de Soum (rexión do Sahel), Bam e Sanmatenga (Centro-Norte); a “Provincia de África Occidental do Estado Islámico” (que ademais de Burkina Faso engloba a Nixeria, Níxer, Chad, Malí e Camerún) cuxa área de influencia abarca dende a provincia de Oudalan (rexión do Sahel) ata as de Soum, Namentenga (Centro-Norte) e Sanmatenga finalmente está Ansarul Islam que prestou apoio a filial do Daesh para perpetrar un ataque en Koutougou o 19 de agosto do 2019 no que foron asasinados 24 militares
O Global Terrorism Index (GTI) 2020 elaborado polo Institute for Economics & Peace advirte que o eixo da actividade xihadista do Daesh pivotou dende o Medio Oriente ata África cun aumento do 67% no número de persoas asasinadas respecto do ano 2019. Ao longo dese período ao Daesh responsabilízaselle de acabar coa vida de 982 persoas, o 41% do total das vítimas mortais do grupo terrorista. O GTI-2020 sinala que «Sete dos 10 países co maior aumento do terrorismo atópanse na África subsahariana: Burkina Faso, Mozambique, República Democrática do Congo, Malí, Níxer, Camerún e Etiopía».
A noite do 5 ao 6 de xunio de 2021 prodúxose o ataque xihadista máis mortal ata a data. Solhan, unha pequena localidade situada a uns quince kilómetros de Sebba, cabeceira da provincia de Yagha ao nordeste do país foi obxeto dun violento ataque que deixou un balance de 160 persoas asesinadas.
O terrorismo ten ademais outra dramática derivada: o desprazamento da poboación para fuxir da violencia. O Ministro de Comunicación e portavoz do goberno burkinés Ousséni Tamboura, nunha comparecencia que tivo lugar o 14 de xullo do 2021, sinalou que só perante o primeiro semestre do 2021 foran rexistrados un total de 237. 078 desprazamentos internos pasando de 1.074. 993 desprazados (a 31 decembro do 2020) a 1.312.071 a 30 de xunio de 2021, destas persoas , un 60.55 % serían meniños en un 23.4 % mulleres. Todo isto nun país cunha poboación estimada en 21.382.659 habitantes.
Burkina Faso, un dos países máis pobres do mundo, sofre o terrorismo xihadista no marco dunha poliarquía armada na que se solapan ademais dos propios terroristas, grupos de autodefensa e bandas criminais ante un estado incapaz de afrontar a ameaza en toda a súa dimensión cos seus propios medios. Esta ameaza, compartida polos países veciños da franxa saheliana nunha zona na que as fronteiras en non poucas ocasións non son máis que liñas na area, parece experimentar unha tendencia a alza nunha rexión próxima, moito máis cerca do que parece, a fronteira sur da Unión Europea.