Teño na lembranza os anos do Instituto, da miña activa militancia en ERGA e os momentos de presión sobre o profesorado, tempos difíciles para persoas que como Carlos rebordaban ánimo conciliador cando todo ó seu redor convidaba á ruptura e ó conflicto. Daquela, en Cangas, Carlos Casares, mal visto por ese talante que non comprendiamos, ofrecianos unha lección de futuro que anos adiante habiamos valorar mellor, comentaballe nunha ocasión a Manolo Rodríguez, a quen sempre alcumamos o Filósofo, amigo tan próximo. A pesar das distancias que nos podían separar, no seu piso do Espiritu Santo, na subida a Coiro, podiamos pasar unha tarde enteira a falar da dificil situación de América Latina, dun volcán a piques de estoupar… era 1975.
Co paso do tempo houbo ocasións abondo para cimentar esa relación de afecto a través de Grial, de Galaxia, das conversas con Ramonet ou Saramago nunha sobremesa nos da Ponte, do traballo de Christian a facer a prestación social no Igadi, das tardes de verán no porche de Vilariño comentando as miserias da vida municipal. Avelino Fernández, aquel alcalde túzaro de Nigrán, tiñao na lista negra por animar un acto de desagravio a Castelao cando a tan célebre mandatario se lle ocorreu, caso único en Galicia, retirar o seu nome dunha avenida principal. Os demáis, Bautista, Alonso Montero, etc, marcharon para as súas casas despois do acto. Carlos, como Xulián Maure, quedouse en Nigrán a padecer dende entón a neura de quen se aliaría semanas máis tarde co lusismo para lavar os seus pecados.
Carlos nunca sabía dicir que non. Falaraslle de escribir un Bando para que os Concellos comunicaran aos veciños o seu compromiso coa cooperación e a solidariedade internacional, para recibir a un amigo que viña de lonxe ou para presentar un libro. Estivo elocuente e sincero cando presentamos hai só un par de meses o meu Sempre no Mundo, en Baiona. Na cea xurdiu o comentario dos meus adiantos no dominio do putonghua. Aos poucos días enviabame a edición en chinés de O Principiño. Asi era Carlos, xeneroso, entrañable, un home cordial por cultura. Non sabemos se podería ser doutra maneira, pero foi quen quería ser.