Non hai día que no Congreso de EEUU non se fale de China. No outeiro do Capitolio, os temas sobre China levan a dianteira, sen que ningún outro país iguale ao coloso oriental tanto en debates como en proxectos de resolución presentados polos congresistas. Durante 2004 presentáronse preto de cen mocións e este 2005 vai polo mesmo camiño, con toda a secuencia de audiencias, foros e reunións que provoca cada unha destas iniciativas que convocan a numeroso público e abundantes medios de comunicación. ¿Hai psicose con China? Así parece.
China esforzase por calmar as augas, intentando que a súa emerxencia a todos os niveis sexa dixerida de xeito pacífico pola única superpotencia do planeta. O 21 de xullo, o Banco central anunciaba a reforma do mecanismo do yuan, a moeda nacional chinesa, adoptando un sistema flotante, tal e como viñan reclamando dende hai tempo as autoridades estadounidenses e europeas. O xesto chino, expresión de boa vontade ante a multiplicación de diferenzas notorias en materias como o téxtil, o calzado e outros moitos que virán, segundo Andy Xie, experto da rexión Asia-Pacífico da compañía Morgan Stanly, non implica máis que unha reforma gradual do sistema financeiro de China, pero que ninguén pense que este país se vai suicidar economicamente en favor dos intereses financeiros de EEUU, a quen non dubida en cualificar de parásito dos mercados. China aprendeu as dolorosas leccións da revaluación do yen na década dos oitenta, cando Xapón consentiu en someterse á presión estadounidense, iniciando unha senda de estancamento da que aínda hoxe non logrou saír.
As diferenzas xurdidas a propósito da adquisición da petroleira Unocal por unha empresa china, a CNOOC, intento finalmente abandonado por mor das presións políticas de Washington, din moito das desconfianzas, temores e desvelos que envolven as relacións entre as dúas potencias.
Pero non acaban aí. O recente informe do Pentágono sobre as capacidades militares de China, abundan nas afirmacións feitas unhas semanas días antes por Rumsfeld en Singapur, nas que veu a denunciar a escalada armamentista de China que, segundo este declarado pacifista, tería propósitos agresivos e non defensivos. O Pentágono conta para 2005 cun orzamento de 417,6 mil millóns de dólares, sen incluír os gastos de Afganistán, Iraq e a seguridade interior (que sumarían 90,2 mil millóns de dólares máis) fronte aos 25,5 mil millóns do goberno chino, que serían 56 mil millóns segundo o SIPRI (Stockholm International Peace Research Institute), pero a ameaza é China e non EEUU. O gasto militar per cápita de EEUU é 77 veces superior ao de China, e o seu orzamento militar é superior ao combinado do resto do mundo.
Os esaxerados cálculos de Washington a propósito das capacidades militares chinas e a súa insistencia na ameaza que supoñen para a rexión e para o mundo serven para xustificar os seus avultados orzamentos e fundamentar as súas chamadas ao rearme dalgúns países da rexión, especialmente Taiwán e Xapón, ademais de evitar o cuestionamento da súa presenza na zona.
Pero as diferenzas nestas estimacións son expresión doutras de maior calado. Non soamente se trata de culpar a China de todo o habido e por haber, ata do incremento dos prezos do petróleo (as súas cifras de importación representan hoxe o 6,6% do total mundial), para xerar un clima mundial de hostilidade. A presenza estadounidense en Asia central a raíz do 11S, as aproximacións a India e o reforzamento dos vínculos con Paquistán, os intentos de obter o alugamento da base de Kamrang en Vietnam, dan conta do propósito estadounidense de cercar a China, nunha estratexia de contención da súa emerxencia. Na última xuntanza da Organización de Cooperación de Shanghai, instouse a retirada das tropas norteamericanas, motivando unha rápida visita de Rumsfeld á zona para desactivar a demanda, mentres circulaban noticias de que a situación en Afganistán empeoraba. Non sairán tan facilmente.
Nesa perspectiva, o que máis preocupa é o futuro das relacións con Taiwán. Nos últimos días de xullo, o ex ministro de exteriores chino, Tang Jiaxuan, visitou EEUU para tratar de convencer a Administración Bush dun manexo responsable deste asunto, no que Washington dispón dunha considerable influenza. Tang foi recibido por unha resolución do Congreso na que se instaba á Casa Branca a acoller con todos os honores aos máximos dirixentes de Taiwán, algo que Beijing considera unha inxerencia nos seus asuntos internos. Un xeneral chino, Zhu Chenhu, declaraba hai unhas semanas á prensa de Hong Kong, que China estaría disposta a usar o arma nuclear para defender a integridade territorial.
En setembro reuniranse Bush e Hu Jintao. Terán por diante un diálogo difícil.