Dende unha perspectiva histórica, os seus cabalos adoitan interpretarse como unha alegoría daquela China humillada pero non derrotada, especialmente durante a guerra contra o Xapón.Igualmente foi un reformador da arte chinesa e unha figura institucional clave despois de 1949.
A piques de comezar nos próximos días, no Ano Chinés do Cabalo, un dos signos máis dinámicos e carismáticos do seu zodíaco, Xu Beihong será lembrado unha vez máis, e as súas pinturas asociaranse con esa imaxe de enerxía, movemento e cambio.
Na cultura política chinesa, o Cabalo, máis alá dos matices, anuncia un período de aceleración e crecemento, de expansión, unha etapa de asunción de riscos pero tamén de determinación para acadar os obxectivos establecidos que este ano vannos levar de cheo ao XV Plan Quinquenal (2026-2030), que se aprobará o próximo marzo nas “dúas sesións”.
O Cabalo é un bo retrato desa China actual, forte, paciente, reflexiva pero non estancada, reacia aos conflitos, concentrada e centrada en completar longas viaxes. É unha China chea de coraxe, con sentido da oportunidade, que outea xa eses novos horizontes trazados hai case dous séculos.
O espírito do Cabalo aliñase perfectamente cos obxectivos estratéxicos a longo prazo, especialmente na fase crítica actual da súa planificación. Na economía, podemos esperar un impulso á innovación tecnolóxica e á autosuficiencia. O Cabalo representa a velocidade, e a axenda priorizaría os rápidos avances en sectores clave, dende a IA ata os vehículos eléctricos, a enerxía limpa e o sector aeroespacial. Poderíanse anunciar fitos significativos en misións espaciais ou logros en chips semicondutores para demostrar este “progreso a toda velocidade”. Do mesmo xeito, acelerará a transición dun modelo de investimento/inmobiliario a outro baseado no consumo interno e na alta tecnoloxía.
Un aspecto importante debera ser o desenvolvemento social. Do mesmo xeito que o cabalo busca bos pastos, podemos esperar a promoción de políticas máis activas baixo o paraugas da “Prosperidade Común”, con énfase na revitalización rural e medidas para mellorar o benestar (seguridade social, incentivos á natalidade). A poboación chinesa debe “sentir” máis o progreso.
Complementariamente, a estabilidade e a seguridade seguirán desempeñando un papel fundamental, evitando os riscos adicionais daquel cabalo que se descontrola e outros problemas potenciais. A estabilidade social é unha prioridade máxima nun ano potencialmente dinámico, que require unha maior seguridade en todas as súas formas, desde a política (o vindeiro congreso do PCCh será en 2027) ata a ciberseguridade.
A mensaxe interna de unidade e confianza no rumbo establecido subliñará a importancia de perseverar no desenvolvemento. A clave é un cabalo ben guiado. O PCCh volverá advertir contra a “impaciencia”, pero sobre todo contra o “individualismo” (o cabalo que se afasta da manda), aliñándoo coa necesidade de unidade e planificación colectiva.
Apelando ao Cabalo como un antigo medio de conexión continental, na política internacional, China afronta un escenario complexo e deberá xestionar a resistencia e os retrocesos que seguramente atopará no camiño, especialmente en áreas como América Latina e o Caribe (ALC) e en proxectos asociados á Franxa e a Ruta. Por unha banda, este desexo de “galopar” debe fortalecer as alianzas no Sur Global, presentando a China como un socio estable e en rápido progreso. Por outra, debe xestionar habilmente as relacións con Occidente (EUA, UE), combinando a firmeza en cuestións clave (Taiwán, tecnoloxía) con xestos de cooperación en áreas globais (clima, saúde).
A axenda de China para o Ano do Cabalo non é un cambio de rumbo, senón unha intensificación do ritmo actual. Será o de finalizar a planificación do XV Plan Quinquenal (2026-2030), cunha énfase no impulso á súa implementación.
O simbolismo do Cabalo proporcionará un poderoso marco cultural para empaquetar políticas de crecemento rápido, proxección de poder brando e estabilidade interna, todo temperado polo elemento Fogo, que impulsa cara a un crecemento máis enérxico e sen medo a novos horizontes. En esencia, será un ano para “poñer a Gran Estratexia a galope”, pero sempre coas rendas firmemente suxeitas.

